Máis

Pintura para transformar as rúas

A arte urbana estase gañando un oco entre as expresións culturais con máis acollida na Galiza. Desde os festivais espallados polo país até o recoñecemento de organismos como a plataforma Street Art Cities. Estas obras de grandes dimensións pintan con cores as rúas para combater o paso do tempo sobre algúns edificios e para fomentar a creación artística das vilas.
elezisou rexenera fest
photo_camera Mural de Eli Zissou para o Rexenera Fest en Carballo. (Foto: Rexenera Fest)

Se non hai moito tempo a arte urbana aínda se asociaba coas marxes da sociedade e as firmas de graffiti, nos últimos anos a calidade das obras, o auxe e promoción de diferentes artistas, ou a existencia de festivais que recoñecen desde as institucións o valor cultural destas mostras pictóricas, conseguiron cambiar o imaxinario global que o muralismo transmitía na cidadanía.

Así, sen esquecer as orixes nin as mostras primixenias do graffiti galego, na actualidade existen poucas vilas e cidades que non expoñan algunha destas obras de arte a gran tamaño. Algunhas delas mesmo con grandes recoñecementos.

Arte a través da historia

As orixes da arte urbana adoitan atribuírse a París na década dos 60 e tenden a vencellarse cunha forma de expresión reivindicativa de carácter político e de crítica social. Malia todo, a transformación do espazo urbano e a relación entre a cidade e as persoas semellan aparecer sempre como dous factores claves nesta corrente artística. Co tempo, a partir da época dos 2000, o fenómeno foise popularizando froito da súa repercusión mediática e grazas tamén ao recoñecemento masivo de figuras como Banksy. Así, esta expresión artística espallouse até chegar a Galiza.

Para entender a consolidación da arte urbana no país na súa corrente máis popular, é necesario achegarse até o Estudo Mutante Creativo, creado polos irmáns Mou e Sokram, tamén coñecidos polo seu labor como membros do grupo musical Dios ke te crew. Foron eles os que hai xa 16 edicións impulsaron a semente do que agora se coñece como DesOrdes Creativas, un festival de arte urbana celebrado no concello de Ordes e que reúne artistas da Galiza e figuras internacionais para traballar nas pezas que enchen as rúas. Así, foi no ano 2008, no marco da segunda edición do festival de música Brincadeira, cando os dous irmáns decidiron propoñer a introdución dun certame de graffiti, mais o evento foi evolucionado co tempo. Se nos seus inicios as intervencións adoitaban facerse en muros baixos e cun estilo máis próximo ao graffiti tipográfico, agora precísase de guindastres para cubrir de pintura o espazo con ilustracións do máis elaboradas.

Para entender mellor, e con perspectiva de xénero, a historia da arte urbana no país, o Auditorio da Galiza acolle até o 12 de novembro a mostra 1984. Unha xenealoxía feminista da arte urbana galega. Unha exposición a cargo de Clara Rodríguez Cordeiro e Amabel González Troncoso na que se parte do ano 1981, estabelecendo esta data como o inicio do graffiti na Galiza, e na que se analiza o traballo de pioneiras no sector como Seor para chegar até a actualidade a través das obras de diferentes artistas con cadanseu estilo e formato. Unha exposición que permite afondar na capacidade da arte urbana para abandonar as rúas e chegar até os museos e as salas de exposicións, cuestionando con isto unha polémica aínda viva no gremio.

Os murais da Galiza

Desde o Cromático Mural Fest (concello de Cambre, comarca da Coruña), pasando polo Rexenera Fest (concello de Carballo, comarca de Bergantiños) e até chegar ao Compostela Contemporánea (concello de Santiago, comarca de Compostela), xa sexa en pequenas vilas ou en grandes cidades e en moitos casos na busca de facer máis atractivos espazos urbanos mal deseñados ou abandonados polo paso do tempo, son moitos os exemplos de festivais que pretenden a posta en valor das intervencións artísticas na rúa, con pezas que van desde a temática reivindicativa até o recoñecemento de historias, lendas e persoeiros galegos.

Un exemplo disto resulta o EnPEZAS de As Pontes (comarca do Eume) que esixe a unidade temática baixo a proposta de representar elementos distintivos da vila pontesa. Foi baixo o acubillo deste festival que a plataforma europea Street Art Cities seleccionou en 2020 o mural de Nove Noel sobre o bandoleiro Mamede Casanova como un dos mellores do mundo.
Se o que se busca é a lonxevidade, a iniciativa Kaldarte, na comarca de Caldas, localízase como unha das máis senlleiras, celebrándose este ano 0 25 aniversario dunha proposta que non só inclúe murais, senón diferentes formas artísticas de carácter efémero e que ten implicado a máis de 318 artistas a través de 254 obras.

Desde unha das iniciativas máis antigas até unha das máis recentes chégase ao proxecto Istmo que, desenvolto na cidade da Coruña, celebrou este ano a súa primeira edición, mesturando unha fin de festa musical coa creación de seis murais de gran formato espallados por seis lugares da cidade, buscando a conexión entre a cidade histórica e os barrios. Outros exemplos de festivais de arte urbana dentro das sete cidades galegas son o Vigo Cidade de Cor ou o Compostela Contemporánea. A capital atópase tamén relacionada con outros eventos de creación de graffiti, como é o caso do Delas Fest, o festival feminista de arte urbana e contextual que se desenvolve entre as  localidades de Compostela, Ames, Brión e Teo.

Precisamente é nestas datas que moitos destes eventos, favorecidos polo bo tempo que facilita o traballo das artistas, se dan cita. Se hai perto dun mes o Rexenera Fest gravaba as rúas de Carballo da man de artistas galegos como Maz, ou internacionais como a belga Iota, estes días o relevo tómano os de Ordes. Así, desde o día 4 até o 13 de agosto cinco artistas, entre os que se encontran Doa, Mr. Difuz, Alba Fabre, Zane Prater ou Gleo, permanecerán na cidade traballando nos seus murais. Algo antes, e só até mañá, poderase desfrutar do traballo das grafiteiras que se reúnen no marco do Cromático Mural Fest que está a producirse en Cambre.

En Lugo, o Cultururban tamén continúa apropiándose das rúas. Comezou o pasado 20 de xullo cunha exposición itinerante das obras máis destacadas das catro edicións pasadas. Neste cidade, o mural de Xulio César, creado por Diego As para o Urban Cores, resulta un dos máis recoñecidos. Alén dos festivais, son varias as obras, estilos e artistas que comezan a coller forza dentro da memoria colectiva, como a serie das Superavoas creada por Yoseba MP, unha colección de murais repartidos pola Galiza que reclaman a figura das avoas e reivindican o rural galego.

Comentarios