A onomástica das 'Cantigas de Santa María' analizadadesde a USC

As Cantigas case nunca se abordaron dun xeito sistemático en canto aos nomes propios que se mencionan nas composicións.
Manuel Negri
photo_camera Manuel Negri

O doutor Manuel Negri, do Grupo de Investigación de Románicas da Universidade de Santiago, está a traballar nun proxecto centrado nos nomes propios que aparecen nas Cantigas de Santa María, tanto de persoas como de lugares, co fin de crear un dicionario en formato dixital e dunha base de datos na rede.  

O investigador indica que "as Cantigas de Santa María foron obxecto de moitos estudos, pero case nunca se abordaron dun xeito sistemático en canto aos nomes propios que se mencionan nas composicións. Así, considerada a escaseza de publicacións exhaustivas sobre este aspecto, o proxecto busca emprender un estudo que estará permanentemente actualizado grazas ao uso das novas tecnoloxías". 

 

Base de datos

Neste proxecto trabállase con topónimos e antropónimos a través da súa clasificación, rexistro e mesmo na súa desambiguación cando sexa necesario. Para cada un destes elementos ofrécese unha contextualización e explicación pormenorizada en relación ás Cantigas onde aparecen. O obxectivo final é a creación dun dicionario de fácil acceso e consulta -a través dunha edición en formato dixital-, así como dunha base de datos que reúna todos os nomes propios transmitidos polas Cantigas, xunto coas formas medievais de referencia e unha ficha explicativa de cada un. 

Un dos principais obxectivos da inciativa é achegar unha identificación máis segura dos topónimos. O investigador tamén está a avanzar nun monográfico para dar máis difusión aos nomes de persoas que aparecen nas Cantigas de Santa María, coa información histórica correspondente e abordando aspectos non só lingüísticos e literarios, senón tamén históricos e artísticos. 

Esta ferramenta será de grande utilidade para a comunidade investigadora, pero tamén está pensada para un público xeral e non especializado. Nesta liña, está previsto que se poidan recuperar informacións sobre persoas e lugares a partir das formas que eses nomes teñen na linguaxe común. 

Comentarios