Unha nova vida para o Castelo da Lúa e a casa de Rafael Dieste

O Concello de Rianxo desenvolve o proxecto para a restauración do Castelo da Lúa (século XIII) e mais da casa familiar de Rafael Dieste (1900). Trátase de dous proxectos con fondos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) e da Deputación da Coruña.

castelo da lua rianxo
photo_camera Imaxe: Concello de Rianxo

Rianxo ateiga importantes tesouros patrimoniais e culturais de grande importancia non só para a vila, senón para o conxunto histórico e identitario de Galiza. Desta volta, e grazas tamén aos fondos destinados pola AGADER (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural) e a Deputación da Coruña, o concello está a traballar na rehabilitación, restauración e posta en valor do Castelo da Lúa (século XIII) e da casa familiar de Rafael Dieste (1900), unha aposta pola recuperación do noso patrimonio que nace cunha vontade didáctica co foco na participación activa da veciñanza e das persoas visitantes.

Castelo da Lúa

O Castelo da Lúa sitúase nunha pequena península que recibe o nome de Punta do Pazo, ao carón da praia da Torre e nunha posición estratéxica excepcional. Construído no século XIII, o castelo atópase agora embarcado nun proxecto de restauración e acondicionamento dirixido polo arqueólogo Mario César Vila e o restaurador Gonzalo Buceta.

“Queremos traballar, ademais da parte arqueolóxica, a didáctica e de revertemento deste traballo na sociedade”, salienta César Vila

O Castelo da Lúa foi escavado por primeira vez no ano 2001 para máis tarde, entre os anos 2007 e 2008, construír a pasarela que actualmente sobrevoa o xacemento, “As primeiras intervencións de envergadura estámolas facendo agora de cara á posta en valor do xacemento e para o use e desfrute por parte da veciñanza”, explica César Vila, encargado da dirección arqueolóxica.

“Estamos intentando facer unha arqueoloxía nova na Galiza, con proxectos integrados por equipas multidisciplinares de traballo que actúen non só na execución da obra, senón na fase previa á intervención e na redacción da memoria”, sinala o arqueólogo.

Neste proxecto participan arqueólogos, restauradores, canteiros, persoal de obra encargado da maquinaria, historiadores, topógrafos… Precisamente estes últimos son os encargados de aplicar as novas tecnoloxías en 3D para ter imaxes máis precisas do xacemento e poder empregar esa información a nivel virtual: “Todo o que non se poida ver ou reconstruír na realidade, trasladarémolo ás distintas plataformas dixitais para que se poida entender. Hoxe podemos achegarnos ao xacemento por medio de paneis informativos, pero con estes recursos telemáticos podemos complementar esta información a través de códigos QR, blogs e outras plataformas”, indica.

Mínima intervención

O Castelo da Lúa é un dos poucos castelos na Galiza e no noroeste peninsular escavados por completo. A pesar disto, e tal e como explica César Vila, o proxecto non está enfocado á súa reconstrución: “Os xacementos non se reconstrúen. Non temos a información suficiente para saber como era no século XIII e, amais, o custo económico sería desorbitado. Os criterios que seguimos actualmente son os de mínima intervención, de forma que se poida entender o castelo sen mudalo”.

Para César Vila, o máis positivo do proxecto é a reacción dos máis pequenos durante as súas visitas: “Chegan sen prexuízos, coa mente aberta e dispostos a escoitar e aprender. Formulan preguntas e problemáticas e danse de conta de cuestións que aos maiores lles pasan desapercibidas. Valoran realmente a magnitude das cousas, por iso queremos traballar, amais da parte arqueolóxica, a parte didáctica e de revertemento deste traballo na sociedade”.

Casa de Rafael Dieste

dieste-deputac

Construída a principios do século XX, a casa familiar da familia Dieste foi mercada polo Concello de Rianxo hai escasos anos co fin de rehabilitar o exterior da mesma. Desta volta, a intervención realizarase no interior e ten como obxectivo a súa reconversión nunha Casa-Museo aberta ao público.

As intervencións no Castelo da Lúa e na casa matriz de Rafael Dieste son dúas actuacións de grande peso para a recuperación patrimonial de Rianxo

Ao igual que a casa matriz de Manuel Antonio, a dos Dieste localízase na Rúa de Abaixo, formando unha sorte de “espazo museístico no centro da vila e arredor de dous persoeiros fundamentais da nosa cultura”, tal e como indica o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños.

O 80% do orzamento dedicado a esta intervención provén da Deputación da Coruña, deixando un 20% restante ao cargo do Concello de Rianxo. “Con esta actuación resólvense os problemas de accesibilidade existentes, permitindo a entrada aos dous andares que compoñen a casa a calquera persoa interesada en visitala”, explica Muíños.

A planta baixa estará enfocada á creación dunha zona expositiva e unha pequena sala de conferencias, mentres que na de arriba se buscará recrear a forma de vida dos Dieste na súa casa orixinaria, entre os anos 1900 e 1920.

Está previsto que as obras rematen entre os meses de marzo e abril do ano próximo. Despois da restauración da casa matriz dos Dieste, a única que aínda fica sen intervir na vila rianxeira sería a dos Castelao: “Ao estar en mans privadas as negociacións son máis dificultosas. Xa se ten demandado a implicación do Goberno galego, tendo en conta que estamos diante dunha persoa de referencia para o conxunto do país”, indica o alcalde.

Dúas obras de gran peso

As intervencións no Castelo da Lúa e na casa matriz de Rafael Dieste son dúas actuacións de grande peso para a recuperación patrimonial de Rianxo. O concello tamén ten prevista a compra do Pazo de Rianxiño, datado no século XVIII. A idea 
da corporación municipal é que se reconverta nun centro de día, “adquirindo o pazo para un uso social e de desfrute para a cidadanía”.

Publicado no Caderno de Verán que acompaña o semanario nº304 do Sermos Galiza

Comentarios