Santiago acolle hoxe os Premios Youtubeiras: así será a gala

Un total de 18 finalistas aspiran a gañar nas oito categorías nas que se dividen os galardóns nunha gala que se celebrará no Teatro Principal de Santiago baixo a presentación de Nuria Vil e Gabri Fuentes e coa actuación musical de Mondra.

Olaxonmario é un dos finalistas na categoría Calidade Lingüística. (Foto: Facebook)
photo_camera Olaxonmario é un dos finalistas na categoría Calidade Lingüística. (Foto: Facebook)

Youtubeiras, proxecto organizado polos servizos de Normalización Lingüística de nove concellos, das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación en galego no YouTube con temáticas e formatos diversos, fará entrega dos Premios Youtubeiras 2023 esta noite a partir das 20 horas.

A gala de entrega celebrarase no Teatro Principal de Santiago de Compostela e contará coa condución de Nuria Vil e Gabri Fuentes e coa actuación musical de Mondra. O evento procurará reivindicar o galego como un fogar integrador e diverso para a comunidade creadora de contidos na Rede. Na gala haberá espazo para o humor, mais tamén para transmitir con rigor asuntos serios ao redor da lingua, da creación de contidos, das relacións interpersoais e tamén das redes sociais, un espazo que debe xerar sinerxías, afectos e debates, pero que en demasiadas ocasións se converte nun lugar virtual hostil.

Nesta liña, a gala dos Premios Youtubeiras porá sobre o escenario proximidade e reflexión para remarcar o significado do lema que os galardóns asumen nesta edición: Rede aberta, Rede diversa!

Un total de 18 propostas finalistas foron escollidas polo xurado de entre as 68 canles que se inscribiron para concorrer á edición de 2023 dos Premios. A esta cifra cómpre sumarlle os 24 vídeos propostos pola audiencia dixital para disputar o Premio do Público. Os vídeos no seu conxunto, publicados entre novembro de 2022 e novembro de 2023 nas diferentes canles, superan os 32.480 novos minutos en galego subidos ao YouTube.

Dezaoito finalistas

Seis finalistas aspiran a levar dous galardóns neste 2023: OU ké! (finalista en premio Canle e en premio Rede), Toxío (Canle e Vídeo), Recuncho Gamer (Youtubeira e Pioneiro), Fica coa bola (Pioneiro e Premio do Público), Prado Rúa (Calidade Lingüística e Vídeo) e Savia Nova (Revelación e Premio do Público).

O premio Canle disputarase entre os xa citados Toxío e OU ké! xunto a Cinema Caníbal, mentres que o premio Youtubeira estará entre Recuncho Gamer, Exército Mekemeke e Pingando. Ao galardón Revelación aspiran O Faiado Podcast, Savia Nova e Luis do Río Pena. Os finalistas na categoría de vídeo son Derrubando Xigantes, de Toxío; Londres, de Malva; e SEG, de Prado Rúa.

No trío de finalistas en Calidade Lingüística atópanse Prado Rúa, Olaxonmario e Casa Gallinitas e a terna no caso do galardón Pioneiro está formada por Recuncho Gamer, Lilium e Fica coa Bola. Ao premio Rede optan OU ké!, Alma da Vella Chousa e YouTube en galego.

Por último, o Premio do Público decidirase entre as tres propostas máis votadas na comunidade dixital: Noticias Dispersas, Fica coa Bola e Savia Nova. 

Comentarios