Unha obra analiza o traballo "oceánico" de Martín Sarmiento

A obra é parte das iniciativas de dixitalización, posta en valor e difusión do traballo de Martín Sarmiento que se agrupan dentro do Proxecto Sarmiento, o programa do CCG para a recuperación desta figura.
Presentación da obra 'Erudición e ilustración. Estudos sobre Martín Sarmiento'
photo_camera Presentación da obra 'Erudición e ilustración. Estudos sobre Martín Sarmiento'

"A figura do padre Sarmiento está presente nas actividades do Consello da Cultura Galega desde os inicios da institución", explicou Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, durante a presentación, esta sexta feira, 8 de marzo, do volume dixital Erudición e ilustración. Estudos sobre Martín Sarmiento. Trátase das actas do Simposio Martín Sarmiento. De historia natural e todo xénero de erudición, e incorporan o traballo de doce expertos que abordaron a obra do intelectual galego desde diferentes ámbitos científicos. No acto de presentación participaron a propia Álvarez, e Henrique Monteagudo, editor da publicación.

Martín Sarmiento (1695-1772) foi autor dunha das obras intelectuais máis destacadas do século XVIII pero boa parte do seu traballo ficou inédito e sen ir ao prelo durante moitos anos. Xunto coas diferentes iniciativas de dixitalización e difusión levadas a cabo polo CCG desde a conmemoración do tricentenario do seu nacemento en 1995, sucedéronse biografías sobre o autor e algúns estudos sobre a súa obra pero "había vinte anos que non se abordaba un estudo crítico colectivo da súa obra", destacou Monteagudo.

Álvarez Lires aproveitou a celebración do Día da Muller para achegar a idea de que Sarmiento foi un "gran defensor da muller", sobre todo "da súa sabedoría popular". No seu traballo cítanse moitas mulleres científicas, así como ideas e pensamentos que "actualmente son controvertidos dentro do propio feminismo".

 

Unha obra oceánica

Este estudo colectivo foi levado a cabo por especialistas que abordaron a obra sarmientina desde diferentes aspectos como como a figura do padre Sarmiento no panorama intelectual do século XVIII (Joaquín Álvarez Barrientos), as súas achegas á toponimia galega (Gonzalo Navaza), a súa visión do comercio e da industria (Xoán Carmona), Sarmiento como introdutor das teorías de Isaac Newton (María Álvarez Lires) , ou a recepción da súa obra ao longo da Europa do XVIII e XIX (Concepción Varela), entre outros.

A obra é parte das iniciativas de dixitalización, posta en valor e difusión da obra de Martín Sarmiento que se agrupan dentro do Proxecto Sarmiento, o programa do CCG para a recuperación desta figura. No volume defínese a obra de Sarmiento como "oceánica", en relación aos numerosos textos e saberes reunidos polo frade.

Por outro lado, a presidenta do Consello de Cultura explicou que, desde o ano pasado, o 9 de marzo se celebra o Día do Naturalismo Galego, data que coincide co aniversario do nacemento de Martín Sarmiento. 

Comentarios