Contracultura

Paula Chaves, actriz: "O home e o can ten moita tenrura e ambiéntase nun realismo máxico que sae de Ángel de la Cruz"

Paula Chaves (Cambados, 1995) é coñecida musicalmente como Pauliña, mais no último ano tamén desenvolveu outra faceta profesional súa ao converterse nunha das protagonistas de O home e o can, o filme de Ángel de la Cruz que vén de chegar aos cinemas.
Pauliña é a protagonista de 'O home e o can' e a compositora da canción orixinal da película (Foto: Nós Diario).
photo_camera Pauliña é a protagonista de 'O home e o can' e a compositora da canción orixinal da película. (Foto: Nós Diario).

—Despois de case un ano movéndose por festivais, como foi vendo a acollidado público?
O certo é que logramos bastantes galardóns entre os festivais de Madrid e algún da Galiza. Precisamente, no Ourense Film Festival recibimos o premio do público, que é algo moi importante para min porque significa que á xente lle gusta. Diría que está tendo unha acollida moi boa porque tamén é un filme feito con moita tenrura, desde unha ambición moi humilde e cunha equipa moi pequena de 20 persoas escasas, mais con moito amor. Creo que a xente está moi contenta porque cando van ver o filme non esperan o que é realmente. 

É un filme con moita tenrura e que se ambienta nun realismo máxico que sae da cabeza de Ángel de la Cruz e que quixo homenaxear. Ti podes coller a película polo realismo ou polo máxico, podes crer que Manuel, o protagonista, ve mortos ou non. E eses mundos mestúranse aí dunha maneira que funciona moi ben. Paula, a miña personaxe, e Manuel danlle unha certa circularidade a todo e é o que acaba facendo que a peza transmita a tenrura da que falo. Son persoas que se atopan nun contexto de soidade e que son quen de crear unha amizade aí. 

Gústame quedarme con cada tema que me di a xente, porque cada persoa é quen de atoparlle cousas novas que eu non concibía. Había quen me falaban do caso dos bebés roubados, que era unha problemática na que eu non pensara. E creo que iso é o bonito, que cada quen interprete do filme a súa visión. Evidentemente eu, para poder interpretar Paula, escollín unha visión, pero hai moitas máis.

—Cal diría que é esa mensaxe que fai que o filme conecte tan ben co público?
A día de hoxe as plataformas dixitais teñen unha gran presenza, tamén a creación de contido continuo, e ás veces moitos filmes que nos poñen escapan da realidade. O home e o can xoga con ese realismo máxico, pero é un filme moi real gravado en contornas ourensás que son perfectamente recoñecíbeis para quen é de aí e para quen estivo aí. Ao mesmo tempo creo que tanto Manuel como Paula teñen moita humanidade. Ese tipo de relacións que se dan esporadicamente ou de maneira casual son moi reais. Creo que o que máis chama a atención son eses dous personaxes contrapostos, unha especie de dúo que vai dramatizado pero ao mesmo tempo con comicidade.

Son unha persoa que polo meu traballo ou polos estudos ando de aquí para alá e creo que ás veces este tipo de relacións ou de persoas que quizais non vaias volver ver poden marcarte no futuro. Son moi fan de falar coa xente, das relacións de amizade esporádicas. Se hai que axudar, a min non me importa facelo cunha persoa descoñecida se vexo que hai reciprocidade. Ese tipo de relacións e vínculos poden marcarte como persoa. Á parte, Manuel e Paula son dúas persoas que están soas, mais que ao mesmo tempo están bastante incomprendidas polo resto do mundo. Entre eles compréndense moi ben e existe esa reciprocidade da que falo.

—Volverá interpretar algún papel no audiovisual?
Gustaríame moito. Non me pecho portas. Evidentemente non son actriz porque non teño esa formación, mais desde moi nena evadíame no cine. Son moi cinéfila. E cando coñecín Ángel non contaba con facer nada así. Non foi até seis meses despois que se puxo en contacto comigo para ofrecerme este guión. Esa mesma noite xa o lin e vin que podía facer de Paula. 

Hai oportunidades ás que non se pode dicir que non e grazas ao apoio de toda a xente, que me ofreceu axuda e técnicas, creo que me defendín ben. Foi unha experiencia moi gratificante. Ademais, Ángel contou comigo para facer a canción orixinal do filme e foi un tema que me saíu de forma espontánea tras ler o guión. Cando as cousas saen así, con agarimo e con tenrura, nótase moito, por moi humilde que sexa a cinta.

Comentarios