Contracultura

Óscar Senra (MAOS): "No roteiro rescatamos Maria Rodrigues, acusada de bruxaría e queimada viva en Santiago"

Óscar Senra (Sanxenxo, O Salnés, 1976), integrante de MAOS Innovación Social, é un dos impulsores de 'Compostela en Conflito', unha iniciativa que desenvolve da man do editor e investigador Xosé Antón Serén, a xornalista e escritora Marga Tojo e a traballadora social, sexóloga e fotógrafa Verónica Ramilo, co obxectivo de comprender o presente da cidade mirando cara ao seu pasado.
MAOS Innovación Social conta no seu equipo con Óscar Senra. (Foto: Distrito Xermar)
photo_camera MAOS Innovación Social conta no seu equipo con Óscar Senra. (Foto: Distrito Xermar)

—Por que centrarse nos conflitos?
Desde MAOS fixemos moitos roteiros en Santiago relacionados coa cultura, a historia e a literatura. Precisamente, nun deses roteiros, arredor da figura de Emilia Pardo Bazán, descubrimos que era unha gran defensora da Inquisición. Isto chamounos a atención como para pórnos a investigar e descubrir que fora unha institución que xerara moitos conflitos na cidade. Grazas a isto démonos de conta de que realmente non coñecemos ben esa historia e eses conflitos que conforman a nosa identidade, que definen as rúas da cidade.

Deuse a casualidade de que acabamos falando con persoas que tiñan inquedanzas similares, como Marga Tojo, Verónica Ramilo ou Xosé Antón Serén e así fomos conformando un equipo de traballo coa idea de pór en marcha algún tipo de iniciativa para dar a coñecer estes feitos que nós consideramos de interese. Fixemos varias reunións de posta en común, porque ao final partiamos de puntos diferentes, co obxectivo de atopar exactamente que podiamos aportar desde as nosas habilidades, coñecementos e capacidades. Moitas veces parece que falamos só dos conflitos que temos hoxe, mais non nos damos de conta de cal é a súa orixe. Quixemos pór o foco cara a atrás, podendo falar dun conflito de onte ou dun que aínda teña vixencia hoxe en día, mais queríamos facelo a través destes percorridos históricos. Moitas veces son estes conflitos os que axudan a construír os dereitos que temos hoxe. 

—Precisamente, xa levaron a cabo tres roteiros arredor da Inquisición e acabaron coas prazas esgotadas.
Grazas a esa anécdota sobre Pardo Bazán descubrimos que a Inquisición en Santiago non foi exactamente idéntica á española, houbo unha adaptación local que moldeou o que foi a cidade na súa época moderna e incluso chegou até o século XIX influíndo no trazado e nos lugares. Era moi interesante dar a coñecer o choque que existiu entre o arcebispado e as ideas ilustradas que estaban chegando. Isto tamén nos daba unha escusa para tratar a figura da única muller que foi acusada de bruxaría e queimada viva en Santiago, María Rodrigues.

A acollida foi impresionante porque tiñamos 90 prazas, 30 por paseo, e non podíamos imaxinar que a Inquisición ía levantar tal interese. Recibimos máis de 170 solicitudes. Tamén durante o propio paseo notabamos que era unha temática que apetecía moito e que o impacto local que tivo a Inquisición era moi descoñecida. 

—Cales son os próximos pasos neste proxecto?
Gústanos investigar e coñecer, mais tamén divulgar. Unha das cousas que queremos facer é un libro ilustrado que explique de maneira cronolóxica os conflitos que existiron na cidade, incluíndo tamén a cultura underground e a loita do colectivo LGBT+ ou o antimilitarismo. Para o ano que vén queremos pór en marcha un paseo arredor da fame en Santiago e desde logo temos varios temas que nos interesan moitísimo como son a turistificación da cidade como un conflito actual, os movementos estudantís que viñan da man da Universidade de Santiago, a chegada da droga e a estigmatización do barrio de Vite. Tamén nos gustaría acompañar todo isto de reportaxes xornalísticas para magnificar o impacto do proxecto, de murais que ilustraran algúns destes conflitos e quizais unha xornada arredor da cultura contracultural da cidade.

Isto liga un pouco co que comentaba sobre a forma de traballar que temos para poder aportar algo: desde MAOS somos especialistas en paseos guiados, Verónica ten experiencia facendo murais, Marga ten esa visión xornalística e tanto ela como Xosé Antón teñen moito interese na vertente contra-cultural e underground. Xuntando as nosas ideas é cando podemos medrar e tamén transmitir.

Comentarios