'O Faiado Podcast', 'OU Ké!', ou 'Recuncho Gamer', triunfadoras nos Premios Youtubeiras

Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de Normalización Lingüística de Ames, Carballo, O Grove, Moaña, Pontevedra, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela e Teo, da Deputación da Coruña e da Universidade de Vigo, da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade da Coruña

Foto de familia das persoas gañadoras. (Foto: Youtubeiras).
photo_camera Foto de familia das persoas gañadoras. (Foto: Youtubeiras).

Youtubeiras, o proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de nove concellos, das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación en galego no YouTube con temáticas e formatos diversos, así como de promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede, levou a cabo este pasado sábado no Teatro Principal de Santiago a gala de entrega dos seus premios. 

O acto, conducido por Nuria Vil e Gabri Fuentes, contou coa actuación de Mondra e a presenza da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a deputada de Lingua da Deputación da Coruña, Soledad Agra, e da coordinadora de Youtubeiras, Carme Pereiro, que interviñeron durante a gala en representación da organización.

Ao longo da noite, Youtubeiras entregou os oito galardóns nos que se divide o certame, todos eles acompañados cunha dotación económica de mil euros, agás o premio do público, que conta con 500 euros

O xurado desta edición estivo conformado por Nee Barros, quen levou o Premio Youtubeira na edición anterior e que se define como divulgadore cultural, escritore e youtubeire; Fátima Souto Muñiz, ex bolseira do Servizo de Normalización do Concello de Ames; Irene Pin, creadora audiovisual; Rodri Míguez, xornalista musical e membro de equipos de comunicación de festivais e artistas, e Belén Puime, creadora de contido audiovisual a través do perfil @pringadas, serie tanto en TikTok como en Instagram. Este xurado decidiu, segundo se recolle na acta das súas deliberacións, o seguinte palmarés:

O premio Canle recoñeceu este ano a canle OU Ké!  pola “súa profesionalidade, a súa calidade técnica e o seu coidado na estética”, así como polo seu “impacto”, pola súa “integración entre os medios de comunicación” e “pola súa pluralidade de voces”.

O premio Youtubeira foi para Recuncho Gamer.  O xurado salientou a súa ampla “actividade en todas as redes”, a súa “orixinalidade” e a súa vontade de “incorporar referentes doutros ámbitos no mundo dos videoxogos para lle dar maior visibilidade”. 

O premio Youtubeira Revelacion recaeu en O faiado Podcast. O xurado puxo en valor a súa capacidade parar “xerar espazo para a cultura pop en galego” e “chegar ás xeracións máis novas”.

O premio Vídeo distinguiu a peza Unha fin de semana en Londres, da canle todomalva Gz. O xurado destacou a súa capacidade para “transmitir tanta intimidade nun vídeo”, así como a súa “orixinalidade no formato e a construción do relato”.

O premio Calidade Lingüística levouno olaxonmario. O xurado recoñece na acta a súa “capacidade de difusión” e a súa “conexión coa lusofonía. Tamén valora “o coidado da lingua” e “a conservación dos trazos dialectais”.

O premio Pioneiro distinguiu a FicaCoabola. O xurado gabou a “entrega e dedicación” desta canle para “xerar contidos e crear comunidade” ao redor da actualidade deportiva local.  

O premio Rede foi para Youtube en Galego por ser, a ollos do xurado, “unha canle feita para dar a coñecer e fortalecer as relacións entre persoas creadoras”.

Por último, o premio do público acadouno Savia Nova. O xurado decidiu ratificar o vídeo máis votado proposto polo público: De Galicia a Namibia estudando guepardos. N

Nesta edición, na que participaban vídeos subidos entre novembro de 2022 e novembro de 2023, presentáronse 68 canles diferentes. A esta cifra cómpre sumarlle os 24 vídeos propostos pola audiencia a través das redes sociais. En cómputo xeral, todos os vídeos subidos neste período polas 68 canles concorrentes representan máis de 32.400 minutos en galego en Youtube.

Comentarios