venres 18/09/20
Cultura

Navegar pola historia da literatura galega

Os días de encerro están a converter internet nesa gran fiestra ao mundo. Coas aulas fechadas, aproveitamos a oportunidade para debullar un proxecto, a Historia da Literatura Galega da AS-PG, que en 2016 daba o salto ao dixital para se converter nunha ferramenta especialmente útil nestes días de actividade telemática, xa sexa como apoio para contidos didácticos ou polo simple pracer das que procuran lecer nas xornadas de reclusión. 
Miniatura das Cantigas de Santa María.
Miniatura das Cantigas de Santa María.

Atafinda é unha desas palabras "técnicas" cuxo significado non todas coñecen. Que designa? Pois trátase dun "proceso métrico empregado na poesía trovadoresca segundo o cal os versos se encadean ininterrompidamente uns nos outros até o fin da cantiga". Así o define o apartado de "termos literarios" da Historia da Literatura Galega que a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) ofrece online. Foi esta sección a última achega, alá polo 2018, a un proxecto que continúa a nutrirse pouco a pouco.

"Moitas veces existe a referencia de estudar os termos literarios en español", explica Lucía Regueiro, xustificando a relevancia da ferramenta dixital

A un termo como "atafinda" súmanse máis de 100 entradas de conceptos universais que aparecen, ademais, exemplificados con fragmentos de obras na nosa lingua. E isto ten unha importancia fundamental porque, como explica Lucía Barreiro, redactora do catálogo da ferramenta, "moitas veces existe a referencia de estudar estes termos en español". Poder acceder a eles e expresalos en galego vólvese, xa que logo, peza chave do proceso normalizador, colocando "o noso sistema literario dentro do universal, co que dialoga de maneira bilateral". Un paso máis para eliminar dependencias froito do dominio lingüístico do español.

D'A nosa terra ao dixital

Aínda que comezamos polo final, o recurso dixital dista moito de se limitar a un compendio de termos literarios, esta é só unha das súas utilidades máis "enciclopédicas". O certo é que o proxecto vén de longo, pois a Historia da Literatura Galega xurdiu hai xa máis de 30 anos, vencellada ao xornal A Nosa Terra. A novidade chegou en 2016 coa estrea na versión dixital, que colle actualidade nos días presentes,  nos que, a golpe de coronavirus, cobran especial forza iniciativas dixitais desta sorte, que poden ser moi útiles para o mantemento da actividade docente.

Após a desaparición d'A nosa terra, a AS-PG decidiría "actualizar unha ferramenta moi útil", explica Xoán Costa, presidente a entidade naquela altura, que vira "esgotados os 50 fascículos que durante dous anos e medio acompañaron a publicación do xornal", co que tamén se agasallaba unha obra. A tirada de 2.000 exemplares quedaría curta, demostrando a necesidade deste tipo de materiais didácticos e divulgativos dentro da nosa literatura.

O corpo teórico organízase en cinco bloques: Etapa Medieval, Séculos Escuros e Ilustración,  e as etapas contemporáneas I, II e III. Se ben as catro primeiras recollen o contido da Historia da Literatura Galega anteriormente publicada en papel, a Etapa Contemporánea III foi creada en 2018 ex professo para a web, dando conta do acontecido desde 1985 até 2019.

Nela estúdanse as tendencias, obras, autoras e autores máis relevantes dos últimos 30 anos da Historia da Literatura e, de modo transversal, as relacións coa música e o cinema. Este contido foi desenvolvido por Iolanda Castaño (poesía), Mario Regueira (narrativa), Manuel Xestoso (teatro) e Xosé Ramón Ermida (ensaio), cun apartado a maiores dedicado aos Premios.

Hipertexto como principio

Hai, loxicamente, unha adaptación de formatos que permite o aproveitamento do dixital, na que se aprecia un potente esforzo por incluír elementos multimedia, obras de lectura online... Os hiperenlaces permítennos navegar entre as diferentes categorías, desde as propias unidades didácticas ou entre autores e movementos, nunha funcionalidade que define a propia natureza de internet, cuxas potencialidades non son nada desprezábeis no eido educativo.

Das guías didácticas ao compendio de autoras, eventos, movementos, obras, organismos e publicacións, os links permiten navegar dun sitio a outro para unha mellor comprensión, desafiando a concepción máis lineal (a priori) dos formatos en papel —aínda que as prácticas das propias usuarias poderían levarnos a entender os volumes de estudo como non lineal, o dixital sen dúbida axiliza o salto.

Ademais, permite "escoitar autoras e autores da súa propia voz", recalca Costa, así como pezas audiovisuais. Destaca especialmente a vinculación a Son de Poetas, espazo web que antologa poesía galega musicada do que tamén se encarga a AS-PG, no que atopamos cantados os versos de Uxío Novo Neyra, Lois Pereiro ou Olga Novo, por citar algún dos múltiples casos.

En galego, como non?

O proxecto, segundo recolle o catálogo, xorde da necesidade de incidir no que é a literatura galega. Provoca sempre a pregunta, ineludíbel, do que fica dentro e fóra. Aínda que a resposta pareza a moitas evidente, o factor lingüístico como artellador fundamental da nosa literatura non estivo exento de debate. "Parece que xa está superado, pero aínda hai algunha xente que o pon en dúbida", afirma Barreiro.

Así, hai "escritoras e escritores, nados na Galiza, que escribiron ou escriben en español". A tendencia unilingüe debe ser analizada segundo o período, non permitindo, por exemplo, considerarmos a obra en castelán de Rosalía como parte, máis si indispensábel para comprendermos o que escribiu en galego.

As literaturas que xorden e traballan en condicións de anormalidade básica, comezando pola lingua usada, son tomas de conciencia, esforzos por ser, por aboiar e facerse evidentes", escribe Barreiro

"Se en todas as latitudes a obra literaria significou tomar conciencia, a través do uso artístico da palabra, da realidade humana, no caso das literaturas que xorden e traballan en condicións de anormalidade básica, comezando pola lingua usada, son tomas de conciencia, esforzos por ser, por aboiar e facerse evidentes", escribe Barreiro.

Aplicación didáctica

Máis de 4.500 obras de 457 autoras. Un arquivo multimedia con 2.263 fotos, 104 audios, 14 vídeos e 12 unidades didácticas compoñen unha ferramenta que Barreiro cualifica de "moi completa", ademais de "accesíbel a todo o mundo" cunhas condicións mínimas de conexión á rede. Responsábel da súa aplicación didáctica, considera que "cada profesora pode usala fóra do libro de texto para contextualizar os movementos ou como alternativa para estudar algunhas cuestións cunha visión máis ampla".

"Sabemos que hai desde persoas que se axudan dela para estudar oposicións até profesoras que o empregan nas aulas", confirma Costa

Para alén dese espectro abranguinte, a plataforma parte dunha "multifuncionalidade" que fai posíbel incluír como destinatarias quer as que se achegan desde o eido educativo quer quen o fai desde unha perspectiva puramente curiosa. "Sabemos que hai desde persoas que se axudan dela para estudar oposicións até profesoras que o empregan nas aulas", confirma Costa.

Para quen non a coñeza, esta é unha boa oportunidade de repasar clásicos ou coñecer as novas achegas. "Procuramos mantela actualizada, na medida das nosas posibilidades", afirma o filólogo. Se cadra algún día, aparecerá tamén unha epígrafe dedicada ás iniciativas que, desde o literario reinventado, se fan hoxe especialmente visíveis nas redes, sintomáticas da adaptación da palabra escrita aos tempos hiperconectados.

comentarios