A poesía de Yolanda Castaño protagoniza o 'Sermos Galiza' desta fin de semana

Ana Kiro e Emilio Araúxo tamén fan parte do semanario desta fin de semana.
Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana (Foto: Nós Diario).
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana (Foto: Nós Diario).

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante a fin de semana. Desta vez a protagonista é a gañadora do premio nacional de poesía, Yolanda Castaño.

Nunha entrevista feita por Montse Fajardo, esta explica antes da conversa coa poeta que “Yolanda Castaño (Compostela, 1977) vén de recibir o Premio da Cultura Galega logo de que o seu libro Materia (Xerais) conseguise o da Crítica e o Nacional de Poesía, nunha sorte de karma para quen sempre puxo por riba o pulo da escrita á estabilidade material”.

Ana Kiro

Abre este número do Sermos cunha reportaxe sobre a cantante Ana Kiro, elaborada por Iago Varela.

"A Coruña acolle o AI Song Contest, o Eurovisión da intelixencia artificial. Galiza participa no certame representada co tema ‘Florespiña’, na voz de Ana Kiro, unha das grandes referentes da canción lixeira no noso país”, indica Varela no texto da reportaxe.

Previamente, na páxina de apertura, a escritora Olga Novo ofrece unha reflexión titulada ‘A paz profunda’.

Emilio Araúxo

A segunda reportaxe do semanario foi elaborada por Antón Mascato e titúlase ‘Emilio Araúxo, a memoria da tribo’.

Mascato explica que “Emilio Araúxo é a "impersonaxe", a "non personaxe", papel que reivindica para si mesmo desde o "non protagonismo" da súa enorme modestia”.

Literatura, música, cinema...

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Manuel Barreiro analizan na sección de libros dúas obras.

No apartado musical, Olga Brañas analiza o disco da Orquestra Galega de Liberación. Pola súa parte, Uxía Bolaño, Tania Caamaño e Xiana Lastra asinan un artigo que leva por nome ‘Avances e mudanzas no panorama musical galego actual, unha achega desde o ámbito educativo’.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Os asasinos da lúa: “Tres horas e media da túa vida moi ben invertidas, cousa que está ao alcance de moi poucos. Non sobra nada. Todo ben de principio a fin”, indica Castro a respecto do filme.

Sole Felloza ofrécenos unha nova entrega na sección de Patrimonio Oral mentres Lázaro Armental fai o propio na sección de Arquitectura. Pola súa parte, Pepe Barro escribe unha peza para a sección de Deseño que leva por título ‘Cartas explosivas’.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios