A música galega enche escenarios: hai un boom?

Tanxugueiras esgota 10.000 entradas no Coliseum da Coruña. Fillas de Cassandra enche a Sala Capitol en Compostela na presentación do seu disco “ Acrópole ”, ao igual que Mondra co seu LP Ardén. A Sala Malatesta en Compsotela quedou pequena na benvida de De Ninghures. Caamaño & Ameixeiras fan soar as coplas tradicionais galegas internacionalmente. O éxito da música galega na actualidade.

EuropaPress_4628670_concierto_tanxugueiras_festival_noroeste
photo_camera Concerto das Tanxugueiras no Festival Noroeste. (Foto: Europa Press)

A música galega, na actualidade está a vivir un claro momento de auxe, sendo xa habitual ver cancións galegas nas listas de éxito das plataformas músicas. Un efecto que se rexistra tamén nos concertos, sendo cada vez máis os grupos galegos presentes nos carteis dos grandes festivais do país e os que esgotan as entradas dos seus concertos en cuestión de poucos días.

Este aumento das escoitas da música en lingua galega, lembra a década dos noventa e inicios de 2000, nos cales grupos como Luar na Lubre, Berrogüeto, Milladoiro ou a artista Mercedes Peón levaron a nosa música até os escenarios internacionais. De feito, o grupo folk Milladoiro celebrará os seus 45 anos de historia e farao cun concerto especial na Coruña o 19 de maio, no Palacio da Ópera.

O “efecto” Tanxugueiras

 O auxe da música galega viuse, especialmente, aumentado despois do chamado “efecto” Tanxugueiras. O grupo conformado por Sabela Maneiro, Olaia Maneiro e Aida Tarrío fixo que se voltara a pór o foco nacional e internacional na música galega, facendo que as coplas tradicionais cheguen á mocidade cunha visión actualizada.

As Tanxugueiras conseguiron o pasado 16 de decembro converter o Coliseum da Coruña, o cal é a sala de concertos máis grande do noroeste da península, nunha gran foliada. As entradas do concerto esgotáronse rapidamente, enchendo a capacidade do recinto con 10.00 persoas de todos os lugares da Galiza.

 O “trad” nas novas xeracións

Este auxe transcendeu as novas xeracións, nas que está moi presente a mestura da música tradicional con sons máis modernos e electrónicos, algo que se ve constatado nun dos artistas de moda no país en 2023, Mondra. Este cantor e bailador, nado en Teo en 2000, pon sobre os escenarios galegos un incríbel espectáculo que evoca as nosas raíces a través das coplas tradicionais. No seu directo Folia dos Ardentes , o cal leva de xira todo 2023 e vai seguir até finais de 2024, Mondra pretende crear un espazo seguro e libre no que cantar e bailar ao gusto de cada quen. A presentación do seu LP, Ardēn, na Sala Capitol deixounos ver á perfección o auxe que está a vivir a nosa música. Ardēn é un traballo no que o artista quere pór no centro das súas cancións os coidados e reivindica as disidencias facendo énfase na liberdade, na festas e na loita. Recentemente o seu videoclip Ruando, en colaboración con Aida Tarrío, vén de ser nomeado aos Premios Mestre Mateo.

Sen  dúbida, outro dos grupos de moda é Fillas de Cassandra. Estas dúas rapaces, María Soa e Sara Faro están cada día máis presentes nos escenarios de todas as localidades galegas, cun público entregado e cada vez máis numeroso. Os sons da percusións e piano nas súas cancións lembran a nosa música tradicional, mais ,sen dúbida, o máis destacado dos seus espectáculos e a súa voz a capela provocando unha variedade de sentimentos entre o público. Na presentación do seu disco “ Acrópole, a Sala Capitol de Santiago de Compostela quedou pequena, ao esgotarse axiña todas as entradas. Neste álbum quixeron facer unha releitura da mitoloxía grega, dando unha nova visión das vivencias das mulleres que eran sometidas a trazos pexorativos nos mitos. O mesmo aconteceu na benvida da súa xira, “ Últimas Dionisíacas, no Auditorio Mar de Vigo, na cal as entradas voaron en tan só 10 días.

Están a encher todas as salas de concertos do país tal e como se confirmou na conmemoración do Día dos Medios Galegos, celebrada nunha Sala INN abarrotada cos concertos de Fillas de Cassandra e De Ninghures. Precisamente, De Ninghures acaba de ser un dos elixidos como finalistas a Mellor Música de 2023 na Galiza, nos Premios Ari[t]mar, coa súa canción Morena. Este grupo formado por 7 integrantes, de diferentes localidades do país, recibiu anteriormente outros recoñecementos como en 2019 ao ser os vencedores da V edición de Novos Valores do Festigal.  A súa música está cada vez máis presente nos escenarios galegos, en particular nas foliadas, como se puido confirmar na VII Foliada da Fonsagrada ou no TradiFest. Sen dúbida, un dos seus concertos máis especiais foi a súa benvida nunha Sala Malatesta chea.

Ao pensar no “trad” actual outro dos grupos destacados é Caamaño & Ameixeiras. Este dúo conformado por Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras levou a música galega a recunchos dos Estados de Italia, Bélxica, Francia e Portugal, e que nos meses de abril e xuño o farán tamén en Países Baixos e Alemaña. O seu proxecto nace en 2018 ligado á música e ao baile tradicional, que chega até nós a través do acordeón cromático, do violín e das súas voces. En plena pandemia lanzaron o seu primeiro traballo discográfico, “ Aire! ” que foi todo un éxito con recoñecementos como o Premio Martín Códax da Música na categoría Folk, no mesmo ano da súa publicación, entre outros moitos recoñecementos. O seu último álbum, “ Quitar o Aire ” quere reivindicar e desenterrar o legado dos ritos populares. A presentación deste foi o 22 de outubro na Sala Capitol, na que se puido percibir que o éxito dos seu anterior álbum se voltará a repetir neste.

O “trad” na súa versión electrónica

Baiuca representa á perfección a innovación musical na Galiza, conseguindo facer unha síntese entre a música electrónica coa música tradicional galega. Sen dúbida, ocupa un dos postos de honra entre os músicos galegos que mellor conectan coa xente moza. Na actualidade, a súa música soa internacionalmente, sendo usadas as súas cancións por Dj´s de todos os recunchos do mundo. Despois do seu primeiro álbum, “ Solpor ” (2018), o artista xa ten publicados un total de 5 traballos discográficos, sendo o último  “ Embruxo Reworks ” (2022), no cal fai versión e remixes do seu traballo anterior, “Embruxo ” (2021). As súas colaboracións musicais con Xosé Lois Romero & Aliboria supoñen un dos traballos máis renovadores da escena tradicional galega.

Comentarios