Contracultura

Helena Egea: "Hai moito potencial musical emerxente na Galiza e o feminino sempre é unha aposta forte"

Helena Egea, música, vén de ser seleccionada xunto con 11 artistas máis para a aceleradora de proxectos musicais Sonemerxente, impulsada pola Xunta da Galiza coa xestión da Fundación Paideia. Egea aborda as dificultades que se presentan á hora de pór en marcha un proxecto deste estilo xa que, como ela di, “hai tantas decisións que tomar, e tamén unha compoñente económica, que acaban abafando”.
A música Helena Egea é cantante e toca o violín, o piano e a guitarra. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A música Helena Egea é cantante e toca o violín, o piano e a guitarra. (Foto: Nós Diario)

—Que significou saber que fora seleccionada para a aceleradora Sonemerxente?
Parece o típico que se di, mais foi unha sorpresa porque non o esperaba. Hai que ter en conta que se presentaron 60 proxectos dos que só seleccionaron 12. Tamén teño moita ilusión porque non deixa de ser unha oportunidade. Pola información que nos deron até o momento está moi orientado a formación e a darnos ferramentas para poder levar o noso proxecto ao seguinte nivel. Eu xa estaba participando no coworking de industria musical da Fundación Paideia, a mesma implicada nesta aceleradora, polo que me collen ambas as cousas á par. É un momento no que estou tendo titorías constantemente, mais tamén de profesionalizar o meu proxecto e, sobre todo, atender cuestións legais e administrativas que adoitamos deixar de lado.

Para min é o momento de darlle un impulso ao meu proxecto, porque aínda que teño as miñas cancións, comecei hai relativamente pouco e aínda non sei exactamente cara a onde avanzar. Non teño EP nin material ben gravado polo que vou aprender os pasos que teño que dar para chegar aí. O coworking está máis enfocado cara á presentación dun modelo de negocio, a viabilidade do proxecto musical e a esta parte máis fea de conseguir que sexa algo sustentábel a nivel económico e da aceleradora agardo que haxa un respaldo e oportunidades de promoción.

Eu traballo como informática e é algo que quero manter, mais tamén me gustaría ter un rendemento do meu proxecto porque a música tamén é traballo e require dun investimento en material e formación. 

—Precisamente a aceleradora busca levar os proxectos a dar un salto cualitativo. Cal sería ese salto no seu caso?
Agora mesmo, poder sacar material, por exemplo facendo un EP. Ao mellor non podo publicalo todo baixo este proceso, mais cando menos saber por onde tirar para facelo e saber valorar as distintas opcións: desde producir un disco na casa ou levalo a un estudo até o enfoque necesario para expresar o que queres, se é preferíbel facelo en formato banda, en acústico ou soa. Tamén penso que un salto cualitativo é que te coñezan, poder ter oportunidade de tocar nalgúns sitios que igual doutra maneira é moito máis difícil o acceso. Eu tiven a sorte de gañar un concurso co meu traballo de fin de mestrado e poder tocar no Festival Noroeste. Claro, tocar nun escenario tan grande foi unha experiencia moi chula, aínda que despois non saíra nada de aí, é ter esa oportunidade de coñecer máis xente, de que máis xente soubese de min, de poder chegar a un público máis grande...

E ademais tiven a sorte de que as miñas compañeiras, Bratzantifa, tamén gañaran e actuaran alí. Este salto cualitativo tamén depende da situación na que esteas, porque moitos dos meus compañeiros e compañeiras xa sacaron música, quizais agora queren centrarse máis na súa imaxe ou en aspectos relativos á promoción e comunicación. Aínda que quizais puidera aproveitalo mellor noutro punto da miña carreira, para min é necesario recibir este impulso agora porque hai tantas decisións que tomar, e tamén unha compoñente económica, que acaban abafando.

—Cando se deron a coñecer as artistas seleccionadas salientouse o potencial da música emerxente galega e, en concreto, das artistas femininas. Tamén o ve así?
Si, creo que é así. No emerxente sempre hai moito potencial e na Galiza en concreto tamén. Eu espero que isto axude tamén a que a situación poida ser mellor para as persoas que estamos aí. O sector feminino normalmente recibe menos visibilidade, mais eu creo que sempre é unha aposta forte, porque como digo hai moito potencial. Estar aí, para axudarnos e para dar voz é moi importante.

Comentarios