venres 24.01.2020
FINA CASALDERREY, ESCRITORA

“As novelas de María Victoria eran inxeccións intravenosas directas de sentimentos para a xente nova e non tan nova”

Este 15 de agosto celébrase o Día das Galegas nas Letras, desta volta, dedicado a María Victoria Moreno. 

Fina Casalderrey
Fina Casalderrey

A seguir reproducimos a entrevista realizada pola xornalista Lara Rozados á escritora Fina Calderrey arredor da figura de María Victoria Moreno. A conversa foi publicada orixinalmente no caderno A Fondo do semanario en papel. 

A escritora e mestra Fina Casalderrey (Xeve, 1951) é autora de moitas das novelas máis destacadas da literatura infantil e xuvenil galega: Asústate, Merche! (1994), O misterio dos fillos de Lúa (1995) ou O estanque dos parrulos pobres (1996), por citar só algunhas. A súa afinidade literaria, persoal e afectiva con María Victoria Moreno queda reflectida nesta conversa sobre a que foi amiga e referencia, a quen este ano se lle dedica o II Día das Galegas nas Letras.

Como coñeceu a María Victoria Moreno e como foi a súa relación persoal con ela?
Todo comezou naqueles primeiros cursos de galego no ensino. Xa ves, veu unha extremeña aprendernos  galego. Veu falarnos con paixón de Cabanillas e de todos os autores que permanecían para nós tapados con quilos de mala pintura. Veu ela falarnos deles neses primeiros cursos de galego, en Pontevedra e noutras zonas. Ela foi unha das nosas mestra de mestres. Lembro que ela falaba a moita velocidade, case aprendín a ser taquígrafa tentando non deixar atrás nada do que contaba. Pero relendo despois os apuntamentos, as cousas que dicía non só eran amenas e interesantes, senón que contaxiaban aquela paixón que ela poñía no que contaba, de Na noite estrelecida (de Cabanillas), e das pequenas cousas que ela sabía e che ía debullando. Despois fixémonos amigas pouquiño a pouco...

“Era tan sabia que ata podía aparentar impertinente”

Lembro unha crítica que fixera, sen ter aínda confianza comigo, de O misterio dos fillos de Lúa, que remataba “O defecto que lle vexo é que me gustaría telo escrito eu”. Lembro tamén ler poesía xuntas... Canta poesía sabía esa muller! Sabía atopar versos para todo, sabía mirarlles as tripas... Nesa profundidade serena da amizade, sen ter que dar contas a ninguén... Aprendín tanto dela...

Notábaselle esa sensibilidade na escrita.
Na escrita e na vida. Ata o seu xeito de lear os cigarros tiña un rito poético. Dunha volta, viñamos de Santiago, dun acto, as dúas na súa “Teresita” (só a ela se lle puido ocorrer poñer ao seu coche -vermello, por certo- un nome de muller), ela conducía e pediume que lle lease un cigarro. Eu, que tantas veces a vira facelo, tentei imitala, pero cando llo entreguei, dixo “Isque é un vurullo de cuspe!”
Sabía moitísimo de literatura! Eu dicíalle “Es tan sabia que ata es quen de aparentar  impertinente”, con todo o cariño do mundo. “Si?”, respondía cun sorriso pillabán que pretendía inxenuidade. E non se cortaba cando alguén dicía unha incorrección ou unha mentira, ou mesmo unha frase mal construída... Rebentábana eses usos do infinitivo “Dicir que...”, ou o abuso dos xerundios… mesmo lles dedicara un soneto aos xerundios. Tería merecido máis recoñecementos... Dos lectores e lectoras, do alumnado… tenos, pero pola parte dos premios...

Se cadra por esa parte dos premios, da crítica, máis institucional, foi algo esquecida... Pero que significou para a LIX galega?
Pois ela foi das pioneiras, cando escribiu Mar adiante (1973), por exemplo, nese momento en que esta literatura estaba nacendo. Unha escritora galega, porque escribía en galego, amaba Galicia e, como ela mesma dicía, “Eu nunca lle puxen os cornos a Galicia”; de certo, defendeu Galicia coma unha Galega “da tribo”. Foi, cando aínda eran moi poucos/as quen facían literatura infantil e xuvenil de forma continuada, alá polos setenta, das que estaban aí. Tamén entrou na literatura xuvenil cando aínda non había en galego moito onde escoller, velaí aquela Anagnórise tan potente destinada á xente moza, e non tan moza, que afonda nos sentimentos que xorden nunha conversa entre unha muller madura e un rapaz nunha simple viaxe en coche. 

“María Victoria era unha escritora galega, porque escribía en galego e amaba Galicia”

É de salientar o seu respecto polos lectores e lectoras máis novos, considerándoos persoas intelixentes e escribindo sen medos nin tabús.
Si, ela demostrou que todos os temas poden ser tratados a todas as idades.

E como mestra, como viviu esa relación con María Victoria Moreno e coa súa obra, como traballou os seus textos na aula?
Por suposto que traballei cos seus textos, mesmo os teño convertido en guión teatral. Ademais era un luxo contar con ela, que era unha persoa especialmente xenerosa. Nunca tivo pelos na lingua para dicir o que pensaba, era unha persoa moi especial, tamén no trato. Como anécdota, en Sobrevives? puxera Anagnórise na mesiña de noite do protagonista, un rebelde con causa, a carón d’ O vixía no centeo, de Salinger. O rapaz era unha calamidade e falaba mal dos libros, non lle gustaba ler… A ela, cando o lera, parecéralle fatal, despois xa se decatou de que a interpretación que un lector espelido daba a aquilo era xusto a contraria. Así era…

Como profesora, tivo tamén ocasión de comprobar o efecto que tiña a lectura dos seus textos na xente moza?
Eran inxeccións intravenosas directas de sentimentos. A maioría das súas historias tiñan moito dese pouso, é a súa unha literatura chea de mensaxes profundas. Lembro aquela sorte de testamento vital que escribiu sobre a súa experiencia co cancro, desacougante, esperanzadora e, sobre todo, unha peza literaria. Recolle nese libro o delicioso detalle de que lle daba de beber auga á filla en vaso de cristal tallado para espertar nela a sensibilidade…

Como valora que este ano sexa a escollida para o II Día das Galegas nas Letras?
Vouvos dar os parabéns, é un xeito de lle facer xustiza a María Victoria. Somos moi dados a ter amnesia con respecto a persoas importantes no noso camiño. Eu penso que María Victoria, desde onde estea, estará dicindo seguramente “Xa era hora, penso que o merezo”. Falsamente humilde non era, así que diría algo así como “Moi ben, rapazas, eu merecíao”.

“As novelas de María Victoria eran inxeccións intravenosas directas de sentimentos para...
comentarios