Contracultura

María Montes, ilustradora: "Gústame moito incluír detalles pequenos que haxa que buscar e esconder algunha mensaxe"

María Montes compaxina o seu traballo nunha clínica veterinaria coa ilustración, onde a figura feminina aparece de forma habitual como protagonista. Este protagonismo da muller tamén está presente no proxecto Cartafol de ilustracións do Reino da Galiza, para o que vén de colaborar con dúas obras.
A artista María Montes mestura natureza e figura feminina nas súas composicións. (Foto: Cedida por María Montes)
photo_camera A artista María Montes mestura natureza e figura feminina nas súas composicións. (Foto: Cedida por María Montes)

—Ademais da presenza e protagonismo das mulleres, que outros elementos son imprescindíbeis nas súas obras?
Eu diría que tamén os animais, os elementos vexetais, a natureza en xeral… Gústame moito incluír detalles pequenos que haxa que buscar e esconder algunha mensaxe, se hai oportunidade, nalgún elemento da ilustración. 

—Que ideas a inspiran á hora de realizar as ilustracións?
Moitas das imaxes xorden a partir dalgunha lectura, ou de escoitar algunha canción; outras simplemente de camiñar pola rúa e observar a xente que pasa e, outra parte delas veñen de vivencias persoais. Penso moito nunha reflexión dun colega ilustrador, que dicía que a arte ten que reivindicar, e pregúntome que papel ten o que eu fago, que é o que teño que contar eu como autora e creo que teño posto o foco na miña propia conexión coa natureza ou coa esencia de ser muller (tal e como eu a entendo) e supoño que iso será algo que irá mudando co tempo a medida que cambian ou se amplían os meus intereses. Pero tamén hai veces que simplemente busco un fin estético.

—Está a piques de saír á luz o 'Cartafol de ilustracións do Reino de Galiza', para o que colabora. Como viviu o proceso deste proxecto?
Desfruteino desde o principio. Fíxome ilusión porque admiro moito as compañeiras coas que colaboramos e xa levo moito tempo seguindo o seu traballo. Aprendín (de novo) sobre o Reino da Galiza, que é certo que tiña esquecido case todo desde que o estudara no instituto e apenas recordaba máis que pinceladas sobre as personaxes máis importantes. Gustoume que o fío condutor do proxecto fose indagar sobre a vida de todas estas mulleres e tamén a liberdade coa que puidemos traballar partindo do material dispoñíbel.

Aldonça e Sancha escollinas polo feito de seren irmás e teren gobernado xuntas

—Elixiu ilustrar a Maior Guntroda Rodríguez e as irmás Sancha e Aldonça, que a levou a escollelas a elas e non a outras figuras?
A de Aldonça e Sancha escollina polo feito de seren irmás, porque me parecía moi curioso que gobernasen xuntas e porque me parecía máis interesante á hora de facer unha ilustración. A de Guntroda Maior porque me pareceu toda unha aventura a súa vida, protexendo o príncipe Afonso e agochándose xunto a el e como vivirían a chegada das tropas inimigas para capturalos e, finalmente, vivir a súa coroación.

—Que foi o que máis lle chamou a atención destas mulleres e como plasma isto nas láminas?
A información biográfica da que dispoñemos limítase un pouco a eses datos históricos. Sería unha fortuna ter algunha nota, algunha carta persoal delas, para facernos unha idea de que poderían estar sentindo, ou de trazos da súa personalidade. No caso das irmáns, gústame pensar que estaban moi unidas e que viviron o seu reinado con gran complicidade, por iso as represento xuntas e hai contacto entre elas, ambas baixo a mesma coroa (en lugar de unha coroa para cada unha).

A Maior imaxínoa como unha muller cun carácter forte, capaz de loitar e de protexer. A parte que máis me interesa do relato é cando son capturados polas tropas inimigas, e lle arrincan a Afonso dos seus brazos e son prendidos, ambos, xunto cos fillos da condesa, a parte máis de acción.

—E agora? Atrévese a falarnos dalgún reto profesional presente ou de futuro?
Neste momento, ilusióname moito un libro ilustrado no que estou empezando a traballar e que será publicado en novembro. Ese é o reto no que me vou concentrar agora mesmo, mais para o próximo ano encantaríame poder sacar algo de tempo para dedicarlle a algún proxecto persoal, en especial un ao redor dunhas gravacións que atopei na casa dos meus país, do ano 1992.

Comentarios