Xosé Lois, O Carrabouxo: "A cuestión nacional de Galiza deulle vida ao Carrabouxo”

Xosé Lois González Vázquez,  O Carrabouxo, (Ourense, 1949), creou o popular personaxe do Carrabouxo o 10 de novembro de 1982 e desde entón publicase a diario en “La Región” e “Atlántico Diario”.
Xosé Lois
photo_camera Xosé Lois

 
Varios actos celebraran este 30º aniversario en Ourense.O sábado 10 (11:30 h.) preséntanse no Café Auriense as actividades dos trinta anos d'O Carrabouxo que consistirán nun magosto na rúa (17 de novembro, Praza do Correxedor, 20 horas), unha exposición itinerante dos Carrabouxos non publicados (3 de decembro, Auriense) e o pasarrúas "Galiza con Carrabouxo" que sairá da Praza do Correxedor até o Parque de San Lázaro (14 de decembro, 19:30 h.).

Porque o nome de Carrabouxo?

É un nome moi sonoro, moi enxebre, moi propio da Galiza interior. Tamén é un elemento que se emprega moito aqué en Ourense para os “maios”. Ten certas connotacións cariñosas... polo fermosa que é esa bola. As nais chaman carrabouxiño aos seus fillos. Aparte responde a un costume popular de poñerlle a unha persoa de alcume todo o contrario do que é. O persoaxe é moi alto e estirado e o carrabouxa é unha bola pequeniña, redondiña.

Carrabouxo cumpre 30 anos, non parece tan maior...

(risos) Non sei se cara afora dá o aspecto de moi vello ou non. Teño xogado moito con el. É o personaxe fixo que se repite sempre, ten que saír todos os días. Coido que saíu de mozo, adulto e vello segundo o contexto. Pode que sexa unha persoa de mediana idade para que poda ter conexión cos novos e un tempo cos vellos.

De onde lle ven o interese polos xogos de palabras?

Non sei. En Galiza, onde o idioma estivo tan castigado e reprimido mesmo na grafía, xogar coas palabras non era tradicional, mesmo antes da normativización. Era un risco que asumín mais deu o seu froito. Gostan á xente. Tamén pasa que de non entrar na norma ao principio logo si. Foi o caso daquel golpe de man de Barreiro contra Albor. “Di arre. Arre. Di xo. Xo. Dimite. Mite” Antes era demitir e agora na norma dimitir.


O Carrabouxo ten o seu equivalente na realidade ou é unha suma de equivalentes?

É unha suma de moitas persoas. Non existe ninguén idéntico. Está inspirado en cousas da miña infancia, nalgún cagasentencias,... algunha persoa cun parecido físico maís lonxe do personaxe. Eran persoas, nalgúns casos, xente case do “lumpen” rural. É idéntico a miña cabeza, nada máis.


Carrabouxo fixo de todo, mesmo saír na televisión... Como foi aquela experiencia?

Fora unha obra pioneira posto que era a primeira vez que se facía en Galiza con medios galegos. Participaron trece ou catorce debuxantes galegos moi bos e con pouca tecnoloxía, non como agora. O guión era a viñeta e Lhosca Arias converteuna nun debuxo animado. Fixéronse 26 capítulos. Fora unha experiencia interesante. A dobraxe do personaxe foi era miña ao principio.


Que ten o humorismo gráfico que a maior parte de debuxantes son de esquerdas?

Agora que o dis... Pasa case con todas as manifestacións culturais. Os traballadores das artes e as letras non son moi de dereitas. Pode que a visión desde a esquerda saque máis punta aos temas sociais...

“Ten certo mérito manter un personaxe así nun medio tan distante da miña ideoloxía”

Carrabouxo tiña que ser nacionalista ou non ser?

Si, claro. Desde logo a miña visión da realidade está baixo un prisma ideolóxico que se reflicte no meu personaxe. As miñas ideas foron unha fonte inesgotábel para o personaxe. O Carrabouxo naceu cando gañou as eleccións españolas Felipe González. Moita xente sorprendeuse que o carrabouxo criticara a aquela xente que viña a facer o cambio, a renovar. Logo déronse conta que o que criticaba eran as carencias do PSOE e que en Galiza non resolvían a súa política. Mesmo trouxeron a reconversión naval. Había un problema sen resolver que era a cuestión nacional de Galiza e iso deulle vida ao Carrabouxo.

Co pensamento na Nación mais vive na “Región”...

É curioso... É o caso de convivencia estraño... ten certo mérito manter un personaxe así nun medio tan distante da miña ideoloxía. Vivimos moitos conflitos, moitas censuras mais seguimos adiante. Supoño que a eles resúltalles rendíbel o personaxe a min ter onde publicalo. Nalgunha ocasión outros medios quixeron levarse ao Carrabouxo mais non chegamos a ningún acordo.

Que comentou Carrabouxo dos resultados electorais?

Aínda non fixo ningún comentario... O seu autor quedou bastante amolado...Hai algunhas ideas mais aínda non fixen unha valoración. Foron tan complexos os resultados! Hai que medirse moito para facer unha análise coa rotundidade que ten o Carrabouxo. Calquera día sairá unha análise.

Onde están hoxe outras personaxes como Bolecha, Sabeliña,...?

Tiveron a súa época e non teñen porque volver. Sabeliña publicábase n'A Nosa Terra e alguén decidiu “matala” tecnicamente por facer algo “máis aberto”. Eu aceptei aquela nova perspectiva de cambio n'A Nosa Terra que despois acabou todo... en terra... Se se lle ocorre a alguén que ten algunha función sempre pode resucitar. Agora o Carrabouxo ocúpame todo o tempo. O caso da taberneira Bolecha tamén está aí. Os personaxes desaparecen mais nunca morren, están vivos posto que non fixen ningunha viñeta onde morreran.

Cales foron as primeiras palabras de Carrabouxo?

Foi o 10 de novembro de 1982 cando a visita do Papa a Galiza. Dúas velliñas camiño de Compostela cunha pancarta moi rústica que dicía “Totutotuto”, unha versión do lema do vaticano, e o Carrabouxo dicíalles “Eu creo que iso vai mal posta pero vostedes verán”.

Atrévese a predicir cales serán as últimas?

Non sei cales serían. Manterá o humor, a súa filosofía e a súa ideoloxía. Ao mellor as súa últimas palabras serán “Por fin Galiza é libre!”

Máis en Letras e Ideas
Comentarios