Máis

Música en mar aberto

O festival Mar Aberto celebrarase esta fin de semana no litoral de Muxía.
Faro Punta da Barca 2
photo_camera Detrás do Faro Punta da Barca, en Muxía (comarca de Fisterra), desde o miradoiro Corpiño, pódese divisar o Cabo Vilán. (Foto: Nós Diario)

Esta fin de semana  o Mar Aberto envolverá o público nunha atmosfera case máxica na contorna do Faro Punta da Abarca, no concello de Muxía (comarca de Fisterra). A cita celebrarase os días 21 e 22 de xullo. Esta cita reunirá artistas nacionais do talle de Fillas de Cassandra, que actuarán o 21 de xullo ás 20.45 horas, ou a compositora pontevedresa Cora Velasco, que subirá ao escenario o día 22 ás 20.45.

O percorrido do festival Mar Aberto continúa cara ao sur da Galiza, en Ribeira (O Barbanza). O evento terá lugar no Faro de Corrubedo, construído en 1853. Desde ese espazo privilexiado pódense contemplar con nitidez as dunas do Parque Natural de Corrubedo que permanecen en constante movemento. 

Durante os días 28 e 29 de xullo, o público disporá dunha oportunidade única para desfrutar dos concertos de artistas como a cantante e compositora galega Sheila Patricia, que conxuga tradición e modernidade.

O Faro de Corrubedo incorpórase así ao itinerario do Mar Aberto, que reúne centos de persoas durante  o mes de xullo nunha serie de lugares emblemáticos que, pola súa beleza ou polo seu valor medioambiental, ofrecen unha experiencia singular ao público. A estas localizacións sumáronse Ferrol, que acolleu o ciclo Mar Aberto os días 7 e 8 de xullo, e Baiona, onde se celebrou os días 15 e 16.

O lugar que albergou o evento en Baiona foi o Faro Silleiro. O edificio inaugurouse en agosto de 1924 e construíuse como substituto dunha construción anterior que quedou devastada por un incendio. O Faro Silleiro foi testemuña dunha das actuacións máis memorábeis do festival, a da cantautora Sés.

Comentarios