O festival recupera o seu filme 'Misa en Compostela'

O OUFF celebra o centenario da actriz e directora Ana Mariscal

Proxectaranse as películas 'Segundo López' e 'El camino' asi como a mediometraxe documental 'Misa en Compostela', que a directorá rodou na xira galega de presentación da súa primera película
Ana Mariscal co actor Ernesto Lapeña. (Foto: Bosco Films)
photo_camera Ana Mariscal co actor Ernesto Lapeña. (Foto: Bosco Films)

O centenario da madrileña Ana Mariscal (Ana María Rodríguez-Arroyo Mariscal, 1923- 1995) chega ao 28º Ourense Film Festival, que lle dedica a súa sección Efemérides á directora de filmes como Segundo López, aventurero urbano e El camino -incluída na sección Cannes Classics do Festival de Cannes baixo o lema “a xoia esquecida do cinema español”- consideradas hoxe fitos do cinema da altura. Ademais, o OUFF recupera a mediometraxe Misa en Compostela, que Mariscal rodou en Santiago no ano 1953. 

Actriz de grande popularidade nos anos 40 e 50, o seu recoñecemento como cineasta quedou ensombrecido pola adhesión ao réxime franquista, o mesmo que dificultou a distribución das súas mellores películas como directora. Na 28ª edición do OUFF -do 29 de setembro ao 8 de outubro- concederáselle o Premio Memoría Histórica do Cinema Español, que recollerá o seu fillo David García Rodríguez. 

Na década de 1940 Ana Mariscal converteuse nunha actriz moi popular desde a súa primeira rodaxe, El último húsar, de Luís Marquina, rodada en Cinecittà. Sempre dixo que a súa mellor interpretación é a de Un hombre va por el camino, dirixida polo vigués Manuel Mur Oti e estreada en 1949; ese mesmo ano traballaría con outro director galego, Antonio Román, na película Pacto de silencio

 

Directora na Galiza

En 1952 debuta como directora con Segundo López, aventurero urbano, na que introduciu un retrato social de España no que pobreza e desarraigamento son elementos determinantes. A Xunta de Clasificación e Censura cualificouna "de terceira", condenando o filme a unha mala distribución, de modo que a directora e o seu marido comezan a mover a cinta en cidades e vilas.

Na Galiza percorreron A Coruña, Santiago, Vilagarcía, Rianxo, Ferrol, Ourense, Ribadavia, Xinzo e A Rúa, entre outras localidades. Deste periplo galego sairía un novo traballo de Mariscal: a mediometraxe Misa en Compostela, que se estreou no Teatro Principal compostelán en xaneiro de 1954 e que se poderá ver na edición 2023 do OUFF.