martes 27/10/20
XURXO SOUTO, NOS 25 ANOS DO 1º DISCO DOS DIPLOMÁTICOS

“Nós fixemos todo ao revés, ese foi o paso adiante”

Xa van 25 anos daquel iniciático 'Arroutada pangalaica' que convertiría os Diplomáticos nun dos grupos máis influíntes da música popular galega, dando lugar a un movemento de seu, o rock bravú, que deixaría pegada en todo o país. Mesmo en Paco Vázquez, quixera ou non. Lembramos aquel tempo con Xurxo Souto, cantante, ideólogo e moito máis daquela banda. 

diplomaticos-agosto2015
Os Diplomáticos no pregón das Festas de María Pita en agosto 2015

- Xuntástesvos hai 27 anos para facer unha sintonía para unha radionovela para a Radio Galega e acabastes...
- Esa foi a escusa. Eu andaba na música galega, pero non estabamos cómodos, porque naquel momento había unha cosmovisión que dicía que a música galega estaba moi ben para a música folc, para o trad, pero non para músicas emerxentes, o rockanrol, nunha palabra. Entón descubrimos que os punkis estaban moi ben, The Pogues estaban moi ben, pero que o Cuco de Velle era tan punki coma os punkis, así que había unha necesidade de facer algo distinto, saír de aí, dese rego. Entón empecei a colaborar na Radio Galega con Carlos Blanco, con Amelia García, e fixemos unha radionovela que se chamaba Os frigoristas. Aquilo foi para diante, Carlos Blanco era o protagonista e preguntei se podía facer unha sintonía, dixéronme que si e fun buscar uns amigos e gravamos 'Non chas quero'. Aí estaba Rómulo, que era compañeiro meu nun grupo que se chamaba Belida; aí estaba Guni, compañeiro do instituto, e o que fixemos foi cantar unha cántiga tradicional con arruallo punki. E aí empezou todo. 

- Antes de publicar o primeiro disco, 'Arroutada pangalaica', tocastes dous anos e o LP sae en 1991 producido pola Fundación Resentidos. 
- Si. Fixemos unha copia do 'Non chas quero' en cinta cassette, non existían outros formatos. Fomos polos bares de Santiago e foi unha loucura. A versión duraba seis minutos e recordo que na Casa das Crechas puxérona seguida seis ou sete veces. A xente estaba entolecida. Digamos que o comezo dos Diplomáticos, o triunfo, digámolo así, foi en Santiago, e logo no resto dos bares da zona vella de Santiago, o Tarasca, o Curruncho, etc. E, claro, xa tiñamos esa peza e non tivemos máis remedio que facer máis. E fomos, naquel tempo que o galego non valía para o rockanrol, co 127 do meu pai e coa maqueta que gravamos na Radio Galega, crucei a ponte de Rande e fun falar con Antón Reixa, que era o único grupo naquel momento que cantaba en galego, con auténtica vehemencia rompendo tópicos. E escoitou a maqueta, gustoulle e díxome: “Vou montar unha discográfica e queremos que vós sexades a primeira referencia”. Así que coa produción, da man de Alberto Torrado, dos Resentidos, saiu Arroutada Pangalaica. 

Entre todos fixemos unha alianza e inventamos un nome para un tempo, que foi o bravú, algo do que me sinto especialmente orgulloso. 

- Guau. 
- Iso ten moito tomate, pero procuro resumir. 

- O 'Non chas quero' hoxe case é un himno da festa. 
- É unha canción popular, non era dos Diplomáticos. Volvo a ese mundo, a esa cosmovisión absoluta que era moi mentireira, dicía que había unha distancia total entre o rural e o urbano. Que o urbano había ser o futuro, o inglés, e o rural é o pasado e o galego tamén. E nós eramos doutro mundo, eramos dun barrio, Montealto, nacéramos alí, pero o espazo era unha aldea, e as nosas relacións eran, como en todos os barrios de Galiza naquel momento, do mundo da aldea. E ese mundo da aldea e a súa música tradicional, non era unha música ñoña por moito que nolo quixeran impor, era unha música punki, vehemente, os gaiteiros de Soutelo, Cuco de Velle, iso era o que queriamos reivindicar. Era xuntar a vehemencia, o arruallo da cultura popular que se expresaba en galego e que de feito estaba oculta nos medios de comunicación, non existía, con esa cultura absolutamente vehemente que se escoitaba naquel momento, en clave de punk, tex-mex, gipsy rock en Francia (Mano Negra), tex-mex... Escoitabamos a Mano Negra e diciamos, pero isto é o noso; escoitabamos a Flaco Jiménez e diciamos, pero isto podía estar soando nunha festa dunha aldea, como así se demostrou claro. 

- Foi un auténtico empoderamento dos rapaces de barrio que viñades da aldea, non?
- Si, agora cando me chamaches dixen, aquí hai que facer unha reflexión. Entón a reflexión que quero facer é que cómpre ser heterodoxo, é o mellor que podes facer na vida. Facer xusto ao revés do que che digan que tes que facer. Naquel momento dicíase que o galego non valía para o rockanrol, era un tópico afirmado. Naquel momento era un tabú firme, e despois dicíase que na Coruña non se falaba galego. Os máis sesudos analistas afirmaban que na  Coruña non se falaba galego e para estar no mundo cultural había que estar nesas élites universitarias e inteletuais. E nós fixemos todo ao revés: cantamos en galego, un grupo dun barrio da Coruña, a parte reivindicando un barrio, onde non pasaba nada. Ese foi o paso adiante: facer xusto ao revés do que che mandan, que é moi agradable.

O que fixemos foi cantar unha cántiga tradicional con arruallo punki. E aí empezou todo. 

- Tamén foi unha reivindicación da Coruña como cidade galeguista, cousa que non acontecía desde o tempo das Irmandades. 
- É por iso que eu falo da inadecuación entre a realidade e a visión dos tópicos e a cosmovisión. Na cultura popular naquel momento teoricamente ninguén falaba galego, eran os tempos de Paco Vázquez, e non era só unha opinión popular, os analistas que manexaban os datos máis precisos afirmaban iso. E, sen embargo, acudías aos datos sociolingüísticos e resulta que é a cidade con máis galegofalantes de todo o país en termos absolutos. O que pasa é todo iso estaba oculto. E decidimos dar ese paso cara adiante e, efectivamente, e esa tradición que viña das Irmandades da Fala está presente, pero tamén viña de Montealto. Tamén estamos reivindicando a tradición libertaria, e iso podo dicilo con moito orgullo. A CNT na rúa da Torre chegou a ser sindicato maioritario, chegou a ter 20.000 afiliados. E ese orgullo libertario está moi presente na xente maior do barrio. E nótase no Entroido da Coruña, a xente baixa pola rúa da Torre, os choqueiros baixan pola rúa da CNT. Toda esa tradición que estaba oculta e nós, con modestia e vehemencia, reivindicámola, e por iso chegou á xente e por iso foi unha pequena revolución, claro. 

- Fostes a resposta cultural a Paco Vázquez. 
- Nós non queríamos responder a Paco Vázquez, o que pasa é que naquela época todo o que el dicía non nos interesaba. Era un discurso no que non nos sentiamos para nada atraídos. Paco Vázquez foi un fracaso como político. Estaba nunha institución que se chama Concello, que vén de conciliar, o axuntamento de xuntar, e a súa praxe política era totalmente contraria, ou estás comigo ou contra min. “A Coruña, que estamos sendo agredidos por todas partes”, “A Coruña, que non é Galiza”. E nós non, nós eramos profundamente desta cidade, do miolo, de Montealto, pero reivindicabamos a nosa identidade como parte dun país marabilloso que se chama Galiza. É máis, o mapa da Coruña é un resumo de todo iso, ao que igual que Vigo: a zona dos Castros é de toda a xente que veu de Cospeito, Guitiriz; a zona de Agra do Orzán é toda da Costa da Morte... Si, había unha realidade que os medios de comunicación dominante e as televisións non reflectían, e de aí saimos. E como era algo evidente, pois tivemos repercusión. Fixemos festa en Montealto, fixemos festa na cidade, cando teoricamente cantando en galego non podíamos ter éxito alí, e o máis bonito, fomos a Pontepasaxe e escribimos que había 15.000 grupos parecidos a nós, e o aínda máis bonito, entre todos fixemos unha alianza e inventamos un nome para un tempo, que foi o bravú, algo do que me sinto especialmente orgulloso. 

Nós eramos doutro mundo, eramos dun barrio, Montealto, pero o espazo era unha aldea e as nosas relacións eran do mundo da aldea. 

- Supoño que daquela non sabiades que estabades a inaugurar o rock bravú, o único movemento propio da música galega. 
- Non o sabíamos, pero tiñamos esa conciencia de, como di a Matraka Perversa, “a nosa historia facémola nós”, esa era a idea do bravú, non esperemos a que ninguén nos poña etiquetas que nós estamos na centro do mundo: a aldea, o barrio, o marxinal, o que está na beira, é o centro do mundo. Por que non imos ter o mesmo encéfalo que unha rapaza de New Jersey ou dun rapaz de Londres. Por que non podemos inventar historias? E iso pódese facer agora mesmo exactamente igual. E con esa idea de que o que teoricamente era pasado, era decadente, resulta que non, era o pulso da vida, e por iso tivemos esa repercusión, grazas tamén aos medios públicos en galego, a TVG e a Radio Galega. A primeira maqueta naceu na Radio Galega, e logo a TVG co famoso Xabarín. E hoxe en día, pois toda esta nova fornada de grupos cando teñan oportunidade de saír na TVG, xa teñen unha pegada importante, pero daquela provocarán outra revolución xeracional como aquela que vivimos nós. 

- Bebiades da música tradicional, dos cantos de taberna, do rock e mesmo había co rock radical vasco...
- Claro, porque era a música popular do noso tempo. Porque a vida é moi fecunda e moi variada, e nos barrios, nas nosas casas convivían as cintas dos Tamara, o marabilloso Pucho Boedo, o Cuco de Velle, mexicanadas marabillosas, como Jorge Negrete ou o tex-mex de Flaco Jiménez, alucinábamos cando apareceron os discos dos Sex Pistols, pura vehemencia, puro contacto. Eu tiven a sorte de coñecer a The Pogues, e a relación co País Vasco foi absolutamente natural. Houbo algún ano que tocamos máis en Euskal Herria que aquí, porque era esa mesma idea, de facer a cultura desde a rúa, que todos somos protagonistas, que non hai unha distancia entre o escenario e a parte de abaixo, que che pode crear unha música popular desde aquí coa que poidamos ser protagonistas. 

O día 21 en Cans imos presentar o tema e o videoclip desa pedra, 'A Rabaleira', xusto no lugar onde nos quitamos esa foto hai 25 anos

- Hai pouco falamos con Fermin Muguruza e dixo que botaba de menos aquel tempo no que os grupos do País Vasco, Galiza e Cataluña tiñan unha relación de irmandade. E falaba dos Diplomáticos concretamente. 
- É que foi unha época marabillosa, andar polo mundo levando unha cultura, unha identidade e un discurso, en clave absolutamente humilde, cunha música popular, como é o rockanrol, pois é marabilloso. Esa oportunidade que tivemos de coñecer a Negu Gorriak, o produtor doutro disco noso foi Kaki Arkarazo, e logo coñecemos a Manu Chao, que veu por aquí naquel momento de desaparición de Mano Negra, estaba un pouco deprimido, e reencontrouse coas súas orixes, coñeceu a Pinto de Herbón e a Mercedes Peón. Escoitou miles de músicas e a que máis lle prestou foi a pandeireta, e logo aí creáronse uns vencellos fortísimos. No ano 98 creouse a Feira das Mentiras en Compostela e era espectacular, había grupos vascos, franceses, os Mau-Mau do Piamonte, creouse unha rede marabillosa. O importante é que cada xeración se atreva a dar un paso cara adiante, como está acontecendo agora mesmo. O que pasa é que agora non temos esas claves. E nós tivemos esa inmensa sorte dos medios públicos en galego. A TVG fixo algo tan evidente como iso, gravar unha serie de videoclips en galego, e foi un éxito xeracional. 

- Xa para rematar quería preguntarche se ides facer algunha celebración especial. Na vosa páxina de Facebook insinuabades algo...
- Non iamos facer algo especial, pero o destino lévanos a iso. Non imos estar toda a vida celebrando efemérides. A nosa celebración foi xuntarnos con motivo dos 20 anos, despois cando foron os 20 anos do bravú en 2014 fixemos aquela versión de Celso Emilio Ferreiro 'Deitado fronte ao mar', afirmando que A Coruña e Vigo son a mesma cidade, dous puntos no océano. E no disco 'Arroutada Pangalaica', se vos fixades na contraportada aparecemos nunhas pedras a carón da Torre de Hércules. Cando quitamos a nosa foto, nós non sabiamos nada de como se chamaban esas pedras, porque ninguén nolo conta, é alucinante. Temos un monumento da humanidade e nin sequera hai un carteliño co nome das pedras. Pois agora sabemos que aí cada pedra ten un nome: a Rabaleira, o Xogadoiro, os Coitelos de Terra, os Coitelos de Mar. E unha gran poeta, Teresa Ramiro, que é mariscadora na ría do Burgo, fixo un poema dedicado a unha desas pedras, A Rabaleira. E foi xusto un tema que gravamos hai uns días, foi un agasallo que nos fixo Tomás Axeitos, nos estudos A Ponte. E o día 21 en Cans imos presentar o tema e o videoclip desa pedra, 'A Rabaleira', xusto no lugar onde nos quitamos esa foto hai 25 anos e que nesa ignorancia que nos rodea nin sequera lle sabiamos o nome. Algo avanzamos, xa somos máis donos da nosa propia realidade. 

comentarios