A Galiza pon a roupa da modernidade

O Museo de Pontevedra exhibe a exposición Ruth Matilda Anderson. Unha viaxe pola indumentaria tradicional de Galicia, organizada en colaboración coa Hispanic Society de Nova York, que repasa a evolución do traxe tradicional galego a partir das fotos tiradas pola fotógrafa americana na Galiza da década de 1920.
Vista da exposición de Ruth Matilda Andrerson no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.
photo_camera Vista da exposición no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.

O traballo realizado pola fotógrafa e investigadora americana Ruth Matilda Anderson na Galiza aínda segue constituíndo unha fonte inestimábel de información. O Edificio Castelao do Museo de Pontevedra exhibe, até o 16 de outubro, a exposición Ruth Matilda Anderson. Unha viaxe pola indumentaria tradicional de Galicia, organizada en colaboración coa Hispanic Society de Nova York, que se encargou de proporcionar o material fotográfico, e comisariada pola pontevedresa Asociación Etnográfica Sete Espadelas.

A mostra reproduce as vestimentas fotografadas por Ruth Matilda Anderson nas súas viaxes a Galiza entre 1924 e 1926 por encargo da sociedade neoiorquina. Unha experiencia que permite coñecer a Galiza dos anos 20 a través da lente da súa cámara e as anotacións do seu libro. 

"Nós coñeciamos desde hai tempo o traballo de Anderson" relata David Quiñones, un dos comisarios da exposición, en conversa con Nós Diario, "sobre todo algunha foto moi característica como a do mantelo de Betanzos. No ano 2017 comezamos a darlle voltas ao proxecto, e propuxémoslle a idea da exposición a Carlos Valle, que na altura era o director do Museo de Pontevedra, e comezamos a traballar. Foi un camiño longo porque non contabamos coas dificultades da burocracia: conseguir os dereitos das fotografías foi unha odisea, porque a Hispanic Society cedéralle os dereitos destas fotos a Abanca até 2020. O proxecto quedou na recámara e houbo cambio de director no Museo, pasamos por unha pandemia..., pero finalmente puidemos levar a cabo a exposición. E hai que dicir que a Hispanic Society se implicou moitísimo, até o punto de que volveron a dixitalizar todas as fotos de Anderson, grazas ao que contamos cunhas imaxes dunha calidade extraordinaria". 

Un caderno de bitácora

A obra de Anderson contén moita máis información da que dan as fotos, e iso enriquece o traballo levado a cabo por Sete Espadelas. "Hai moitas imaxes desa época realizadas por outros fotógrafos das que non te podes fiar en demasía", explica Quiñones, "hai moito traxe antigo colocado sobre roupa moderna, traxes que se puña a xente só para posar diante da cámara... Moitas cousas que distorsionan a realidade do momento. O bo de Anderson é que acompaña cada foto cun texto que a contextualiza: anota todas as circunstancias nas que se tirou a imaxe e iso permítenos saber se a roupa que levaba posta unha muller, por exemplo, era a que estaba usando cando ela a atopou ou se a tiña gardada da súa avoa e púxoa exclusivamente para sacar a foto. Ela apunta todos eses datos, o que converte o seu libro nun auténtico caderno de bitácora cunha información valiosísima".

O inicio da modernidade

A maior parte dos traxes que fotografou Ruth Matilda Anderson pertencen a un momento histórico de transición entre o traxe tradicional e o traxe de época, o que mostra como foi a entrada da modernidade na Galiza. "Eran traxes xa moi evolucionados a respecto do traxe tradicional", aclara Quiñones. "Realmente, trátase dunha exposición sobre como era a Galiza da década de 1920, aínda que o reclamo sexa a indumentaria tradicional", engade o comisario e membro de Sete Espadelas. "O que se mostra é un país que aínda estaba moi mergullado no século XIX e que comezaba a evolucionar cara a esa modernidade".

A exposición, neste sentido, conta tamén con ferramentas de traballo orixinais da época que permiten recrear, na mente do público, como era a Galiza daquel tempo. "Non é o mesmo pór simplemente o traxe dunha redeira que pór o traxe ao carón da foto e das ferramentas que usaban as redeiras nesa altura", acrecenta Quiñones. "O obxectivo da Hispanic Society era precisamente deixar constancia do que estaba a piques de se perder, por iso Anderson puña moito empeño en entrar nas casas da xente e en que lle ensinasen as cousas vellas que tiñan gardadas". 

Un libro sen traducir

Quiñones incide no enorme traballo de Anderson e na súa habilidade para conseguir que as persoas confiasen nela para mostrarlle as súas pertenzas e para deixarse fotografar. "Realmente ela estudara moi a fondo a cultura galega, coñecía moi ben o país e, ademais, empatizou moi ben coas mulleres, posibelmente guiada por ese coñecemento de que elas eran as que facían moitos dos traballos máis duros da casa".

"Era unha persoa extremadamente culta e cun coñecemento do país sorprendente", di. "O outro día comentabamos medio de broma que se fose un home xa lle terían dedicado un Día das Letras Galegas. É bastante incomprensíbel que o seu libro non estea traducido xa ao galego, por complicado que resulte. En todo caso, hai varias institucións que están traballando niso e creo que chegará máis cedo que tarde".

Comentarios