Entrevista

Carolina Casal e Carme Varela: "As monxas bieitas ficaron silenciadas por seren mulleres e pola 'doma e castración'"

Aínda que fisicamente desaparecesen, a realidade dos 14 mosteiros de mulleres que funcionaron na Galiza ten unha longa historia de esplendor e resistencia que é abordada nas súas implicacións políticas e sociais por Carolina Casal (Ferrol, 1974) e Carme Varela (A Baña, 1970), en Prófugas e apóstatas. As monxas touquinegras da Galiza, unha nova entrega das ‘Biografías Esenciais do Reino de Galiza’ coa que Nós Diario agasalla as lectoras e lectores este sábado.
Carolina Casal e Carme Varela, autoras do libro. (Foto: Xan Carballa)
photo_camera Carolina Casal e Carme Varela, autoras do libro. (Foto: Nós Diario)

—Cal é a razón de que se mantivese tanto tempo oculta unha realidade como a dos catorce mosteiros de mulleres que houbo no país?
Carolina Casal: Pola masculinización do relato histórico. Como suxeitos de estudo para a disciplina, as mulleres permanecemos relegadas, esquecidas e silenciadas até que os movementos feministas da década dos 70 do século pasado comezaron a escribir a nosa propia historia. As mulleres pasamos desapercibidas, cando non silenciadas, incluso nas universidades que desde o século XIX se decantaran pola investigación da historia social, política e económica pensada pola elite masculina e onde as mulleres non estabamos presentes. Hoxe o panorama é outro, mais como investigadora, fico perplexa cando novos e tamén vellos investigadores comezan a revisar o papel das mulleres na historia, xa que seguen a adoptar un punto de vista masculino.

Así que, as monxas bieitas de finais do século XV e primeiros do XVI ficaron silenciadas primeiro por seren mulleres e segundo pola “doma e castración” do Reino da Galiza que levou á desaparición de toda a documentación que se refería a elas, cousa cando menos sospeitosa. Hoxe en día só permanece a producida pola Coroa de Castela. É un caso de silencio dobre. Un silencio que leva a que na actualidade saibamos máis sobre a perda das fortalezas civís ou sobre personaxes como Pardo de Cela que sobre a desaparición das grandes fortalezas eclesiásticas femininas galegas ou sobre calquera das 14 abadesas bieitas que presentaron unha incríbel loita durante trinta anos.

—Esta cegueira tamén afectou a historiadores cunha visión máis galega e progresista?
Carme Varela: Hai unha inercia, pero tamén hai que entender que Castela fixo ben o seu traballo e borrou a fondo a documentación que comprometera o seu relato oficial. Cando o Padre Colombás di que faltaba documentación, pois claro que falta, pero é que ninguén quere conservar papeis que o comprometan. A que elas elaboraban contradicía o discurso creado. E as acusacións contra estas mulleres en xullo de 1499, en San Paio de Antealtares, están por completo orquestradas. Acúsanas a todas do mesmo, prívanas de asistencia xurídica, da posibilidade de ter testemuñas de descarga… En contra delas xogou que non eran as apropiadas para quen procura un “Braveheart” na súa historia, para ese papel nin se che ocorre pensar nunhas monxas de clausura metidas en 14 mosteiros por toda Galiza. Non son o referente que temos na cabeza. E non se souberon ler as contradicións que había, ninguén fixo o esforzo de cuestionar por que esa batalla dura 30 anos ou por que foi tan custoso controlar os seus mosteiros. Os historiadores non se fixeron as preguntas adecuadas e o factor de ser mulleres contribuíu a consolidar a verdade que impuxo a coroa de Castela.

C. C.: Igual que o libro As desterradas de Carme. Este tema xorde cando estabamos traballando coa asociación O sorriso de Daniel na limpeza do mosteiro de Albeos (Crecente). Eu son historiadora da arte e para analizar unha obra teño que coñecer o contexto histórico, así que como investigadora das feiticeiras imaxes medievais da Ribeira Sacra coñecía os dramas de San Miguel de Eiré ou de San Xillao de Lobios, entre outros, e das súas abadesas, mais tivo que ser unha persoa allea á disciplina histórica a que prestase atención e sacase este tema á luz, cuestionando o relato oficial cando os “autorictas” na materia non o fixeran.

Contra as donas touquinegras xogaron moitos elementos: primeiro os seus apelidos e o seu poder terreal e tamén espiritual, elas eran as irmás, tías ou sobriñas dos propietarios das fortalezas civís e, polo tanto, pertencían á nobreza galega, feito que a Coroa de Castela non pasa por alto; segundo, a campaña propagandística que os Reis Católicos realizaran en Roma e que mantiña o papado ao seu favor de cara a poder “reformar” os mosteiros femininos; e terceira, a propia Igrexa que remataba de saír do Cisma de Occidente, onde dous papas con dúas sés diferentes estaban en loita polo poder, o papado en Roma co apoio do Reis Católicos subliñaba a súa forza e asentaba definitivamente a súa sé na capital do Imperio Romano. Que o Reino da Galiza fose o primeiro no que a Coroa castelá puxese en práctica a Reforma Observante non foi un feito ao chou e rematou coa vida nos cenobios bieitos femininos e co poder das nobres galegas que os habitaban. O que debería de ser o “proxecto piloto” que logo se poría en práctica nos restantes reinos baixo o dominio de Castela só se leva a cabo aquí. Os demais mosteiros bieitos femininos pasaron tamén, como os cataláns, a depender de Castela mais as monxas permaneceron nos seus cenobios e con elas a vida espiritual e tamén intelectual. Por iso subliñamos a alusión que Castelao realiza en 1931, a “doma e castración” do Reino da Galiza, por moito que insignes historiadores actuais critiquen o de “castración”, o realizado pola Coroa de Castela non só foi “domar” a Galiza, foi mutilar co fin de rematar cun ADN, co seu poder, coa súa lingua e coa súa cultura en prol do supremacismo castelán, do seu poder, da súa lingua e da súa cultura.

—Falamos de 14 mosteiros, cunha dimensión que vai máis alá do número de monxas que os administraban.
C. V.: Empezáramos cando a limpeza das ruínas de Albeos, que era un mosteiro que estaba en Crecente, e para que se entenda a dimensión do seu poder hai que saber que, ademais das da súa contorna, tiñan tamén terras en Redondela ou Melgaço. No xuízo imputábanlles a todas as abadesas que eran casas empobrecidas, que perderan poder, e iso é algo que non se demostrou en absoluto. De feito en datas aproximadas aos xuízos fixeron obras importantes nos seus mosteiros que serían imposíbeis se estivesen na precariedade. Elas controlaban territorios extensos e os reis non farían un esforzo tan importante para controlalas se só fosen catro monxas rezando o rosario e tocando as campás. Tiñan poder e controlaban unha parte importante do territorio galego, sumado ao que xa detentaban as súas familias, porque non hai que esquecer que estas monxas bieitas viñan das máis importantes familias da nobreza galega, coas que teñen conflitos e ententes. Cando a condesa de Caminha socorre a abadesa de Albeos, hai un xeito de achegarse que non podemos documentar pero supomos que hai algunhas relacións de familia con algunha das monxas que alí estaban e a condesa.

C. C.: Si, a dimensión vai máis aló do número de monxas. Elas manexaban a súa “dote ou lexítima”, cousa que lles permitía acceder ao mosteiro, vendendo, mercando, aforando e obtendo rendemento económico até o momento da súa morte, cando as propiedades e os pagos pasaban á facenda monástica. Os mosteiros medraban sen fin grazas, tamén, ás doazóns de monarcas, nobres ou particulares que os levou a se converter en grandes poderíos terreais e os seus dominios en grandes factorías, eran as multinacionais do medievo. Por exemplo, se hoxe temos a paisaxe que temos na coñecida como Ribeira Sacra, poboada de impresionantes muras ou socalcos cheas de vide, é grazas aos entes monásticos, a maioría rexidos por poderosas mulleres que aforaban as súas terras e dirixían o que había que plantar e producir. Elas cobraban en moeda mais tamén en especias, que á súa vez vendían aos novos e vellos burgos, xa que o viño, tanto para eucaristía, como para a alimentación medieval ou para os praceres mundanos, era un ben básico.

—Levaban implantadas moito tempo, pero o proceso de supresión é categórico e rápido, encaixa na decisión global de unificación da monarquía castelá?
C. V.: Durou trinta anos, non é pouco tempo, pero certamente os mosteiros xa levaban consigo unha vida moi longa. Algunhas das monxas a pesar de toda a presión conseguiron manter o control máis alá da data que se dá como final de 1515, como a de Trives. Igual que cara atrás hai unha brétema espesa, para adiante tamén, porque na documentación aínda vemos que aparecen foros asinados pola abadesa dese mosteiro, o que nos di que o fechamento non foi tan súpeto e firme como a historia nos contou até agora. Colombás e Mercedes Buján son os dous historiadores da orde bieita que deixan máis indicacións de que o que nos contaban sobre elas era moi cuestionábel. É importante destacar que desde dentro da orde non aceptaban ese relato oficial.

—Fisicamente os mosteiros xa non están…
C. C.: Non, xa non están, só permanecen en pé as súas igrexas, que xa tiñan ou pasaron a usos parroquiais, mais as fábricas edilicias dos seus cenobios perdéronse co tempo. Se non  había vida monástica, para que ían servir ditas estruturas? Así que non podemos admirar as dimensións das súas salas capitulares, bibliotecas, celas, cociñas e adegas, e non podemos pasear polos seus, de seguro, exquisitos claustros, nin enfeitizarnos contemplando a beleza das imaxes dos seus capiteis. Uns espazos sufragados cos seus propios cartos e unhas imaxes ditadas desde a intelectualidade teolóxica feminina; de feito, máis aló de que foran espazos relixiosos, como indicou no seu día Ofelia Rey Castelao, neles as mulleres eran as que decidían o seu goberno e administración, e a propia documentación, incluso a contábel, estaba elaborada por mulleres.

—No libro úsase a expresión “monxas rebeldes”, mesmo falan das “Pussy Riot” da época.
C. C.: Si. Eran unhas mulleres en loita, en defensa da terra, mais tamén da súa dignidade, rebeldes en defensa da verdade. Loitaron de todos os xeitos posíbeis: encastelándose nos seus mosteiros e empregando as armas, fuxindo de Antealtares e regresando ás súas terras, aos seus cenobios, facendo o posíbel para que o seu patrimonio non caese en mans castelás e preiteando até chegar a Roma… Todos os xeitos de resistencia eran válidos e todos empregaron. Todas loitaron até a fin, non se axeonllaron e moitas delas conseguiron seguir até que quixeron ou até o seu falecemento nos seus mosteiros. Até a morte como señoras e non como servas, cousa que perseguía a Coroa de Castela.

—Impúxoselles estar enclaustradas en San Paio de Antealtares, pero tamén hai unha fuxida de nove delas que ten a súa épica.
C. V.: Téñolle lido a algúns historiadores relatar ese feito como se fose algo cómico. Se o fixesen homes usarían outro ton. Porque esa fuxida do que fala é da valentía e da capacidade de loitar pola súa liberdade e a súa autonomía e de non caer nas mans da congregación de Castela, que para elas supoñía perder o control sobre as súas vidas e as súas facendas. É unha rebeldía prolongada e hai mosteiros dos que a congregación de Castela tivo que tomar posesión até tres veces, o que di moito do que pelexaron. Por non falar do “incidente” con Rodrigo de Valencia, que era o encargado polos Reis Católicos de sometelas e que morre envelenado con outros dos seus acompañantes finalizado o proceso. Aínda non sabemos en que circunstancias nin quen foi responsábel, pero podemos facer suposicións. Enfrontáronse a catro papas e varios reis, dicimos, ou sexa aos grandes poderes do momento, coa Coroa de Castela no seu momento de esplendor.

—Queda esperanza de fondos documentais que boten máis luz sobre elas?
C. V.: Sempre poden aparecer novas cousas, pero o traballo de destruír foi moi intenso e deliberado. Quizais estudando os fondos do Vaticano poderían aparecer novos elementos. 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios