mércores 28/10/20
Cultura

'A guerra era contra nós': por unha épica da clase obreira contemporánea

'A guerra era contra nós' facíase en 2019 co Premio Lueiro Rei. O poemario de Carlos da Aira (Elgoibar, 1972) chega agora ás librarías editado por Xerais, cunha densa e frenética prosa lírica que reflexiona sobre a condición humana desde as estacións dun futuro inalcanzábel. Co sabor metálico da distopía, o autor narra en ton lendario todas esas batallas que atravesan o noso presente, nunha dimensión na que por veces os tempos se confunden. Da Aira vén tamén de gañar Ari[t]mar de poesía na categoría galega, con "Nas noites de luar (Prender os fachos, compoñer os ósos)".
Carlos Da Aira [Demian Ortiz].
Carlos Da Aira [Demian Ortiz].

Como obra gañadora do VIII Premio de Poesía Manuel Lueiro Rei, vén de saír do prelo A guerra era contra nós, un poemario que Carlos da Aira asina desde o futuro. Así o revela explicitamente o epílogo, escrito após "tres mil anos da fin da ultima guerra, cando soubemos que amar un irmán era odiar todos os soldados", para ofrecer unha visión do mundo na anacronía desa distopía que nos deixa totalmente espidas no presente.

Desde a consciencia dun espazo e un tempo que non se dará nunca, o autor asume a ambiciosa misión de explicar a humanidade. Este exercicio responde, en gran parte, a unha vontade de "apropiarnos –que non apropiarme– dos esquemas de quen sempre mandou en nós", afirma Da Aira.

"Tanto as lendas como os contos ou a Historia en maiúsculas sempre se contou desde o poder", engade Da Aira

"Tanto as lendas como os contos ou a Historia en maiúsculas sempre se contou desde o poder", engade, nunha retórica que el asume con pretensións subversivas. De tal maneira, ese esquema mitolóxico que lle outorgou polos séculos dos séculos ao relato dominante "unha verdade absoluta" reprodúceo A guerra era contra nós nun xogo que procura "empregar as mesmas armas do poder para falar desde a poesía".

As múltiples faces

Nesa denuncia, a guerra é unha entidade que adquire múltiples formas, que se libran de maneira simultánea en moitos eidos, cun denominador común: son "todas contra nós". Un "nós" co que Da Aira recolle conscientemente o sentir da clase obreira, e pobre, entrando de cheo nunha óptica que se entende desde a concepción da loita de clases.

A violencia agroma na linguaxe como contraface que reborda todos os pregos da vida, cunha radicalidade que prende os ollos. O poemario constrúe así unha reflexión frenética desde as imaxes do cotián, que afondan sobre a condición humana, sobre as represións económicas e morais que atacan os corpos, nosos.

"O capitalismo é a primeira guerra que provoca mortes a diario, cada segundo", afirma Da Aira. Por iso, "a tarefa máis urxente é queimar a fábrica", escribe

"O capitalismo é a primeira guerra que provoca mortes a diario, cada segundo", afirma Da Aira. Por iso, "a tarefa máis urxente é queimar a fábrica", escribe, nun dos poemas que considera entre os seus predilectos, volvendo sobre un símbolo abondo recoñecíbel.

"Calquera persoa que lese a Marx, aínda que non comparta a súa visión ideolóxico-política, recoñece na fábrica un punto de alienación", algo que foi tratado desde moitas facetas artísticas. Porén, do espazo industrial, a crítica trasládase ao traballo e a súa concepción, unha das cuestións que para o poeta máis precisa de ser repensada na historia da humanidade.

"A arma máis violenta"

Fronte a isto, érguese o amor como "a arma máis violenta", aprecia o poeta fundido na metáfora. "Sempre nos inculcaron a idea de que a violencia, cando a exercemos nós, de abaixo cara a arriba, é terrorismo, mais se vén de arriba cara a abaixo é unha necesidade", expresa. Emerxe así no libro a visión dos "ollos do terror" a través dos "escudos de policarbonato".

"O amor é a primeira arma que debemos coller para despois empregala dun modo práctico", entende Da Aira. Porque "sen amor non hai loita posíbel", di, no ronsel de tantos bardos e poetas que cantaron esta mesma mensaxe, desde os eidos profundos do Courel de Novoneyra –"a forza do noso amor non pode ser inútil"– aos País Valencià de Vicent Andrés Estellés, co seu "no podran res davant d'un poble / unit, alegre i combatiu".

"Non facer a análise previa á guerra, non saber contra quen combates, é un dos problemas e unha das grandes batallas gañadas por parte do poder e das elites", opina o poeta

"Non nos doe a dor", senón "sermos francotiradores choscos", escribe Da Aira. "Non facer a análise previa á guerra, non saber contra quen combates, é un dos problemas e unha das grandes batallas gañadas por parte do poder e das elites, seguindo nesta nomenclatura inexacta e metafórica", opina. Algo que se lle fai especialmente evidente ante a inminencia das eleccións, desde a crenza de que "a poesía e o poeta non poden, ou non deben, fuxir da realidade".

A partir da ollada dun suxeito poético colectivo, Da Aira emprega tamén unha escolla do xénero concreto segundo o poema, que ten a intención "de dar voz a todos eles", pois "hoxe en día non se pode falar só en masculino". Ademais, Da Aira considera "unha aberración" pensar a poesía só desde esa perspectiva.

"Hoxe en día non se pode falar só en masculino", di Da Aira

"Eu falo desde min, pero tamén desde todas as mulleres que me habitaron no pasado", explica, en referencia ás devanceiras. Todo isto é algo que asume sen "apropiarse do xénero, sería un desastre que se vise como tal". Igualmente, considera que o feminino se atopa en todos os homes, e "quen non o ten é porque o agocha, o pisa ou o esmaga".

A chamada da oralidade

Froito dun proceso longo e disperso de escrita, mais con consciencia de se tratar dunha unidade, A guerra era contra nós destacaba para o xurado polo "admirábel dominio do poema en prosa". A do autor é unha poesía apegada á verba oral, que incita case de maneira natural a lectura en voz alta, feito que enlaza coa vertente do slam ou do directo na que Da Aira sitúa as súas orixes.

Isto é "máis unha consecuencia que unha vontade", reflexiona, pois a súa relación coa lírica foi durante moito tempo exclusivamente oral. Desde os seus inicios co Comando Esbardalle, pasando polo premio do Slam Poetry de Vigo, Da Aira é para alén do máis músico e observa con normalidade situarse ante o público.

"Todo o que escribo acaba saíndo como algo que necesita poder ser lido ou explicado ante unha audiencia, aínda que sexa hipotética ou imaxinada", reflexiona

"Son bastante exhibicionista nese senso", confesa, o que ten como resultado que "todo o que escribo acaba saíndo como algo que necesita poder ser lido ou explicado ante unha audiencia, aínda que sexa hipotética ou imaxinada". Con todo, segundo admite, se hai poemas que perden ao lelos, son os menos.

Visión da natureza

"O segredo da árbore / é a incoherencia / ser o centro do universo / e existir tan só para dar froito á esgalla". Estes versos dan conta do agromar dunha relación moi particular coa natureza, que se nutre con metáforas ou símiles da realidade cotiá do autor, quen ten o corazón partido entre o esoterismo das teorías de Gaia –a terra como ente vivo– e o materialismo, para o que esa maxia responde a unha visión apropiacionista da mente humana.

Malia nacer na sociedade industrializada de Elgoibar (Euskal Herria), Da Aira criouse en contacto coa terra, mesmo cando só visitaba Allariz dúas veces ao ano. O natural ten para el moito que ofrecer, como aquilo no que "nos podemos reflectir e a onde podemos volver para vivir dunha maneira digna, sa e moito máis apegada ás nosas raíces".

Un graffiti na colmea

A guerra era contra nós é un texto ateigado de "simulacros da fin do mundo", mais que ousa, como describe o poema, "pintar un graffiti na fachada da colmea". Desde a crueza dun presente definido polas batallas, ese lume cruzado entre irmás, non esmorece o valor da propia poesía como axente de cambio.

A guerra era contra nós é un texto ateigado de "simulacros da fin do mundo", mais que ousa, como describe o poema, "pintar un graffiti na fachada da colmea".

E se ben rimar "árbore con semáforo" fai que as verbas se retorzan, Da Aira non renuncia coa contundencia suficiente a que "o mundo mude só porque ti entoas en modo maior". Pois axiña engade: "non sería a primeira vez que o mundo muda por unha causa menor". Nin será a última.

comentarios