Poemas e flores para Rosalía

Cun acto nacional no Panteón de Galegos Ilustres no día 24 de febreiro, data do seu nacemento, rematará un fin de semana que a Asociación de Escritores e Escritoras (AELG) dedicará a Rosalía de Castro. Convidan a agasallar un libro e unha flor no seu aniversario.
Rosalía de Castro
photo_camera Rosalía de Castro

A AELG fixo público o calendario de actividades para o mes de febreiro, na fin de semana na que se conmemora o aniversario de Rosalía de Castro, nun ano especial no que fan 150 anos da publicación de Cantares Gallegos, que definen como “o primeiro libro íntegro monolingüe do renacemento da nos aliteratura culta”. 

Serán tres xornadas para rememorar Rosalía, a primeira delas, desde os centros de ensino, para o que a asociación literaria propón a organización de lecturas e gravacións audiovisuais arredor de poemas de Cantares Gallegos por parte do alumnado. Ofrecen o seu espazo web como plataforma de difusión dos actos.

Para o sábado 23, a AELG anima a desenvolver lecturas poéticas da obra de Rosalía en cidades e vilas a partir das sete da tarde, nun acto no que tamén se poderá difundir o manifesto da asociación elaborado para a conmemoración. Será o preludio do acto nacional que terá lugar o día 24 ás 12 horas no Panteón de Galegos Ilustres en Compostela no que se homenaxerá á poeta con poemas e unha ofrenda floral. 

Convida tamén a AELG a agasallar un libro en galego e unha flor no día do nacemento de Rosalía de Castro, recollido como Día de Rosalía no Calendario do Libro e da Lectura que publicou a Consellería de Cultura e Educación.

Xunto coas actividades organizadas pola AELG, a entidade colaborará con distintas asociacións e colectivos nos actos de recoñecemento e homenaxe á que consideran unha “escritora fundacional”.

Comentarios