Poesía para lembrar Rosalía no 129 aniversario do seu pasamento

No mediodía do 15 de xullo de 1885 morría Rosalía de Castro na casa da Matanza. 129 anos despois, naquel mesmo espazo, a poesía lembra a grande poeta e fundadora da nova literatura galega. 

Rosalía morta, obra de seu fillo Ovidio
photo_camera Rosalía morta, obra de seu fillo Ovidio

Na súa casa da Matanza, despois de tres días de agonía, morría Rosalía de Castro, a grande figura das letras galegas.  Cúmprense 129 anos do seu pasamento e a Fundación Rosalía, con sede na propia casa na que finou, organiza, como cada ano, un acto na súa lembranza no que intervirán José Manuel Blanco, Pepe Barro, e o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero. A seguir, a poesía homenaxeará a grande escritora nas voces de Andrés Fernández, Laura Espiño e Paula Rey, que gañaron o concurso escolar, así como de  Gonzalo Hermo, Ledicia Costas, Luís González Tosar, Cesáreo Sánchez e Luz Pozo. O trío Puntada Sen Fío porá o ramo ao acto co “Música para Rosalía”. 

“Abre esa ventá que quero ver o mar”, escribiu González Besada que lle dixo Rosalía a súa filla Alexandra xusto antes da súa morte.  O fillo Ovidio, con pouco máis de vinte anos, pintaría de maneira tráxica o corpo da nai morta nun óleo que se mostra aínda na casa da Matanza. A poeta sería enterrada no cemiterio de Adina, a pouca distancia da casa familiar, antes de ser trasladada ao Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval.

Comentarios