Contracultura

Maribel Outeiriño: "Nas biografías dos intelectuais galegos non se fala da súa vida cotiá, fixéronos seres anxelicais"

Maribel Outeiriño (Ourense, 1944) vén de ser galardoada co Premio Trasalba, outorgado pola Fundación Otero Pedrayo, tanto pola relación directa da xornalista co escritor como polo seu interese na recollida das publicacións realizadas por el en 'La Región'.
A xornalista Maribel Outeiriño. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A xornalista Maribel Outeiriño. (Foto: Nós Diario)

—Como recibe este premio?
A verdade, síntome un pouco superada. Vendo o alto nivel da lista de persoas premiadas ao longo dos anos... supoño que a idea da Fundación Otero Pedrayo, tendo en conta o que vén facendo nos últimos anos, é estender o premio máis aló dos grandes mestres da cultura, sen restarlle o seu gran valor, por suposto. Evidentemente a todas as persoas gústanos que se nos recoñeza o noso traballo, a min encántame, e por iso acéptoo con moito agradecemento.

—Xa ten publicado un primeiro volume recollendo a actividade xornalística de Otero e está traballando no segundo. Por que tiña este interese?
Cando se fixo a primeira edición, na que tivo moito que ver Afonso Vázquez-Monxardín, historiador ourensán e membro da fundación, atopámonos unha gran cantidade de artigos. Don Ramón, e el mesmo mo confesou, escribiu miles de artigos ao longo da súa vida para centos de revistas, tanto da Galiza como de América. El dicía que nin sequera controlaba onde saían. Unha das súas características era a xenerosidade: calquera o chamaba para pedirlle un artigo e el dicía que si. Se miramos os arquivos dos programas de festas arredor da provincia de Ourense tamén aparecen artigos de don Ramón.

Tendo isto en conta decidiuse facer un primeiro volume, xa bastante gordo, e recoller os artigos restantes nun segundo porque son moi interesantes para a historia de Ourense. Creo que o labor nos xornais e revistas de toda esta xeración foi moi importante porque supuxo, entre outras cousas, que se implicaran na vida da veciñanza, na historia da súa cidade. E nisto foron especialmente modélicos don Ramón, Vicente Risco, Florentino Cuevillas e, máis tarde, o propio Blanco Amor.

Ademais, este labor supón unha certa dispersión; non é o mesmo que escribir unha novela ou un ensaio, polo que está moi ben que se recollan. Creo que é bo para a memoria dos escritores e para a historia local de onde se publicaron. Seguramente neste segundo volume incluamos tamén a entrevista que eu lle fixen, que é moi interesante porque era un home con moito que contar, así como a que lle fixen á súa muller, Josefa Bustamante, que é a única que se lle fixo. Non sei por que temos tan esquecidas as mulleres dos grandes intelectuais galegos. Se lemos as biografías de calquera deles apenas aparecen mencionadas. Nin elas, nin os seus fillos e fillas nin a súa vida cotiá.

—Non só se pasa por alto a biografía delas, senón tamén que o traballo deles era posíbel porque estas mulleres estaban detrás sostendo o resto da vida.
Como pasa sempre. Os seres humanos non somos animais illados, temos persoas arredor, sexan homes e mulleres, das que dependemos e das que recibimos colaboración e axuda. Non é só que non se fale das súas mulleres. O que me chama a atención a min é que tampouco hai grandes biografías dos intelectuais galegos nas que se fale da súa vida cotiá, dos seus defectos, debilidades... Parece que nin sufrían, nin enganaban nin mentían. Fíxose deles uns seres anxelicais que non son reais porque eles mesmos cando escriben de si mesmos son moito máis realistas.

Creo que na cultura galega non destacamos por facer boas biografías, coa excepción de Diante dun xuíz ausente: biografía de Eduardo Blanco Amor (Nigra), de Gonzalo Allegue Otero.

—Ten algún outro proxecto en marcha?
O certo é que non me dá a vida para facer todos os proxectos que teño en mente. Hai anos que estou xubilada, aínda que sigo facendo cousas: quero facer un libro sobre o cemiterio de Ourense, outro sobre Oseira... Con case 80 anos cada vez vaste volvendo máis preguizosa. O bo que ten a tensión do xornalismo, da présa, é que é moi estimulante. Cando perdes esa urxencia, vólveste preguizosa.

Comentarios