A Casa da Cultura de Verín acolleu durante a xornada de onte a presentación do Mumi, o I Encontro Profesional de Música Galiza-Portugal.
O evento, que se desenvolverá en Verín os días 12, 13 e 14 de marzo, reunirá artistas e bandas, promotoras, empresas de management, festivais, discográficas ou empresas de servizos e produción para "compartir ideas, crear sinerxias sólidas, estabelecer novas redes de contacto e coñecer novas propostas en primeira persoa", segundo explican desde a organización.
O Mumi é o primeiro mercado profesional de música e cultura que se organiza entre os territorios da Galiza e Portugal, e está promovido desde unha asociación integrada por empresas, profesionais e colectivos do sector musical galego e portugués.
Mumi nace co obxectivo de "crear unha ponte de ida e volta real e estábel para as músicas de ambos os dous países", segundo explicou a organización, que engadiu que entre as súas intencións tamén está "fixar unha axenda anual de traballo conxunto a nivel sectorial, empresarial e institucional, para que se converta no espazo de referencia da actualidade musical da Galiza e Portugal".
O acto de presentación do certame contou coa presenza de Diego Lourenzo, tenente de alcalde do Concello de Verín; Emilia Somoza, concelleira de Cultura de Verín; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Ana Villarino, deputada de Turismo da Deputación de Ourense; Manuel Vicente Roxo, de Culturactiva SCG por parte de Mumi Galiza e José Costa, da axencia Banzé, por parte de Mumi Portugal.
Áreas de programación
A feira contará cunha programación profesional que incluirá actividades de formación -técnica, xurídica e en marketing-, speedmeetings -encontros rápidos- entre profesionais do sector, showcases cunha selección de artistas e bandas da Galiza e Portugal, e unha feira sectorial con presenza das empresas das diferentes áreas do sector.
Tamén haberá concertos abertos ao público en xeral cunha selección de propostas musicais de diversos estilos e formatos, nunha programación "que mesturará os novos valores e as figuras xa consagradas en espectáculos multidisciplinares para público familiar e adulto".
Manuel Vicente Roxo explicou que o Mumi xorde para satisfacer unha demanda da industria: "Había tempo que tanto as bandas e artistas como a industria musical galega e portuguesa andabamos á procura dun espazo onde recoñecernos como sector profesional, como xeradores de riqueza e diversidade”.
Roxo engadiu que "o Mumi pretende converterse nunha plataforma de internacionalización das nosas músicas, un espazo onde Galiza e Portugal poidan cooperar directamente, tecendo redes profesionais que fortalezan realmente o sector musical profesional e onde sexamos capaces de xerar sinerxías que repercutan a medio prazo na musica dos dous países".
Pola súa banda, Zé Costa indicou que "era necesario este achegamento á Galiza para acabar con este descoñecemento mutuo que acontece ao longo de toda a fronteira".