Cultura

Aira Editorial suma xa 50 mecenas na súa nova campaña

Publicarase un novo "clásico universal ilustrado"
Miyazawa Kenji
photo_camera Miyazawa Kenji

"Á literatura galega fáltalle algo cando non se poden ler en galego obras cumio das letras universais", reivindica Aira Editorial. Esta premisa levou a empresa a pór en marcha unha campaña de mecenado para axudar, e acompañar, a publicación na nosa lingua dun "clásico universal ilustrado por un artista de recoñecido prestixio e cunha nova tradución".

A obra escollida para este 2020 responde á literatura xuvenil xaponesa. Unha noite no tren da Vía Láctea publicarase en versión galega traducido por Gabriel Álvarez, cunha escolma dos relatos de Kenji Miyazawa.  Converterase así no terceiro título da colección, seguindo a Vidas imaxinarias, de Marcel Schwob (2017) e Frankenstein ou o Prometeo moderno, de Mary Shelley (2019).

Aínda que a obra de Miyazawa foi escasa e gozou de pouca atención, os seus contos e poemas son hoxe en día lidos e apreciados tanto no seu país de orixe coma no resto do mundo. Ihatov, o nome do universo máxico que creado polo autor, nutrirá axiña a nosa literatura. A editora valora como fundamental traer máis traducións, "de libros novos e vellos, de clásicos e de autores pouco coñecidos", pois algo que observa como imprescindíbel para que as "letras galegas brillen como merecen".

Librarías e particulares

No mecenado poden participar persoas particulares ou librarías. As primeiras achegan 60 euros de maneira anual, co límite de que só poden ser 100. Desta volta, xa chegaron á metade, sumando 50 achegas. Para as librarías non hai un número máximo, cunha subscrición de 100 euros poden acceder a distintas vantaxes.

Comentarios