O Museo de Pontevedra supera as 108.000 entradas no que vai de ano e bate récord de visitantes

Durante a semana das Festas da Peregrina rexistrou picos de até 2.775 visitas nunha xornada
Vista da exposición de Ruth Matilda Andrerson no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.
photo_camera Vista da exposición de Ruth Matilda Andrerson no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.

O Museo de Pontevedra está a pulverizar as súas cifras de visitantes, un fito que o segundo a Deputación de Pontevedra confirma o lugar como unha institución cultural de referencia no país.

A poucos días de clausurar agosto, os datos de visitas de 2022, tanto no que vai de ano como de estío o museo está a superar por moito os números do ano pasado, un exercicio no que xa se alcanzaran os mellores rexistros da última década.

O presidente en funcións César Mosquera manifestou a súa satisfacción polo crecemento sostido do número de persoas visitantes ao Museo e o éxito das coleccións permanentes, das exposicións temporais, así como dos diferentes obradoiros e actividades programadas que, ao seu entender, poñen de manifesto o bo traballo que está a facer a institución, aínda con moito marxe de mellora, destaca.

Éxito de público

O Museo de Pontevedra tamén rexistrou cifras récord de visitantes tanto no último mes como na semana das festas da Peregrina, en particular, cunha entrada de 14.628 persoas.  

"A exposición de Ruth Matilda Anderson e os traxes tradicionais vai camiño de ser a máis visitada do ano. Está a ter un éxito elevadísimo. O mes de agosto é de récord, a semana das festas é de récord, récord. O Museo está tirando moi ben e aínda lle queda moito percorrido. Un museo da súa potencia ten que mellorar esas cifras e vanse mellorando a moi bo ritmo", salientou.

No que vai de ano o Museo rexistrou un total de 108.543 visitantes, unha cifra que vai camiño de marca absoluta ao final de exercicio. En 2021 a estas alturas acudiran ao Museo un total de 72.787 persoas, 35.756 menos que este ano, o que supón un incremento en 2022 dun 49%.

Só en 2017 e 2018 o museo estivo perto das 150.000 visitas a 31 de decembro, unha cifra que a Deputación de Pontevedra ve posíbel superar nesta ocasión.

O que máis gusta

Un dos motivos do tirón semella estar tanto no atractivo do edificio estrela do Museo, as Ruínas de San Domingos, como na exposición inaugurada o pasado día 4 baixo o título 'Ruth Matilda Anderson. Unha viaxe pola indumentaria tradicional de Galicia', que vai camiño de ser a máis visitada de todo o ano -fecha o vindeiro 23 de outubro-. En apenas 20 días sumou 3.716 persoas.

A mostra 'Arte Prehistórica. Da rocha ao museo' atraeu desde o pasado 14 de xullo 5.073 visitas, sendo a día de hoxe a que máis visitantes recibiu en termos absolutos durante todo o ano.

Comentarios