Sermos Galiza

A música de Eduardo Soutullo e a moda baseada nos símbolos do país, no 'Sermos Galiza' desta fin de semana

A moda galega e a arquitectura tamén protagonizan este número do semanario.
Detalles do 'Sermos' desta fin de semana (Foto: Nós Diario).
photo_camera Detalles do 'Sermos' desta fin de semana (Foto: Nós Diario).

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante a fin de semana. Desta vez o protagonista é Eduardo Soutullo e a súa música.

Nunha entrevista feita por Laura Veiga, explícase que “Após unha longa traxectoria incluíndo a formación de solfexo, piano, harmonía e composición, unha tese sobre música contemporánea, docencia nos conservatorios de Compostela, Vigo e Ourense e de estrear obras sinfónicas en prestixiosos escenarios internacionais, o vigués Eduardo Soutullo vén de recibir o Premio Nacional de Música, na modalidade de composición, primeiro galego que o logra”.

Iconografía galega

Abre este número do Sermos unha reportaxe de Elvira Branco sobre as marcas de deseño que botan man da cultura galega.

“Son innumerábeis as marcas de deseño que basean as súas creatividades en elementos da cultura galega. Nalgúns casos recrean emblemas clásicos da nosa historia; noutros, xeran unha nova iconografía galega con base no patrimonio material e inmaterial de noso, bebendo do pasado labrego e mariñeiro ou das figuras máis destacadas da literatura e da historia da Galiza.”, indica Bracco.

Previamente, na páxina de apertura, o presidente da Fundación Rosalía de Castro e escritor Anxo Angueira ofrece unha reflexión titulada ‘O Piueiro contra as pedras’.

Anta arquitectos

A segunda reportaxe do semanario foi elaborada por Iago Valverde e titúlase ‘Anta arquitectos. Revitalizar’.

Valverde explica que “bos materiais e boa construción, independentemente das modas pasaxeiras, son garante de lonxevidade en arquitectura. O estudio Anta, asentado en Ferrol, ten unha traxectoria rehabilitando edificios con séculos de historia. As súas intervencións, feitas con materiais nobres, procuran prolongar a vida dos edificios para transmitilos ás próximas xeracións”.

Literatura, música, cinema...

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Inma Otero analizan na sección de libros dúas obras.

No apartado musical, Fernando Montenegro analiza o disco Alter Ego. Pola súa parte, David Regueiro escribe un artigo titulado ‘Pasquale Grasso’.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Salta! “’Salta!’ acontece en tres épocas distintas. Ambientación, deseño de produción, efectos visuais, vestiario e perrucaría están nun altísimo nivel, meténdonos de cheo na historia e activando a necesaria suspensión da credulidade”, indica Castro.

Branca Novoneyra ofrécenos un artigo na sección de A Palabra Futura e finaliza este semanario unhas receitas de Anxo Fole na sección de Cociña.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios