Contracultura

Xabier Paz: "A poesía non deixa de ser unha linguaxe sobre outra linguaxe, é un dos milagres da vida"

Xabier Paz, doutor en Bioloxía e escritor, regresa á poesía despois de 17 anos cunha plaquette editada en formato bilingüe en galego e francés. 
 
Xabier Paz é doutor en Ciencias Biolóxicas e autor de poesía e narrativa (Foto: Nós Diario).
photo_camera Xabier Paz é doutor en Ciencias Biolóxicas e autor de poesía e narrativa (Foto: Nós Diario).

—Por que volver á poesía desta maneira?
Xavier Queipo estivo 30 anos traballando en Bruxelas e alí fixo moitas amizades e relacións, entre elas, Laurine Rousselet, unha muller que se dedica á literatura, que ten programas de radio e que, entre outras iniciativas, conta cunha colección chamada Cadernos do achegamento. Son unhas obras editadas con moito esmero, mais tamén con sobriedade e que sempre son bilingües, ben sexa entre idiomas máis ou menos coñecidos, como o croata ou o bretón.

Entón, Queipo presentou o ano pasado o seu libro e pediume ver os poemas que eu tiña escritos e gardados, porque xa nos coñecemos desde hai máis de 40 anos. Daquela eu tiña un poemario rematado cun apartado chamado Antroposofa con sete poemas. E así chegamos a unha publicación pequena, son só 16 páxinas, que foi traducida por Fátima Rodríguez, que é de Pontedeume mais que traballa como poeta e crítica literaria en Francia. 

Baixo o meu punto de vista, co meu pobre dominio do francés, é unha tradución excelente. Decidín publicar así animado pola petición e a posibilidade que me ofreceu Queipo. A vida cambia moito e eu son un escritor serodio, neste mundo de présas vese que estou desfasado. Comecei publicando libros de poemas, catro en concreto, e despois dediqueime a traballar a prosa, publicando algunhas novelas.

Pasoume a fogaxe poética, máis propia quizais da xuventude. Porque a poesía é un xénero curioso, quizais pola dificultade de publicar ou quizais pola falta de ambiente ao meu arredor que me dera ese impulso para publicar, deime de conta de que xa ían case máis de 15 anos desde que gardei estes versos. 
O tempo pasa bastante rápido e cando te queres dar de conta xa estás ocupado coa narrativa, que parece que ten un pouco máis de eco. 

—Con todo, unha plaquette non deixa de ser un formato especial, case de colección
Si, evidentemente. Por unha banda son algo moi modesto, cun lavado e un forro translúcido. Tamén é difícil de conseguir: en Vigo só se poden conseguir en Río Lagares ou mandándoos pedir. É un obxecto moi agradábel e delicado, como un perfume, un detalle en pequeno formato, porque non chega a ser un poemario. Aliás, tamén traen un pequeno gravado feito en madeira e reproducido na portada e nunha páxina completa das interiores. 

—Di que lle faltou o ambiente para publicar. Por que?
A poesía lea quen fai poesía e pouco máis. É como a filosofía: manteñen un raro prestixio, mais falso porque ninguén le poesía e menos a merca. A filosofía só a merca o profesor, o alumnado e catro persoas máis. Digamos que non tiña moita motivación, estaba desganado, mais tampouco había unha razón clara.

O oco que nun momento dado ocupaba a poesía e vista a escasa repercusión e o pequeno desgaste que arrastraba pasou a ocupalo a prosa, que me entretiña máis. A prosa esixe un traballo máis continuado, mentres que a poesía esixe un estado de ánimo moi concreto, tanto para lela como para escribila. Non se pode ler poesía en calquera momento. Sempre que lemos hai un proceso de dobre descodificación: por unha banda, deses signos que chamamos letras, e por outra, da narrativa, imaxinando o mundo e facéndoo noso. 

Non hai unha construción igual dun mundo en dúas persoas porque as caras ou os ambientes mudan. Hai probas neurolóxicas que mostran que cando unha persoa le entran en actividade máis zonas do cerebro que cando escoita música ou cando fala, que tamén son experiencias interesantes. A poesía multiplica iso porque non deixa de ser unha linguaxe sobre outra linguaxe, por iso segue a parecerme un dos milagres da vida. As palabras non significan o que significan normalmente, senón que hai imaxes que poden ter un efecto ou outro. 

E tamén ten as súas regras que hai que coñecer para non aburrirse, como ocorre co xadrez, aínda que nese aspecto a nosa academia é moi pobre, como ocorre coas matemáticas, que non cálculo, ou coa filosofía. 

Comentarios