Poesía para o 130 pasamento de Rosalía 

O 15 de xullo de 1885 falecía na súa casa da Matanza a escritora fundadora da literatura galega contemporánea. 130 anos despois, naquel mesmo espazo hoxe convertido en Casa-Museo de Rosalía a poesía e a música homenaxearán a poeta. 

Rosalía morta, obra de seu fillo Ovidio
photo_camera Rosalía morta, obra de seu fillo Ovidio

Era tamén unha cuarta feira e, por volta do mediodía, falecía a escritora que se ía converter no nome  fundador e indiscutíbel da literatura galega contemporánea. Rosalía de Castro morría na súa casa da Matanza, en Padrón, e o día seguinte sería soterrada no cemiterio de Adina, en Iria Flavia até que, seis anos despois, o seu corpo sería trasladado a San Domingos de Bonaval. De Rosalía morta fica na casa de Padrón exposto o estarrecedor retrato de seu fillo Ovidio. 

Cento trinta anos despois, esta tamén cuarta feira, ás 20 horas un acto poético e musical homenaxeará á escritora na mesma casa na que morreu, hoxe convertida en museo e sede da Fundación Rosalía de Castro. Despois dun saúdo de Ana Blanco, o acto comezará coa presentación do libro que contén os  textos premiados no certame de Poesía Escolar convocado como homenaxe á escritora. A seguir, a poeta María do Carme Kruckenberg, tan relacionada con Rosalía e a propia fundación, será lembrada pola súa biógrafa Mercedes Queixas. 

Música e poesía

As gañadoras do III Concurso Escolar de Poesía, Marcela Porto, Sara Norniella e Fátima Barros ademais de Kathleen March, Luz Pozo, Antía Otero e Oriana Méndez participarán a seguir nun recital poético que rematará coa música para Rosalía de Fran Pérez, Narf, unha das novas propostas que levou os seus poemas a cancións. 

O acto inclúe tamén unha intervención de Carlos Valle arredor de Filgueira Valverde, a quen se lle dedicou o Día das Letras 2015. 

Comentarios