O director do Museo de Pontevedra asesora en arte rupestre en Finlandia

Xosé Manuel Rey participoU no  'Rock art on the water' nas cidades de Luakaa e Mikkeli.
Xosé Manuel Rey en Finlandia. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Xosé Manuel Rey en Finlandia. (Foto: Nós Diario).

O director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, está esta semana en Finlandia para asesorar sobre arte rupestre ás cidades de Luakaa e Mikkeli. Rey forma parte do grupo de expertos convidados ao congreso 'Rock art on the water' que se  realiza por primeira vez no país nórdico e na mañá desta quinta feira realizou un relatorio titulado ‘Costas, Ríos e Lagos'.

A presentación pública de sitios de arte rupestre ao aire libre en Europa: modelos teóricos, solucións prácticas e desafíos futuros’.

Na súa exposición explicou que hai que apostar por presentar a arte rupestre ao público "desde unha perspectiva multifocal" na que son fundamentais "as ideas, as emocións e as experiencias".

Subliñou, entre outras cuestións, a necesidade de propor unha "oferta slow" na que as persoas visitantes poidan pasear, descubrir e comprender a arte inmersa na paisaxe. Engadiu que para a mediación co público de calquera enclave rupestre son imporatantes tamén elementos complementarios como as exposicións, as visitas guiadas, os obradoiros e ou material para facer a visita de maneira autónoma.

Ademais da exposición teórica no congreso, nestes días o responsable do museo provincial realizou varias visitas a diferentes enclaves de arte rupestre, entre elas ás pinturas de Astuvansalmi, en Mikkeli (Finlandia) xunto ao resto das persoas relatoras e asistentes.

O Museo de Pontevedra está a consolidarse como un lugar de referencia dentro da Arte Rupestre.

Desde hai dous anos forma parte do Itinerario Cultural do Consello de Europa ‘Camiños de Arte Rupestre Prehistórica’ (CARP), a maior rede internacional para a cooperación en torno á arte dos primeiros europeos, que reúne nestes momentos máis de 150 dos principais destinos de arte rupestre abertos ao público.

Comentarios