venres 29.05.2020
Cultura

Música para o confinamento: as 7 cancións de Inés, médica de urxencias

Propoñemos a persoas con diferentes perfís profesionais que compartan coas lectoras de Nós Diario sete cancións para escoitar nestes días de confinamento pola crise do coronavirus. 
Música para o confinamento: as 7 cancións de Inés, médica de urxencias

Chega o mes de abril e continúa a corentena para a maioría. Imos cara a terceira semana confinadas e estamos a aprender a convivir con este novo coronavirus, que situou o mundo contemporáneo nun escenario descoñecido pois a "gripe" de 1918 quédanos lonxe. 

Nestes días illadas a cultura é a mellor compañeira (como sempre) para os momentos de ocio. Por iso, convidamos a diferentes persoas do país a compartir aquí sete cancións que descubrir ou recuperar para seguir unidas a pesar da distancia. 

A primeira convidada é Inés López Fernández, ela é médica de urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e estes días non está só confinada. "As persoas que traballamos nos servizos de urxencias, tanto extrahospitalarios como hospitalarios, estamos presentes 24 horas ó día, 365 días ó ano, tamén en tempo de pandemia", lembra.

Inés forma parte da equipa de profesionais da sanidade pública galega que estes días se enfrontan a unha enfermidade nova, a COVID-19

Lloverá y yo veré, do grupo La Pegatina, é para ela "un canto á ESPERANZA, ó respecto, o encontro. O Ying-yang". "Un canto á chuvia, ese elemento indispensábel para seguir creando vida nova".

Escolle Fronteiras, da cantautora Guadi Galego, "polo fondo e as formas FRATERNAIS, o compromiso, a musicalidade, todo feito na Galiza".

"A sanidade ten nome de MULLER, vestida de verde, para curar, aliviar e acompañar no proceso de enfermidade". Por iso, a terceira canción é La mujer de verde, do grupo Izal.  

Ao longe o mar, do grupo portugués Madredeus. "A imaxinación abre a fiestra que remate co confinamento e ve o MAR (para min, o mar sentido como rede de persoas que nos rodea e nos ampara). Un mar que ondea sen pedirnos permiso... ondas vivas ou flebes que nos rehabilitarán", conta Inés.

Vivir, da cantautora Rozalén porque é "unha composición que dá alento". "Alento de VIDA INTERIOR. Escoitarnos agora que temos tempo para reordenarnos, sentirnos, perdonarnos. Un tempo para ocupalo con quen máis falta lle fai ou máis falta nos fai a nós".

"Optimismo, si, OPTIMISMO. Cada día unha oportunidade". Con Hoy es el día, do cantante e compositor Carlos Sadness.

"E un tributo as nosas persoas maiores. Nunca daremos dado GRAZAS por tanto". No salón das cereixas, de Xabier Díaz e as Adufeiras de salitre.

Para escoitar as cancións seguidas, deixámosvos esta lista: 

comentarios