Contracultura

A Banda da Loba: "'Tinta do mar' publicouse antes do 'Prestige', mais Luísa Villalta tiña visión de futuro"

Marcela Porto (Codeseda, A Estrada, 1997), batería de A Banda da Loba, aborda o último tema publicado polo grupo, "E o mar". Nel, Porto e as súas compañeiras, Andrea, Estela, Inés e Xiana, reivindican a Luísa Villalta máis combativa e renden homenaxe ao pobo galego e á súa loita contra os desastres medioambientais na costa.
Inés Mirás, Andrea Porto, Estela Rodríguez, Marcela Porto e Xiana Lastra forman A Banda da Loba. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Inés Mirás, Andrea Porto, Estela Rodríguez, Marcela Porto e Xiana Lastra forman A Banda da Loba. (Foto: Nós Diario)

—Por que quixeron facerlle unha homenaxe desta maneira?
A xente que coñece A Banda da Loba sabe que a literatura para nós é súper importante. Alén de compor as nosas propias letras tamén intentamos coller poemas das escritoras, tanto actuais como das que xa non están con nós. Cando soubemos que ían dedicar as Letras Galegas a Luísa Villalta decidimos investigar aínda máis. Con Xabón lagarta, o último disco que fixemos, xa realizáramos un tema inspirado en "Fiestras abertas", un poema dela, e quedamos súper contentas. Como Luísa Villalta era tamén violinista, fixemos un tema instrumental para violín. Cando atopamos o poema "Tinta do mar", pareceunos que tiña unhas imaxes moi poderosas e que reflectía moi ben o pensamento e a reivindicación que tiña ela.

Aliás, era falar doutra faceta súa, posto que en "Fiestras abertas" centrámonos máis nela como violinista. Ás veces ocorre que a literatura queda fechada nos libros, que era algo que tamén dicía Luísa, mais nós queremos sacala fóra para que a xente a cante e a baile e, sobre todo, que cheguen as mensaxes. Todo este traballo comezou moito antes de que chegaran os pellets, pensando sobre todo no Prestige e no movemento tan potente que houbera na Galiza naquela época porque cremos que nunca está de máis lembrar certas cousas.

Evidentemente cando chegou o momento de facer o videoclip tivemos bastante claro que tiñamos que ligalo tamén aos pellets porque, unha vez máis, volven cometerse os mesmos erros do pasado. Por suposto, esta é a interpretación que nós lle damos ao poema, porque o Prestige aínda non pasara cando este se publicou. 

—Ademais, a súa cara reivindicativa tamén axuda a entender o contexto das súas obras.
É que a xente como Luísa é sabia. Saben que a poesía e o que está nos libros vai permanecer e que moitas veces, por desgraza, vanse cometer os mesmos erros, polo que teremos que volver a eses textos que nos deixaron. Persoalmente, non coñecía tanto esta faceta súa porque sempre me quedara na parte violinista ou poeta. Hai que recoñecer todo o traballo que fixo como activista. Pensamos que Luísa tiña esta visión de futuro, e por iso este poema encaixa tan ben co Prestige, cos pellets e con mil cousas que aconteceron polo medio.

Parece que nunca nos damos de conta do enorme patrimonio que temos e de que temos que coidalo. Vémolo de novo, ao lonxe, como un meteorito, co tema de Altri. Como dixemos no tema sobre o libro de Cobiza (Xerais, 2021) de María Reimóndez, é o momento de pararmos a pensar e deternos para ver os impactos que teñen as accións humanas no medio.

—En que está a traballar agora A Banda da Loba?
Aínda que non esteamos tocando tanto estamos moi activas compoñendo o próximo disco. Estamos en fase creativa. Con todo, xunto cos sinxelos que estamos publicando estamos sacando tamén propostas didácticas. Sempre estivemos moi vencelladas ao eido educativo, polo que aproveitamos para crear materiais dispoñíbeis de balde para todas as persoas que queiran utilizalos: musicogramas, coreografías, propostas para primaria e secundaria... E todo isto pode servir tamén para que o alumnado poida afondar máis na figura de Luísa e na súa historia.

Comentarios