Contracultura

Núria Figueras e Anna Font: "As persoas adultas tamén lle temos medo ao silencio, por iso poñemos a radio e vemos series"

Núria Figueras e Anna Font son a autora e a ilustradora, respectivamente, de 'A visita', a obra gañadora do XVI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado convocado polo Concello de Santiago e a editorial Kalandraka e ao que se presentaron máis de 260 obras de Estados como México, Dinamarca, a China ou Turquía.
Núria Figueras e Anna Font xa traballaran xuntas colaborando en medios de comunicación (Foto: Nós Diario).
photo_camera Núria Figueras e Anna Font xa traballaran xuntas colaborando en medios de comunicación. (Foto: Nós Diario)

—Cal foi o xerme de A visita?
Núria Figueras: Xurdiu dunha lembranza que teño da primeira vez que quedei soa na casa sendo nena. De súpeto, un enorme silencio encheu todo o piso. Fálase moito do medo das crianzas á escuridade ou á noite, mais penso que o silencio é un baleiro que pode chegar a ser moi inquietante para unha crianza tamén. 

A partir de aí construín a historia do pequeno raposo que se enfronta a ese silencio personificado cando a súa nai o deixa só no tobo. Creo que tamén como persoas adultas nos pode dar medo o silencio porque non estamos acostumadas a oírnos: vivimos inmersas nun ruído constante que nos conecta co exterior, mais que a un tempo nos afasta de nós. Evitamos o silencio pondo a radio, falando constantemente, vendo series e demais porque nos custa estar a soas cos nosos pensamentos. Do mesmo modo, enchemos a vida das crianzas con mil actividades porque parece que non poden estar sen facer nada, sen oír nada. 

—Como se personifica o silencio?
Anna Font: Esa foi unha das primeiras cousas que me chamou a atención, tamén porque era un reto. Por unha parte si que temos o costume de ver os animais personificados nos albumes ilustrados, mais trasladar esa idea ao silencio xa é outra cousa. 

Cando lin o texto por primeira vez xa comezaron a virme certas ideas e imaxes á cabeza, algunhas que coinciden con como foi ao final e outras que quedaron polo camiño. Unha das partes que máis me custou foi atopar a forma de que os deseños dos dous personaxes funcionara, para que puidera haber interaccións. Aliás, quería que o contexto fora unha atmosfera case real. É dicir, non engadir máis fantasía, senón que o reto fose precisamente a interacción entre estes dous seres. Tivo a súa dificultade, mais unha vez que conseguín ter unha idea de liñas e de crear unha especie de baleiro tiven claro que tiña que seguir por aí.

Foi moi bonito porque Núria confiou moito en min. Se queríamos presentarnos ao premio non contabamos con moito tempo, polo que comecei a ilustrar e cando xa tiña practicamente todo creado envieillo a ela, que non se imaxinaba como estaba traballando eu. Despois viron semanas intensas nas que nos íamos pondo de acordo para pulir as cousas que faltaban, descartar algo ou ir encaixando o texto... Máis cousas de produción e de detalles para darlle a forma final.

N.F.: Claro, a idea de personificalo era para que as crianzas puideran recoñecer rapidamente certas situacións e sentirse identificadas. Era unha maneira de aterrar unha idea moi abstracta e desde logo todo un reto para Anna. 
Logo, cando vin o personaxe do silencio acabei moi emocionada porque para min xa non podía ser doutra maneira!

—Agora, a súa obra será traducida ás cinco linguas da península. Que significa para vostedes?
N.F.: Foi unha alegría e unha emoción enorme. Púxoseme a pel de galiña cando me chamaron! Ademais, un dos primeiros contos que eu publiquei foi con Kalandraka e teño unha lembranza fantástica desa experiencia. 

A.F.: Despois de envialo eu dicíalle a Núria que cría que nos quedara algo moi bonito, moi digno e moi honesto, polo que, coa experiencia que eu tiña, consideraba que o premio ía ser moi difícil de conseguir, mais que seríamos quen de movelo por editoriais e conseguir publicalo. 
Isto para min é unha inxección de moral porque non sempre é doado facerse un oco na profesión, mais desde logo tamén hai moitísima ilusión polo nivel de recoñecemento e de alcance que supón.

Penso que este proxecto trata un tema moi fermoso dunha maneira que non pretende ser moralista, senón chamar a atención sobre o ruído e a rapidez coa que vivimos nesta sociedade; por iso sempre digo que para min ese texto foi un agasallo, e agora aínda máis.

Comentarios