Paula Carballeira, Otero Pedrayo e o futbolista salvado polo 'Diaño', no 'Sermos Galiza' deste sábado

Á venda durante toda a fin de semana nos quiosques estará o novo número do semanario cultural de 'Nós Diario', que protagoniza a escritora Paula Carballeira, premiada co Nacional de Literatura Dramática.
Detalles do novo 'Sermos Galiza'.
photo_camera Detalles do novo 'Sermos Galiza'.

Como cada sábado, Nós Diario trae mañá, 16 de setembro, entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana. Desta vez a protagonista é Paula Carballeira, a quen entrevista o xornalista Manuel Xestoso co gallo do Premio Nacional de Literatura Dramática que vén de recibir de mans do Ministerio de Cultura grazas á súa obra As alumnas (Galaxia). Este libro, que recupera a figura da mestra depurada María Barbeito, foi destacado polo xurado porque "constitúe un eloxio do maxisterio que ensina sobre a dúbida e o debate" e "os seus valores dramáticos, a riqueza de matices e pola recuperación dunha muller referente para o ensino galego, símbolo da educación moderna, igualitaria e transformadora que propuña a Segunda República".

"Cando escribes non sabes que información teñen as persoas que van ler ou que van ver a representación sobre o tema do que estás falando, entón é preciso dar certos datos que provean contexto. Mais para min a literatura, por moi documentada que estea, é literatura. Moitas veces, cando unha obra ten como protagonista unha figura histórica, esta adquire unha relevancia maior que se esa propia figura falase en primeira persoa. Entón, falar de María Barbeito a través das súas alumnas permitíame escapar a esa trampa e, ao tempo, dar distintas visións", comenta a autora nesta extensa conversa.

Ramón Otero Pedrayo: derradeiro presidente do Seminario de Estudos Galegos

A primeira reportaxe deste Sermos corre a conta de Patricia Arias Chachero, que lembra o escritor Ramón Otero Pedrayo como cuarto e derradeiro presidente do Seminario de Estudos Galegos. Foi escollido para a Presidencia o 30 de maio de 1936 e desempeñou o cargo durante seis semanas, ata o 18 de xullo, cando o golpe de Estado franquista truncou con violencia a vida do Seminario e doutros proxectos galeguistas. Adentrámonos naqueles poucos pero intensos días de 1936.

Otero foi o cuarto presidente da institución. Tras Armando Cotarelo Valledor, que desempeñou o cargo desde a fundación a 1925; Salvador Cabeza de León (1925-1934) e Luís Iglesias (1934-1936). Escollérono o sábado 30 de maio de 1936. Ocupou a Presidencia durante apenas seis semanas, ata o 18 de xullo de 1936, data en que o levantamento militar que había dar comezo á cruenta guerra civil truncou con violencia e de raíz este e outros moitos proxectos galeguistas. Vexamos que ocorreu naqueles poucos días. Apenas 11 días antes de ser electo presidente, o 19 de maio, con 40 anos cumpridos, defendeu a súa tese de doutoramento, Los orígenes de la Galicia moderna, na Facultade de Filosofía e Letras de Madrid. Obtivo a cualificación de sobresaliente ante un tribunal integrado por Eloy Bullón, Pío Zabala, Antonio Ballesteros e un profesor auxiliar de apelido Sosa que actuou como secretario. O tribunal estaba presidido precisamente por Cotarelo Valledor.

Paco Trigo, o futbolista salvado polo 'Diaño'

E da man do responsábel da sección de Deportes de Nós Diario, Héctor Pena, achegámonos a Francisco 'Paco' Trigo, un de tantos xogadores que viu a súa carreira interrompida polo franquismo. Futbolista do Deportivo antes do golpe de Estado, o seu gran rendemento levouno a asinar polo Rácing de Santander, que por aquel entón adoitaba coquetear coa zona nobre da clasificación. Mais unha noite de verán do 36, xa de volta na Coruña logo da sublevación, un grupo de falanxistas irrompeu no cabaré en que se atopaba coa intención de pasealo, escapando da morte "o rapaz con máis mala sorte que pisou un campo de fútbol" grazas á milagrosa intervención do 'Pequeno Diaño', Hilario Marrero.

Paco Trigo perdeu a vida con só 59 anos o 11 de setembro de 1970, 30 anos despois do incidente con Unamuno que acabara coa súa traxectoria futbolística. A nova ocupou amplos espazos na prensa local, e no funeral, na céntrica igrexa de San Nicolás, xuntáronse caras moi coñecidas dun fútbol enraizado na xenética dos Trigo até o punto de que un dos seus fillos, tamén coñecido como Francisco, seguiu os seus pasos, aínda que non no Deportivo, senón no Celta. Alí chegou por consello do seu pai, que en 1961 lle recomendou fichar polo conxunto celeste en lugar de por Betis e Sevilla, que tamén o pretendían.

Literatura, música, cinema... e máis!

Neste número do semanario, Tensi Xesteira e Manuel López Foxo presentan na sección de Libros diferentes obras de estrea e destacadas, a comezar por Coímbra (Galaxia, 2023), de Xosé de Cea, e unha ollada retrospectiva de Deus sentado nun sillón azul (Galaxia, 1996), de Carlos Casares.

No apartado musical, Lois Agrelo analiza o disco 7 Ivvas, de Pirata (1995), mentres Elvira Branco ofrece unha pequena escolma coas últimas novidades no sector. Aliás, Xurxo Souto asina o artigo 'Músicas represaliadas'.

O experto en cinema Andrés Castro rememora o filme recentemente reeditado Masacre no estadio, de Bent-Jorgen Perlmutt (EUA, 2019), que se reestrea con motivo do trixésimo aniversario. Castro tamén expón as últimas cintas en chegar á gran pantalla.

Pola súa parte, Ramsés Pérez achéganos ao Camp de Ribesaltes, na localidade catalá de Perpinyà, na sección Ir ás aves, ao tempo que Carlos L. Bernárdez, no apartado de Arte, analiza a exposición Laxeiro, paisaxes de adolescencia, presente na Fundación Laxeiro de Vigo até o 15 de outubro.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios