O mundo era tan redondo!

A medievalista Carolina Casal e a escritora Carme Varela, autoras do libro 'Prófugas e apóstatas. As monxas touquinegras da Galiza', editado por Sermos Galiza S.A., responden nestas páxinas de 'Nós Diario' as cuestións suscitadas por César Lorenzo na súa crítica publicada na web biosbardia.org.
Na esquerda, capa do libro 'Prófugas e apóstatas. As monxas touquinegras da Galiza'. Na parte dereita, arriba, Carolina Casal e abaixo Carme Varela.
photo_camera Na esquerda, capa do libro 'Prófugas e apóstatas. As monxas touquinegras da Galiza'. Na parte dereita, arriba, Carolina Casal e abaixo Carme Varela.

Din que se non tes inimigos non es ninguén. Estamos ben contentas porque acaba de saír unha critica feroz sobre o noso libriño Prófugas e apóstatas. Contadas veces tan poucas páxinas mereceran tantos improperios. Vén asinada por César Lorenzo Gil no seu blog Biosbardia, e ponnos coma o pau dun galiñeiro. Xa no título acúsanos de facer “terraplanismo historiográfico”. Nunha mensaxe do 11 de outubro unha de nós dicíalle á outra “Vannos meter na máquina de facer chourizos”. Hoxe visualizamos a nena do Poltergeist dicindo aquilo de “xa están aquííííí”.

A Lorenzo Gil non lle gustou nada o libro. Está no seu lexítimo dereito. Cando unha (ou dúas) escreben, expóñense á crítica. Vai no contrato e é boa cousa que a haxa. Nós felicitámonos de que o autor, coñecido por ser o enfant terrible da crítica galega, saíse do ámbito que el domina tan ben, que é o da crítica literaria, e se adentrase na crítica historiográfica que cremos que ata o de agora tiña pouco ou nada explorada. Todos precisamos de vez en cando saír da nosa zona de confort. Louvamos a súa valentía.

Algúns lectores cuestionárannos que un libro, de clara vocación divulgativa, estivese tan cheo de citas e referencias. Sabemos que as citas fan pesada a lectura, pero abordamos un tema que pode resultar polémico e é preciso sinalar fontes a contrastar. Aínda bo é que o noso texto vai cargado de grande aparato de citas xa que de non ser así en vez de terraplanistas teríasenos acusado de inventar o que non está inventado.

Cando nos propuxemos botar luz sobre unha páxina oculta da nosa historia, como é o da persecución ao que foran sometidas as monxas bieitas galegas, sabiamos que pisabamos un terreo cheo de perigos. A Lorenzo Gil dámoslle a razón nalgunhas cousas e noutras non tanto e é xusto que as fagamos públicas:

Primeiro.- Di o autor da crítica que o noso libelo (así o denomina) está escrito contra a historiografía oficial. Pois non podemos estar máis de acordo. Di que o libro naufraga porque está moi mal escrito. Pois para estar tan mal escrito, entendeuno perfectamente. Estamos en desacordo co tratamento que a historiografía oficial lle deu ao conflito destas mulleres, reproducindo sen reinterpretación os argumentos que os inimigos das bieitas galegas (non fontes imparciais, senón os seus inimigos) deixaron. Porque reproducir non é facer historia. Como dixo unha vez Alfonso Paz-Andrade falando de certo “biografiador”: iso é moito esforzo físico e pouco intelectual.

Cansadas de ter escoitado e lido na historiografía oficial que as monxas bieitas galegas eran unhas perdidas, disolutas e non sabían gobernar os seus mosteiros, preguntámonos o motivo polo que os “super-académicos” non puxeron en cuestión unhas fontes tan parciais e deron credibilidade total ao que eran documentos de parte. Atrevémonos a cuestionar cal pode ser o motivo para que estes historiadores encontrasen do máis normal que os mesmos que as difamaron, primeiro as xulgasen, logo as condenasen, e máis tarde fosen os mesmos que se beneficiaron da súa condena, tomando conta dos seus bens e creando o relato dos feitos. A secuencia resulta sospeitosa para calquera menos para os super-historiadores oficiais que se ocuparon do caso.

Tivo que ser unha muller, Sor Mercedes Buján, arquiveira do mosteiro de Antealtares onde estas monxas foron recluídas, a que sinalou que “Alguno, quizá porque no recibía el beneficio que él quería del monasterio, se desquitaba escribiendo mal de la abadesa, calumniándola. Y esos escritores, de pluma barata, se fiaron de lo que encontraron escrito, alegando su autenticidad al pie de página”. Probablemente para o noso crítico Sor Mercedes Buján sexa unha desas fontes desactualizadas que nos acusa de manexar.

Segundo.- Di o autor da crítica que, sen probas, acusamos á Academia de ocultar e silenciar as voces femininas. Pois temos que darlle a razón outra vez. Facemos a acusación e mantémola. Mais non é sen probas. Onde están eses libros nos que a Super-Academia botou luz sobre os feitos? Como explica a Super-Academia que Sor Constanza Vázquez de Somoza fose condenada por non saber gobernar o mosteiro de Lobios e logo enviada a poñer orde no da Cova? Se todo o conflito se debía á perda de confianza nas abadesas por que non se elixiron novas abadesas galegas e os mosteiros seguiron o seu percorrido na historia? Se eran tan evidentes as razóns de Castela por que vinte anos despois de iniciado o conflito Roma ameazaba aos monxes casteláns coa excomunión e a ilegalización como aos templarios? Se o conflito territorial Galiza/Castela non ten nada que ver por que se limitou a presenza de monxas galegas nos postos de mando e se trouxeron monxas de fóra de Galiza? Se a decadencia dos mosteiros galegos era tal por que lles levou case 30 anos sometelas aos catro Papas e tres monarcas aos que se enfrontaron?

Cando deu a Super-Academia unha explicación ao feito de que as monxas casteláns acabasen dirixíndose a Roma para achegar fóra de prazo documentación que mantiveron oculta durante o proceso co fin de evitar ser acusadas de subrepción? Se as nosas monxas non tiñan ningunha razón nas súas demandas que motivos había para xustificar as concordias asinadas para tomar posesión dos seus mosteiros finalmente? E varios etcéteras máis que nos fan manter a acusación. Onde están esas fontes documentais e eses libros tan boísimos que le o noso crítico onde se dá resposta a todas estas preguntas? O mundo era tan redondo cando ninguén facía preguntas... E disque as nosas preguntas achandaron o mundo.

Terceiro.- Di o autor da crítica que hai unha amplísima e bastante estudada documentación existente. Ula? Como di o Padre Colombás no seu estudo de máis de cincocentas páxinas sobre o mosteiro de san Paio de Antealtares “los documentos, comprensiblemente, escasean, pues nadie tiene interés en conservar papeles o pergaminos embarazosos”.

Claro que hai documentación amplísima. Pero quen a xerou e con que fins? Que fiabilidade ten, se se fixo ao ditado dos que controlaron os territorios destas mulleres unha vez que foron desposuídas dos seus mosteiros?

Para rematar o crítico preocúpase polos cartos públicos empregados na publicación deste libro. Fai ben. Tamén debería preocuparse polos cartos públicos que alimentaron durante anos e anos unha universidade que lle virou as costas á nosa historia. Ou tamén é culpa dos galeguistas, aos que el sinala, a falta de investigación sobre feitos e momentos cruciais da historia do país e a nula reinterpretación das fontes?

Acúsanos de adxectivar en demasía. Quen nos dera adxectivar como fan outros que cualifican de “cómico” o episodio de rebelión destas monxas prófugas! Esta historia está chea de grandes mestres adxectivadores e nós non somos as maiores nin as mellores. Sabémolo.

Cando nos propuxemos sacar á luz os nomes destas mulleres que outros empurraron á lama e sepultaron no esterco sabiamos que ía ser necesario manchar as mans. Fixémolo e non estamos arrepentidas. As nosas abadesas non precisan, como di o autor da crítica, que nós as envolvamos en estreleiras, nin que as levemos de manifestación ao 8-M. Non está no noso ánimo facer tal cousa. Deixémolas andar libres pola historia, mais deixémolas andar. As que temos que ir á manifestación o 8-M somos nós as dúas, que boa falta fai aínda, xa que os Super-Académicos e os historiadores, que non atopan razóns para falar da doma e castración ás que estas mulleres foron sometidas, seguirán aí cando espertemos o día 9. Seica.

Oxalá plumas mellores e máis acaídas que as nosas sigan botando luz sobre as monxas desterradas. Prófugas e apóstatas terá cumprido co seu fin se esperta a ansia por saber máis destas mulleres, de investigar máis e de divulgar. Outras virán que o farán mellor ca nós.

Cequeliños, as que somos de Albeos -e nós somos moi de Albeos-, saudámoste!

Comentarios