Tres murais galegos compiten por ser o mellor do mundo

A autora, Lula Goce, empregou a intelixencia artificial para xerar o rostro da muller retratada, partindo dunha mestura de imaxes de Penélope Cruz e outras caras femininas elixidas aleatoriamente.
Detalle do mural 'A dona do esteiro', de Lula Goce, situado na Ramallosa de Nigrán. (Foto: Europa Press)
photo_camera Detalle do mural 'A dona do esteiro', de Lula Goce, situado na Ramallosa de Nigrán. (Foto: Europa Press)

O mural 'A dona do esteiro', de Lula Goce, que pode verse na Ramallosa, en Nigrán (comarca de Vigo), compite estes días con outros 50 traballos artísticos na plataforma internacional streetartcities.com para proclamarse o mellor do mundo. A obra da artista baionesa, situada nunha medianeira de 250 metros cadrados entre as rúas Argonautas e Romana Baixa, mostra un rostro feminino adornado con motivos vexetais e mariños, acompañado doutros elementos naturais.

O Concello de Nigrán animou os veciños e veciñas a entraren na web desta plataforma e votar pola obra de Lula Goce, e subliñou que o mural, ademais de supor a "transformación" da zona, tivo unha acollida "incríbel" por parte da cidadanía, de modo que se converteu "nun referente máis" do municipio, segundo o alcalde, Juan González.

Este municipio reúne o maior número de obras de Lula Goce dentro da Galiza. En 2018 pintou a fachada do CEIP Carlos Casares de Vilariño; en 2020, o campo municipal de Condomínguez, en Priegue, e tamén ese ano, un gran mural en Panxón. 'A dona do esteiro' foi contratada en abril de 2023 polo Concello e, precisa a artista, a imaxe pretende trasladar unha mensaxe de defensa do medio ambiente e do estuario do Miñor, e de "orgullo de pertenza e de identidade compartida".

Neste mural, por primeira vez a artista empregou a intelixencia artificial para xerar o rostro da muller retratada, a partir dunha mestura de imaxes de Penélope Cruz e outras caras femininas elixidas aleatoriamente. Con todo, a pintura está dedicada a unha muller moi concreta, Lourdes Goce, nai de Lula, "pola súa tenacidade, forza e capacidade para superar todos os obstáculos que a vida pon".

Lula Goce, licenciada en Belas Artes en Salamanca e máster de creación artística e DEA na Facultade de Belas Artes da UB Barcelona, formou parte de espazos artísticos como Hangar en Poblenou, Caminal ou A Escocesa. O seu traballo como muralista foi recoñecido a nivel internacional e, en próximas datas, traballará nunha pintura nunha adega de Requena, en Mónaco coa Fundación Príncipe Alberto, coa Fundación Celta de Vigo e en Suíza, Detroit, Santiago, Doha ou Mallorca.

Fene

Outro mural situado en Fene (Ferrolterra) compite tamén polo prestixioso galardón. É unha obra do artista Sfhir realizado na primeira edición do Perla Mural Fest, que decorreu en agosto de 2023 para homenaxear a desaparecida Sala Perla e a tradición musical da localidade. A pintura ocupa a superficie dun edificio de nove pisos na rúa da Fraga. A estrutura do edificio forma parte do mural, dado que o artista integrou o pozo de luz do edificio como parte do violoncelo. Desta forma, cando os veciños acenden as luces a pintura cobra vida.

Lugo

Pola súa parte, o mural candidato ao mellor do mundo de Lugo, obra do artista lucense Manuel Pallín Yoe (Yoe 33), xa foi galardoado como o mellor do mes de xuño nunha votación da mesma plataforma. 'Copora', coñecido como 'A Castrexa', representa unha muller da tribo dos coporos. Para a figuración o artista tomou como referencia o museo provincial de Lugo.

Este retrato situado na Rolda da Muralla número 156 non é o único galardoado das rúas lucenses. A primeira edición do premio de 'Street Art Cities' foi no 2021 e foi outorgado a Diego As por un mural de 20 metros de Julio César, situado tamén canda a muralla de Lugo.

Comentarios