O festival internacional de documentarios entregou os seus galardóns na noite do sábado, uns galardóns que recaeron en No Cow on the Ice, de Eloy Domínguez, e en Le terrain, de Bijan Anquetil. A primeira das fitas obtivo o premio da sección oficial por “despregar as complexidades da realidade da que o cineasta é parte, ao tempo que busca a súa propia linguaxe cinematográfica”.
O xurado, composto polo crítico luso Nuno Lisboa, a directora do festival de Sarajevo Pravo Ljudski e a realizadora afroamericana Akosua Adoma Owusu, explicou tamén que a obra do galego que trata sobre a emigración-inmigración “desafía o cinema ao se enfrontar a problemáticas difíciles mediante decisións cinematográficas honestas”.
Crítica internacional
Aliás, o xurado da crítica internacional CAMIRA, do que formaban parte Mireia Iniesta, Raquel Schefer e Luís Mendonça, elixiu Le terrain, de Bijan Anquetil, un retrato dunha comunidade xitana ao longo dun ano, á espera de ser realoxada noutro lugar.
Nesta categoría tamén se lle concedeu unha mención especial nesta categoría a Occidente, de Ana Vaz, un traballo no que a brasileira aborda o colonialismo cunha metodoloxía poética e un tratamento estético moi vangardista.
O festival Play-Doc remata este domingo, unha xornada na que se reproducirán estas dúas películas premiadas. Porá a guinda ao ciclo do cineasta afroamericano Charles Burnett e unha mesa redonda na que se reflexionará sobre a identidade galega no cinema, a través das películas e coas intervencións dos realizadores Andrea Vázquez, Fon Cortizo e Eloy Domínguez Serén.