Que facer?

Música ao vivo e mostra de instrumentos en Pardiñas

zenzar
photo_camera Zenzar

Festa da Carballeira

Zas (Carballeira de Velar)

Sexta feira e sábado

A Festa da Carballeira de Zas suma trinta e seis edicións, entre o 2 e 3 de agosto, cun escaparate musical conformado por artistas nacionais e internacionais de primeira. Na sexta feira, 2 de agosto a partir das 22.00h, actuarán Perfusión, Susana Seivane, Celtic Social Club e Dakidarría. Xa durante o día grande, o sábado 3 de agosto, ademais de foliada aberta a todas as persoas, a festa comezará coa sesión vermú a partir das 12.00h coas actuacións de Os Farrapos, Fourth Moon e Vudú, e as regueifas de Lupe Blanco e Alba María. Pola noite, tamén a partir das 22.00h, darase paso ás actuacións de Tanxugueiras, Korrontzi, Tide Lines e Baiuca. 

Noites de Jazz

Rianxo (Praza Rafael Dieste / Rúa de Abaixo)

Sexta feira e sábado

O III Festival Noites de Jazz xunta as actuacións de EMR Ensemble, Menil&Amigos, David Lojo, ADN Cuarteto e Low Bay Hot Band con clases mestras e cursos.

iTineranta

Pontevedra. Centro histórico

Sexta feira 

A cidade do Lérez transfórmase mais unha vez nun gran escenario urbano para a décima edición de iTineranta, o primeiro festival internacional de verán dedicado aos espectáculos de rúa. Teatro, cabaret, batukada, performance, música en directo, lume e pirotecnia farán que as prazas e rúas do centro histórico de Pontevedra se enchan de animación.

Fulgor

Burela. Casa da Cultura 22.00h

Sábado.

Budiño continúa a xira de presentación do seu último traballo, “Fulgor”, un álbum que deita sonoridades da música de raíz, do jazz e do pop-rock.

Día da gaita e romaría

Ribadeo 

Sábado, domingo e segunda feira

Festival popular e festa gastronómica, a Xira vén realizándose desde 1965 o primeiro domingo de agosto, cun pregón, romaría, ofrenda floral ao Gaiteiro e mostra folclórica. 

Obradoiro de Pegadas de Fauna

Carballo. Caseta de socorrismo da praia de Baldaio 10.30-13.30h

Sábado e domingo.

Achegamento ás pegadas, indicios e rastros dos animais máis comúns dos hábitats a través de dúas sesións para aprender moldes de pegadas, identificación de indicios etc.

XL Festival de Pardiñas

Guitiriz

Sexta feira, sábado e domingo

As actuacións dos Melidaos, Habelas Hainas, Zënzar, Harmonica Creams e Os Carunchos xúntanse coa XXVI Mostra de Instrumentos de Música Tradicional de Pardiñas.

Mostra de olería de Buño


Malpica de Bergantiños. Diversos espazos 

Sexta feira, sábado e domingo

Co barro branco como pouso, nesta exposición danse a coñecer as artesás cun programa que inclúe actividades para crianzas, concertos, representacións teatrais e máis.
 

Comentarios