Contracultura

Iria Aldegunde: "Parecíame consecuente adaptar un libro tan importante para a nosa literatura"

A ilustradora Iria Aldegunde adapta á banda deseñada 'Memorias dun neno labrego' (Galaxia), mostrando o respecto e admiración que sente pola obra de Xosé Neira Vilas.
A ilustradora Iria Aldegunde (Foto: Nós Diario).
photo_camera A ilustradora Iria Aldegunde. (Foto: Nós Diario)

—Que a levou a querer adaptar a historia ao formato de banda deseñada?
Desde cativa desfrutei moito coas historias de Xosé Neira Vilas. Xa lera O cabaliño de buxo e Espantallo amigo, mais con 11 anos, na escola, mandárannos ler Memorias dun neno labrego e a min quedoume gravada a historia. Ademais, coincidiu con que pouco despois fora o aniversario dos 50 anos da publicación do libro e viñera o autor á nosa escola e nos dera unha charla. Creo que é unha persoa que tiña unha relación moi especial coas crianzas nunha época na que non se lle daba tanto valor a iso. 

A profesora de literatura na USC Dolores Vilavedra dicía nunha entrevista que este libro era un longseller e non tanto un bestseller, que tamén o é, mais é certo que incluso a pesar de estar eu situada 70 anos no futuro desde que acontecen os feitos narrados na historia, eu sempre me sentín moi identificada con ese neno labrego. O meu pai foi un neno labrego tamén, dunha aldea pequena de Lugo, e o meu avó viviu tamén moitas das cousas das que vive Balbino. Para min é un libro moi especial e que sinto moi próximo. Se ben este proxecto nace deste amor e respecto que lle teño, tamén é certo que a rapazada que traballa actualmente na aldea ten outro tipo de maquinaria, polo que hai vocabulario que queda desfasado. Era unha forma de levar a cabo unha educación visual con respecto ás ferramentas e ás palabras que utilizamos. 

Parecíame necesario e case consecuente facer unha adaptación de maneira que un libro tan importante para a nosa literatura puidera seguir transmitindo a historia dos nosos avós con sentimentos que son atemporais. Penso que se esta historia non consegue seguir tendo ese impacto nas novas xeracións, pérdese unha parte moi importante da nosa identidade. 

—Como conseguiu trasladar a historia a este formato?
Comecei relendo o libro e escollendo a temática central, o que eu sentía que era máis importante, para despois centrar os capítulos niso. Fixen o guión intentando axustarme o máximo á historia orixinal e xa despois comecei a facer as páxinas. 

Teño que amosar o meu enorme agradecemento a todo o profesorado da escola O Garaxe Hermético porque non creo que eu conseguira estar facendo nada disto sen a súa axuda, e desde logo non con esta paixón. Grazas a isto tamén descubrín a técnica coa que está feita o libro, gouache, que é unha especie de fillo entre o acrílico e a acuarela. Tamén fun atopando o estilo que quería que estivese no libro, que resultou ser máis tirando cara o cartoon, mais pondo tamén moita atención nos fondos, toda a fauna e a flora fora local. De feito, cheguei a mercar un libro carísimo de flora da Galiza e na libraría preguntáranme se me dedicaba á botánica. 

En realidade, quixen pór moito esforzo en toda a parte documental. Con esta intención visitei diversos lugares como o Museo do Pobo Galego ou a Casa do Patrón (Lalín). Esta segunda é unha visita que recomendo moito porque é un lugar moi fermoso e a nosa guía era unha muller moi informada. Pedindo permiso, saquei moitas fotografías do lugar e tamén tiven moitas conversas co meu avó para saber, por exemplo, a roupa que el vestía cando era neno. Ao final é unha historia que ten moito da miña aldea, mais tamén intentei que todas as referencias fosen o máis fieis posíbeis. Por suposto, as famosas fotografías de Ruth Matilda Anderson foron unha gran fonte de inspiración para min. 

—Por que utilizar precisamente esa técnica?
É certo que me sinto moi cómoda con ela, mais o motivo principal é que me parece que ten moita personalidade. Tamén creo que un libro como este gana moito facéndoo de xeito tradicional ou manual. Non quero dicir para nada que estivese mal se o fixese dixitalmente, mais si que creo que o acabado das técnicas manuais, como pode ser o gouache, acaba por dar un trazo que encaixa moito coa ambientación da historia.

Comentarios