Contracultura

Nati Rei: "Esta novela é unha mestura da miña formación en antropoloxía coa miña afección pola fantasía"

Nati Rei é unha apaixonada da mitoloxía e da antropoloxía galegas, intereses reflectidos na súa primeira novela, 'A estirpe do arcanxo' (Aira), enmarcada dentro da fantasía cotiá e dirixida a un público xuvenil. Rei aborda os lugares e historias que espertaron nela o interese pola escrita así como algunhas das chaves que poden interesar ás persoas que queiran achegarse a esta aventura: "Gustábame a idea de mesturar a nosa mitoloxía coa temática dos anxos e demos, os anxos caídos".
Nati Rei descubriu a súa afección pola escrita en obradoiros creativos. (Foto: Cedida)
photo_camera Nati Rei descubriu a súa afección pola escrita en obradoiros creativos. (Foto: Cedida)

—Como se animou a escribir unha novela?
Hai máis ou menos catro anos, decidín apuntarme a un obradoiro de escrita creativa de relatos organizado no concello de Rianxo e impartido por Antón Riveiro Coello. Antes de inscribirme non tiña nin a idea sobre a cal escribiría, foi totalmente imprevisto. Si que me gustaba moito ler, mais a afección a escribir naceu aí. De feito, nese obradoiro déronnos a oportunidade de facer un relato individual e outro colectivo que saíu publicado nun libro, Liñas compartidas.

Despois quixen perfeccionar esta idea que tivera e decidín ir a un obradoiro de novela que se fixo na Cidade da Cultura (Santiago) e que impartiu Javier Peña. Estes obradoiros permitíronme coller as ideas principais e despois eu, pola miña conta, fun elaborando unha estrutura que me deu bastante traballo.

O tema da documentación tíñao máis ou menos resolto porque xa fixera uns cursos de antropoloxía e etnografía na Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) con Rafa Quintía. Xa estaba bastante metida dentro do tema e desfrutaba lendo manuscritos antigos, así como sobre os anxos caídos, persoas e seres con poderes e demais.

Tampouco quero destripar toda a novela, mais digamos que é unha mestura entre a miña formación e o que desfrutaba eu lendo fantasía. Tamén é certo que me custou o meu porque cando eu cría que xa tiña unha novela construída foi cando a mandei a editorial. Alí dixéronme que si, que a ían publicar, mais que tiña que ampliala e tiven que volver a facela porque realmente o que eu presentara nun inicio era un borrador.

—Cre que toca algunhas temáticas que non estaban tan presentes na literatura fantástica galega?
Pode ser. A novela trata principalmente sobre a estirpe dun arcanxo, fala moito dos anxos caídos e, con respecto á mitoloxía galega, hai un personaxe importante que vai ser un corpo aberto no que se mete unha entidade. A min, persoalmente, gustábame a idea de mesturar a nosa mitoloxía coa temática dos anxos e demos, os anxos caídos, e, de feito, a editorial comentábame que foi tamén un dos motivos polos que decidiron publicar a historia. Noutras literaturas hai exemplos moi bos que tocan estas temáticas e está ben que se poidan traer tamén á nosa.

Paréceme que pode chamar a atención das persoas que lean a historia que ocorre principalmente en Rianxo, nun instituto, mais a protagonista, Maia, vai visitando outros lugares de interese que se poden percorrer. Un deles é a igrexa de San Martiño Pinario porque eu a visitara mentres estaba redactando a novela e a guía turística informounos de que era a igrexa que máis anxos tiña de toda Europa. Pareceume un dato espectacular e decidín que tiña que saír na miña novela.

Outro lugar de interese é a casa de Vicente Risco porque a el lle interesaban moito as temáticas de esoterismo e ocultismo, polo que me parecía interesante que Maia fose alí buscar algo. E, por último, hai lugares que tamén teñen o seu protagonismo como Betanzos, unha igrexa en ruínas en Abegondo, a biblioteca de Rianxo ou París. 

—Ten pensado continuar escribindo novos proxectos?
Si, pode ser, agora xa teño espertada esta afección. De feito, teño unha idea para outra novela, mais aínda está nun estado moi temperán porque estou pendente de facer a súa estrutura para comezar a escribila. Con todo, alén das novelas e da fantasía gustaríame embarcarme na escrita dalgún ensaio relativo á antropoloxía e etnografía galegas, porque como dicía antes son temas que me interesan moito e dos que desfruto investigando e lendo.

Comentarios