Paula Carballeira trae á Galiza o terceiro Premio Nacional de Literatura Dramática

A literatura dramática galega suma o seu terceiro galardón despois de que o gañasen tamén Manuel Lourenzo e Rubén Ruibal.
Paula Carballeira (Foto: Nós Diario).
photo_camera Paula Carballeira. (Foto: Nós Diario)

A escritora fenesa Paula Carballeira Cabana vén de ser galardoada co Premio Nacional de Literatura Dramática de 2023, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, pola súa obra As alumnas (Galaxia), a proposta do xurado reunido esta sexta feira. O premio está dotado con 30.000 euros. 

O xurado destacou a obra da autora galega "por ser un eloxio do maxisterio que ensina sobre a dúbida e o debate", así como "polos seus valores dramáticos, a riqueza de matices e pola recuperación dunha muller referente para o ensino galego, símbolo da educación moderna, igualitaria e transformadora que propoñía a II República". 

Carballeira é a terceira autora galega en conseguir este galardón do Ministerio de Cultura, despois de que o gañasen Manuel Lourenzo, en 1997, por Veladas indecentes, e Rubén Ruibal, en 2007, por Limpeza de sangue. Únese así a unha longa lista de galardoados que inclúe, ademais das amentadas, figuras como Francisco Nieva, Fenando Arrabal, Lluïsa Cunillé, Alfonso Sastre, Angélica Lidell ou Alfrdo Sanzol, entre outros nomes de prestixio.

Unha extensa traxectoria

Escritora, actriz e contacontos, Paula Carballeira é unha polifacética voz dentro da escena galega. Cultiva a literatura infantoxuvenil, a poesía e, por suposto, o teatro. Entre os galardóns que recibiu ao longo da súa carreira, destacan o Premio Manuel María de Literatura Dramática infantil nos anos 2006 (por Boas Noites), 2011 (por O refugallo) e 2018 (Somos os monstros) o Premio Frei Martín Sarmiento no 2016 por A Burra Ramona, ou o Premio Gala do Libro por A tartaruga Amodovou e o Premio Follas Novas deste 2023 por As alumnas, o texto co que obtivo agora o Premio Nacional.

Como autora teatral, asinou, ademais dos xa citados, textos como Pressing Catch ou Doppelgänger. Dirixiu pezas na súa compañía Berrobambán, fundada no ano 2000 xunto a Chiqui Pereira, pero tamén noutras formacións como Talía (Pequena ou Rosa Caramelo) ou para o CDG (A cabana de Babaigá). Como actriz no audiovisual, interviu en series como Pequeno hotel ou Libro de familia

Por outra parte, Carballeira ten unha extensa traxectoria como narradora oral ás súas costas, sendo unha das mulleres galegas pioneiras en cultivar esta disciplina.

Como poeta, publicou títulos como Contatrás (Positivas, 2006), Nunca mascotas (Galaxia, 2016) ou Hai quen escolle os camiños máis longos (Positivas, 2018).

Comentarios