Opinión

Por que temos que recordar a Frei Martín Sarmiento en marzo?

Porque nace o 9 de marzo de 1695 e as súas ideas seguen vixentes en moitos campos. Festexamos o 8 de marzo, Día das Mulleres. Xusto é recordar que B. J. Feixoo e M. Sarmiento, galegos e beneditinos, son precursores no s. XVIII da defensa da igualdade racional das mulleres. Feixoo visibiliza a igualdade reivindicando figuras históricas. Sarmiento vai mais alá do mestre e converte as mulleres nunha categoría de análise. Fala dunha igualdade "por excelencia". Así, as bruxas son curandeiras, sabias que curan con remedios naturais. As mulleres vellas (indias, chinesas, galegas...) son de quen podemos aprender remedios medicinais e coñecementos. As mulleres son capaces de crear un proceso de coidado e transformación de elementos naturais até a súa utilización social. As chinesas coa seda ou as galegas co liño. Sempre un coñecemento de experiencia e non libresco. Son capaces de gobernar soas, sen varóns, unha sociedade, como as amazonas que Sarmiento ilustra.

O 3 de marzo é Día Mundial da Natureza. Pois ben, Sarmiento escribe sobre historia natural e diversos vexetais. Sabio informado, mantén relación epistolar con Linneo e os seus discípulos, tendo unha posición crítica con el. Ao percorrer Galiza (nos dous anos e medio que lle permite a orde) leva as clasificacións de vexetais e animais de Tournefort, e vaise declarar partidario da epixénese de Buffon, un antecedente da tese evolutiva dos vexetais e animais, o máis avanzado do seu século. Amigo e asesor de Quer na creación do Xardín Botánico de Madrid.

Por ser o Día Mundial da Natureza, debemos saber que Sarmiento ten numerosas aportacións, destacando entre elas a Obra de 660 pliegos: de historia natural y de todo género de erudición, Disertación sobre las virtudes maravillosas y uso de la planta llamada carqueixa, Discurso crítico-botánico sobre el vegetable gallego llamado Seixebra.

O obxectivo da botánica para o noso autor é a "saúde e felicidade dos galegos e non galegos, que residen de asiento no Reyno de Galicia, [...] consíguese con pouco coste, coñecendo as súas herbas mediciñais, un saber para todos os pobres galegos [...] e que os ricos sigan coa súa manía de curarse a gran precio".

Comentarios