A Deputación de Pontevedra devolverá os cadros espoliados polos nazis

O Museo de Pontevedra reactiva a entrega a Polonia do díptico da Dolorosa e o Ecce Homo espoliados polo réxime nazi á familia Czartoryski. 
Os cadros reclamados (Foto: Deputación de Pontevedra)
photo_camera Os cadros reclamados (Foto: Deputación de Pontevedra)

O díptico da Dolorosa e o Ecce Homo espoliados polo réxime nazi que agora están no Museo de Pontevedra voltarán a Polonia.

Anunciouno esta cuarta feira o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosqueira, que explicou que nos últimos meses a institución provincial estivo recompilando informes para ter garantía xurídica de que a entrega se realizará a quen corresponde conforme a lei  ante a reclamación das pezas non só por parte do Goberno polaco senón tamén pola familia da princesa Czartoryski, que se considera propietaria lexítima. 

Entrega polos tratados internacionais

Segundo apuntou Mosqueira os tratados internacionais estabelecen que é preciso entregar as pezas ao Estado do que foron espoliadas e despois, dentro do Estado polaco, as partes interesadas deben discutir internamente a quen lle corresponden.

“O tema estivo parado porque non o estaba nada claro que a pesar da nosa boa disposición viñera un pleito ou unha reclamación pola devolución. Queriamos cubrir as espaldas e agora sabemos que estamos cubertos”, asegurou o vicepresidente. Por este motivo solicitáronse informes que resolveron a cuestión legal e a Deputación decidiu reactivar o procedemento de devolución. 

A noticia da identificación do díptico como ben espoliado xurdiu durante o confinamento pola pandemia cando o Departamento de Patrimonio Cultural do Ministerio de Cultura e Patrimonio Nacional de Polonia  contactou co Museo de Pontevedra.

As dúas pezas pertencían á Colección Czartoryski e saíron de Varsovia en 1944 e reapareceron no comercio de arte de Madrid en 1973. Despois, ingresaron no Museo como depósito do coleccionista José Fernández López e, desde 1994, son propiedade do Museo.

Comentarios