O ESCULTOR RECONVERTIDO A VÍDEO-ARTISTA GAÑA O CERTAME DE CURTAS DA AS-PG

'Mulleres Muro' descobre un novo Pepe Galán

O triunfador na categoría xeral do Certame de Curtas da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) móstrase “moi honrado e contento”, especialmente por ser “un ámbito novo" para el. “Non me considero un vídeo-artista -declara a Nós Diario- pero vou aprendendo a usar a imaxe, e dou grazas pola distinción,  máis tendo en conta que eu, como a AS-PG, estou moi a prol do idioma e de rescatar certos elementos da identidade e da cultura galega.
Fotograma de Mulleres Muro
photo_camera Fotograma da intervención 'Mulleres Muro' tomado na Prisión Provincial da Coruña (Pepe Galán)

O artista coruñés Pepe Galán leva desde os anos 70 vinculado o mundo da arte galega. Recoñecido popularmente polas súas esculturas e intervencións, cando se lle pregunta, prefire ser considerado como un “artista multidisciplinar” máis que cinguirse a unha etiqueta como “pintor” ou “escultor”.

Mais o que poucos poderían contar é coa súa nova faceta de vídeo-artista, que o levou a ser escollido polo xurado como gañador do IX Certame de Curtas da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) polo filme Mulleres Muros.

Considerado polo xurado como un proxecto que destaca “pola súa plasticidade e simbolismo”, tamén definiron a obra na súa resolución como “conmovedora, angustiosa e violenta ao mesmo tempo, cunha música e efectos sonoros que envolven a imaxe e a potente voz narradora na excelente combinación de relato e texto poético para transmitir a intensidade do horror fascista”. 

Dez anos ‘no forno’

Pepe Galán explica para Nós Diario as orixes de Mulleres Muro, que están no ano 2010, cando levou a cabo unha intervención na Prisión Provincial da Coruña: “Alí tiven a idea de representar o que puido ser diante do cárcere, realizando unha instalación moi sinxela, poñendo unhas botas de militar, uns zapatos de muller e unha serie de pegadas reproducindo a valentía desas Mulleres Muro, como eu as chamo, que non permitiron que os falanxistas sacasen de paseo os presos que tiñan alí”.

Sobre a súa transición artística a este novo formato, recoñece que é “novo” para el, mais pensa que na arte existen moitos exemplos de transicións exitosas, "como a de Pablo Picasso do cubismo ao collage".

Cristina de La Torre: "Animo a participar no Certame"

Na categoría Centros de Ensino da IX edición do Certame de Curtas da AS-PG, o primeiro premio recaeu no filme Rosalía, quilómetro cero, de Cristina de La Torre e o IES Macías o Namorado, de Padrón. A gañadora, que se mostra “moi agradecida” polo recoñecemento, apostila que “o premio é para os rapaces e para o centro”.

De La Torre relata para Nós Diario o “positivo” da experiencia elaborando a curtametraxe, e quere “animar” a participar a “todo o mundo, tanto rapaces como outros profesionais”. 

Con respecto a Rosalía, quilómetro cero, explica que se trata dunha peza audiovisual “filla do seu tempo”: “É unha filla do tempo do remix, do tempo dos formatos múltiples, das colaboracións, de coller cousas de internet e de utilizalas dun xeito positivo e divulgativo”.

Ademais, Cristina de La Torre confesa que a peza é “tecnicamente mellorable”, mais “narrativamente ofrece unha visión de Rosalía de Castro que é perfecta para presentar a un grupo de rapazas e rapaces, que é o obxectivo”.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios