mércores 28/10/20

Novoneyra en Estados Unidos: ecopoetry

Erín Moure traduce o poeta do Courel ao inglés
erin moure house of anansi press 2
A poeta e tradutora canadiana Erín Moure, nunha imaxe da súa editorial. Foto: House of Anansi Press

Uxío Novoneyra (O Courel, 1930-Compostela, 1999) cantou o mundo onde este se chama O Courel. A súa poesía é unha intensificación máxima da atención á materia, e no Courel dos tesos cumes a materia é o mundo. Os Eidos, cuxa primeira edición data de 1955 pero que foi evoluíndo, arrequecendo, despregándose en sucesivas variantes, condensa a súa ollada. É ademais a base The Uplands: Book of the Courel and other poems, o volume traducido pola canadiana Erín Moure que leva Novoneyra ao ámbito anglosaxón. Publica a editorial estadounidense, de Texas, Veliz Books.

"Para min a poesía de Novoneyra é unha poesía con moita resonancia a esta beira do Atlántico, onde nos últimos anos falamos de ecopoetry", explica Moure a Nós Diario vía correo electrónico, "e tamén da conexión coa terra dos pobos autóctonos". A etiqueta ecopoesía está a adquirir fortuna crítica e editorial, en paralelo ás mobilizacións globais de alerta contra a mudanza climática. Aí encaixa Novoneyra, segundo a tradutora, aínda que nunha perspectiva máis ampla e politicamente radical: "Eses pobos autóctonos sufriron a colonización europea e seguen a reivindicar o seu dereito de vivir e de custodiar a terra, gobernarse a si mesmos fronte á destrución industrial da sociedade capitalista".

"Moito que dicirnos"

Esta lectura exterior sobre Novoneyra abre portas críticas que exceden certos lugares comúns. "É un poeta que ten moito que dicirnos", di Moure, "aquí tamén hai montes, tradicións e cultura popular rural. Hai traballos e hai historias. O seu minimalismo, a súa atención á palabra exacta, ofrecen riqueza ás poetas de América do Norte". Pero fíxoo nunha lingua propia sintetizada a partir do galego do país courelao.

"Foi un reto tremendo e un pracer ao mesmo tempo crear unha voz para Novoneyra", expón, "que leva sotaque canadiano dentro do gran mundo inglés. É unha pequena lingua, mais, como a de Novoneyra, é grande". A invención de palabras foi unha das tácticas usada por Moure en The Uplands, "algo que non é tan difícil dado o substrato xermánico do idioma inglés". Así foi pasando o "sentido marabilloso do ritmo, a súa música" do poeta ao universo saxón.

Non é, nin moito menos, a primeira vez que Erín Moure (Calgary, Canadá, 1955) se enfronta á poesía galega. O seu bisavó emigrou en 1848 desde Crecente e de aí o seu apelido. Pero o acontecemento que a sacudiu foi o encontro con M-Talá (Xerais, 2000), de Chus Pato, mentres facía en 2001 un curso de galego para estranxeiros en Compostela. "Decidín que quería traducir o libro", lembra. Unha primeira versión parcial, From M-Talá, apareceu en 2002 na editorial Nomados de Vancouver. Completo saíu sete anos despois na inglesa Shearsman Books. Máis obras de Pato -Charenton, Hordas de escritura, Secesión e Carne de Leviatán-, Camuflaxe de Lupe Gómez e varias incursións en Rosalía de Castro -In Leaf, Follas Novas, con comentarios da propia tradutora, foi a última- son outros dos seus traballos.Agora pon o ramo á versión francesa de Carne de Leviatán, de Pato, para a que procura editoria, e pensa nunha virada.

"Son poeta ante todo e quero volver escribir poemas meus este ano", afirma. En 2007 Galaxia colocara nas librarías os seus poemas de Teatriños, con tradución ao galego de María Reimóndez. "Quero ben volver publicar poesía en galego, e se alguén quere traducir...", conclúe, "un día vou pasar por Galiza e escribir, por suposto, en galego".

comentarios