Os Diplomáticos incumpren a súa promesa e... volven!

Cando fixeron vinte anos anunciaron que, como pouco, tardarían dez máis en subir aos palcos. mais... aquí están de novo “Os Diplomáticos de Monte-Alto”, no seu espazo natural, tocando no Mercado Gandeiro de Chantada, como prato forte do décimo aniversario do Castañazo Rock que terá lugar o sábado día 3.

A banda liderada por Xurxo Souto regresa para encabezar o cartaz do Castañazo Rock, no décimo aniversario da cita máis bravú do país, en lembranza do seu nacemento, en que estaban tamén os da Coruña, dez anos máis novos.

Desta volta Xurxo Souto na voz, Rómulo Sanjurjo no acordeón, Guni coa guitarra, Mangüi co baixo e Viascón na batería, subirán de novo ao escenario que tan ben coñecen, coa forza bravú dos cinco coñecidos músicos que compuxeron a formación maís estábel da banda. Para quen non poda ir a esta cita histórica de Chantada, os de Monte Alto decidiron gravar o concerto que se distribuirá posteriormente a través de plataformas dixitais.

En outubro de 2010, Os Diplomáticos celebraran o seu vinte aniversario con concertos en Allariz e na Coruña, anunciando un final, cando pouco, até cumprir os trinta. Para a felicidade de tantas persoas que siguen os pasos da banda que encabezou o espírito máis bravú, agora volven en Chantada, adiantándose en oito anos á cita prevista para un novo rencontro.


Rastreiros, Os papaqueixos, Cuchufellos e Liviao de Marao completan o cartaz do festival en que tamén terá lugar un concurso de cantos na taberna, un magosto popular, xogos bravús e castañazo infantil.

 Os festivais, buscan rede

 No marco do Castañazo terá lugar a 1ª Xuntanza Festivaleira en que se convoca a representantes de distintos festivais que teñen lugar no territorio co fin de crear unha “rede de festivais galegos”. O obxectivo inicial é a posta en común de información e a posíbel redución de custos e esforzos cun traballo comunitario.

 Participarán neste encontro persoas e asociacións que están a desenvolver o traballo de deseñar e organizar festivais musicais sen ánimo de lucro, baseados no traballo voluntario de quen os promove.

Comentarios