Nerea Álvarez, pandereteira: "Fainos moita ilusión actuar no programa do ano das Cantareiras na Arxentina e no Uruguai"
Nerea Álvarez (Carral, 2003) compaxina o seu labor como concelleira coa pandeireta. Neste mes de outubro viaxa a Bos Aires e Montevideo para participar nun programa que levará obradoiros e concertos a diferentes lugares no marco do ano das Cantareiras nas Letras Galegas.
—En que consiste este proxecto de formación?
É un proxecto do grupo Do Rivés impulsado pola Xunta da Galiza en colaboración coa Deputación da Coruña e o Concello de Malpica con motivo do ano das Cantareiras nas Letras Galegas. Iremos do 19 ao 31 de outubro para facer unha serie de obradoiros e tamén concertos en distintas asociacións, así como na Casa da Galiza de Bos Aires e Montevideo, nas que tocaremos con grupos de alí. Fainos moita ilusión tamén porque cadra co centenario da Casa da Galiza en Montevideo, a máis antiga do mundo.
—Que significa para vostede esta oportunidade?
Acabo de rematar o meu Traballo de Fin de Grao e fíxeno sobre as pandeireteiras. Isto é o que máis me gusta no mundo, así que cando me chamaron as compañeiras do grupo Do Rivés foi unha grande alegría. Toda a miña vida fixen ximnasia rítmica, pero tiven unha lesión que me parou en seco. Foi nese momento cando entrei máis neste mundo. Un día, falando coa miña avoa sobre Sés, ela díxome que miña bisavoa tamén tocaba a pandeireta. Foi aí onde investiguei e coñecín señoras que tocaran coa miña bisavoa e comecei a facer traballo de campo para recoller pezas e ritmos de todas estas señoras na zona de Cerceda, de onde era ela.
—Pensando no labor etnográfico de recollida de ritmos, funciona hoxe a pandeireta como un elemento de conexión interxeracional?
Totalmente. Antes todo o mundo ía a pandeireta e agora isto está rexurdindo. A min encántame porque vas a unha foliada e tes persoas de todas as idades tocando. Todo isto ten moito que ver co fenómeno Tanxugueiras e un rexurdir do xénero que está a dar un empurrón. Aínda existe certo prexuízo na sociedade arredor da pandeireta como algo asociado só a xente vella, pero non é así. Hai moitos proxectos novos que fusionan xéneros e isto anima a xente a meterse neste eido.
—Que agarda desta viaxe e das formacións que van impartir?
O que máis me emociona deste proxecto na Arxentina e no Uruguai é pensar na xente de alí que marchou da Galiza sendo moi nova e non volveu xamais. Pórme no seu lugar e imaxinar o que pode significar que chegue un grupo de rapazas cunhas pandeiretas a tocarlles, a devolverlles un anaco da súa terra… Paréceme precioso. Nós imos con moita humildade, valorando todo o traballo que eles levan feito pola cultura nos Centros Galegos e tentando achegar un sopro de ar fresco desde o outro lado do Atlántico.
—É un labor de conexión dobre: entre xeracións e entre as dúas partes do Océano...
Xusto. As miñas compañeiras de Carballo, que xa estiveran o ano pasado, escoitaron falar dunha señora carballesa que vivía en Montevideo, Gumersinda, de cen anos. Acabaron atopándoa, foron á súa casa, fixeron unha recollida con ela, cantaron… Son cousas marabillosas que só poden saír desta conexión.
—Que sensación lle gustaría levar de volta no avión á Galiza?
Agradecemento. Tanto por non ter que vivir unha situación como a emigración, que puxo tanta xente lonxe da Galiza; como tamén por poder ser un vehículo para que a xente de alí teña unha porción da súa terra.