Xosé Lois, 'O Carrabouxo' celebra 40 anos cunha exposición en Ourense

A exposición percorre as catro décadas a través dunha viñeta seleccionada polo autor por cada un dos anos publicados, desde 1982 até este 2022
Xosé Lois, 'O Carrabouxo' esta sexta feira en Ourense (Foto: Deputación de Ourense).
photo_camera Xosé Lois, 'O Carrabouxo' esta sexta feira en Ourense (Foto: Deputación de Ourense).

Desde esta sexta feira e até finais do mes de xaneiro o Pazo Provincial de Ourense acolle a exposición '40 anos do Carrabouxo', unha mostra que celebra as catro décadas desta figura da banda deseñada galega que o seu autor, Xosé Lois González, publica desde novembro de 1982.

Xosé Lois González, colaborador de Nós Diario, comezou a publicar as súas primeiras viñetas no diario La Región. 

Humor e crítica

Co tempo, a súa característica figura, alta e delgada, acompañou diariamente varias xeracións de galegas e galegos, achegándonos con humor e crítica a súa particular visión da actualidade.

Traspasou fronteiras para deixarse ler en varias publicacións máis alá da cidade das Burgas e hoxe forma parte do humor gráfico do país. 

"É moi grato celebrar corenta anos do Carrabouxo” dixo o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, no acto de presentación.

A exposición

A exposición percorre as catro décadas a través dunha viñeta seleccionada polo autor por cada un dos anos publicados, desde 1982 até este 2022, ademais doutros aspectos da produción plástica de Xosé Lois González.

A mostra está aberta ao público até finais de xaneiro no primeiro piso do Pazo Provincial de Ourense, de 09 horas a 14.30 e de 17 a 19.30 horas, de segundas a sextas.

Comentarios