mércores 05/08/20

A pandemia bate no sector cultural galego: metade das empresas tivo que parar e 6% do persoal, despedido

O primeiro barómetro cultural do Consello da Cultura Galega sobre o impacto da pandemia na industria cultural deixa datos para a preocupación.

Imaxe de arquivo
Imaxe de arquivo

O impacto da pandemia da Covid-19 na industria cultural galega é preocupante. Mídeo o Consello da Cultura Galega (CCG) nun informe, o seu primeiro barómetro cultural sobre as consecuencias da crise do coronavirus na industria cultural do noso país.

Máis de 300 empresas dun universo total de 1318, distribuidas nos diferentes ámbitos temáticos da cultura, participaron no informe realizado polo Observatorio da Cultura.

As empresastrexistraron unha caída da facturación de máis dun 50%, un 6% dos traballadores e traballadoras xa foron despedidas e un 10% poderían perder o seu emprego nos vindeiros meses.

Ademais, catro de cada dez empresas culturais terán dificultades para afrontar o pagamento de impostos e seguros sociais. O ámbito máis afectado, en case todos os aspectos, é o das artes escénicas, incluídas as musicais.

Estes algún dos dados do informe, recollidos en Cultura Galega

As entrevistas amosaron que 48,5% das empresas culturais galegas tivo que cesar a súa actividade a causa do estado de alarma ás que se lle engadiu un 5,3 % que tamén tiveron que facelo por razóns técnicas e operativas. No sector das artes escénicas e musicais, esta cifra incrementouse até 82,4%.

Durante esta situación, un 38,6% das empresas solicitaron un ERTE, con maior frecuencia nas artes escénicas e no sector do libro e a prensa.

Unha vez rematado o estado de alarma, no momento de realización da enquisa, só desenvolve unha actividade normal o 43,2% das empresas culturais.

A caída de facturación provocada pola crise sanitaria é superior ao 50% nos primeiros meses do ano, pero para o 37,6% das empresas a redución foi mesmo superior ao 75%. De novo, é no sector das artes escénicas onde un maior número de empresas (un 68,5%) estiman caídas da facturación de máis do 50%. As empresas con volumes de facturación por debaixo dos 150.000 euros son as que agardan maiores reducións.

9,2% das empresas culturais realizaron despedimentos. O máis habitual foi despedir a 1 ou 2 persoas (un 64,3 % das que realizaron este procedemento) pero un 10,7% tiveron que despedir a máis de 10 persoas.

O 17,8% das empresas prevén facer máis recortes nos vindeiros meses. En función das previsións indicadas, calcúlase que as empresas culturais barallan despedir ao 9,4% do persoal contratado antes da crise. Son as empresas de artes escénicas, de novo, as que máis prevén a realización de despedimentos (un 25,5%).

As políticas públicas

As empresas suspenden aos tres niveis da Administración (estatal, galega e local), se ben a administración mellor puntuada é a estatal (4,54), seguida da autonómica (3,86) e a local (3,12). Entre as medidas reclamadas para reactivar o sector, as máis citadas son as axudas directas ou as subvencións a fondo perdido (45,2%) seguidas da supresión ou rebaixa de impostos ou seguros sociais (40,9%) e das axudas fiscais (40,5%).

 

comentarios